No camiño da abolición

Que a tauromaquia non é popular no territorio galego non debería sorprender a ninguén. Que algúns gobernantes mediocres e outros cargos electos tenten aproveitar a súa posición e dispoñibilidade de fondos para subsidiar esta actividade tampouco debería sorprendernos. E que finalmente estamos nun camiño marcado pola abolición si debería ser unha boa nova.

O manifesto O futuro: abolición é unha boa mostra dos intereses compartidos dos mozos e das mozas galegas, que nunha maioría abafante rexeitan as touradas

O traballo a prol da fin destes espectáculos cruentos, política inherente do pan et circenses da época romana pero cun remozado estilo de cultura e tradición polo medio, comeza a dar os seus froitos na activación da cidadanía e nomeadamente da mocidade galega. O manifesto O futuro: abolición é unha boa mostra dos intereses compartidos dos mozos e das mozas galegas, que nunha maioría abafante rexeitan as touradas, os subsidios e a permisividade con que se deixa asistir a esta atrocidade cultural ás persoas menores de idade. Poden ver esta aberración, pero non poden ver certos contidos na televisión?

Isto adoita chamarse hipocrisía, cando a tortura e a mutilación dun ser vivo convértese nun evento apoiado polo estado español, por algunha deputación galega e por certos concellos da comunidade, para fomentar de maneira paralela uns valores errados. A vida é vida, a cultura é creación e inspiración, nunca o leitmotiv para facer da tortura un espectáculo, e moito menos para protexelo como se fora algo que interesa á sociedade.

Movementos com o manifesto O futuro: abolición son, sen ningunha dúbida, un paso adiante na loita contra estes festexos cruentos, pois demostran como a mocidade neste caso, se posiciona de xeito radical contra as touradas. Organizacións heteroxéneas no político pero homoxéneas na súa oposición á tauromaquia demostran que os mozos e as mozas non acudiremos á tortura pública dun ser vivo, e moito menos permitiremos o subsidio destes espectáculos cos nosos cartos. Exemplos non faltan: A Coruña, Sarria, Padrón…

Os pasos firmes veñen dos países do outro lado do Atlántico. En Perú xa hai unha primeira provincia antitouradas, na cidade de Bogotá a praza de touros, de titularidade municipal, convertida nun macroespazo de intervención cultural

Os pasos firmes veñen dos países do outro lado do Atlántico. En Perú xa hai unha primeira provincia antitouradas, na cidade de Bogotá a praza de touros, de titularidade municipal, convertida nun macroespazo de intervención cultural, unha aposta pola cultura popular e inclusiva. Ecuador e Venezuela tamén ofreceron algúns avances. E no vello continente o inmobilismo e o poder dos grupos de presión, aínda moi ben posicionados no vampirismo dos políticos mediocres, ameazan con paralizar pola vía do decretazo ou da involución autonómica (como o caso da ILP estatal protouradas) a vontade da maioría social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.