Hoxe escrebo desde sensacións de carraxe, impotencia, tristura que me atravesan ciclicamente e en bucle. Escrebo tras uns días de moita tensión e moita actividade, e outros tentando de apousentar e reflexionar sobre o acontecido, aínda que estes últimos non foran suficiente. Particularmente preciso pensar mais nisto, ter mais tempo e distancia aos feitos para poder propoñer a medio prazo algo que serva para axudar recompoñer o que, se non rompeu xa, está como mínimo danado de gravidade.
O debate sobre o traballo sexual e a prostitución leva abrindo fenda no feminismo décadas, penso que é o que mais, e non só nos divide, enfróntanos, cun nivel de violencia brutal; tanto, que hai anos que é imposible sentar nunha mesa a figuras relevantes debater sobre o tema. Se baixamos a nivel de activismo si podería ser posible falar entre algunhas de nós; ou así era ata hai pouco, mais o que aconteceu estes días coas xornadas canceladas na Universidade da Coruña son un novo punto de inflexión por diferentes motivos, pero o mais importante é que nos atopamos no que sería o terceiro ciclo #8M. Xa na preparación do 8M de 2019 se quixo introducir o tema e, en aras da unidade, conseguiuse que non se esixise un posicionamento único.
O debate sobre o traballo sexual e a prostitución leva abrindo fenda no feminismo décadas, penso que é o que mais, e non só nos divide, enfróntanos, cun nivel de violencia brutal; tanto, que hai anos que é imposible sentar nunha mesa a figuras relevantes debater sobre o tema
Non escrebo aquí para defender ningunha das posturas, porque ademais non concordo en que, a día de hoxe sexan dúas, nin tan sequera que sexan as mesmas que hai anos. De feito somos moitas as que cremos que pode haber espazo intermedio onde situarse, e abrir novas liñas de debate e, sobre todo de acción. Pero insisto, non escrebo para falar diso.
Escrebo para tentar pedir mesura e responsabilidade. Estes días mulleres en nome do feminismo agredían a outras mulleres publicamente e tamén en privado. Mulleres que se apropian dunha corrente teórica de pensamento feminista moi respectable e que a baixan ata a lama mais noxenta, desprezando a outras mulleres por querer falar da súa realidade desde perspectivas persoais, académicas e políticas. Desprezándonos a quen tiñamos interese en escoitalas e, por que non, debater con elas sobre acordos e desacordos.
Desprezouse a unha institución como a universidade, que mediante un procedemento totalmente rigoroso outorgoulle una pequena subvención a unha alumna para realizar unhas xornadas, chegando a promover un bulo sobre o seu custe. Desprezouna ademais obviando o fin mais valioso que ten un espazo académico, unha universidade pública, que é acoller propostas de pensamento, facilitando espazos de investigación, debate e reflexión para xerar coñecemento.
Escrebo para tentar pedir mesura e responsabilidade. Estes días mulleres en nome do feminismo agredían a outras mulleres publicamente e tamén en privado
E desprezouse ao alumnado. Ben é certo que a mesma corrente do feminismo que coaccionou, ameazou e insultou leva anos infantilizando ás mulleres, negándolles xeralizadamente capacidade de decisión e autonomía, e non só para adicarse a unha actividade, que obviamente moitas cremos que é froito dun sistema patriarcal, como tantas outras, tamén feminizadas, e que se nutren en moitos casos da situación de pobreza e exclusión das persoas ou de sistemas racistas. Agora tamén infantilizan a quen quere escoitar a estas mulleres, ás propias estudantes universitarias, que semella van ser captadas por redes internacionais de proxenetas, non soa a iso dos caramelos con droga ás portas dos colexios? non é absolutamente contrario aos postulados básicos dos feminismos recoñecer e apoiar a autonomía das mulleres? e escoitalas?
Parte dos temas que se abordan na xornada teñen que ver coa violencia á que son sometidas, e outras mulleres, en nome do feminismo, quérenllo negar. Negarlle a mulleres a capacidade de ser suxeito político e, como mínimo, escoitalas e telas en conta como tal nun debate que non está pechado nin no feminismo nin na Academia… isto é feminismo?
Non quero que isto suceda nin en nome do feminismo nin tan sequera do abolicionismo, négome a que se coopten ambos termos, porque creo que nin é así todo o abolicionismo nin, desde logo o feminismo
Non quero que isto suceda nin en nome do feminismo nin tan sequera do abolicionismo, négome a que se coopten ambos termos, porque creo que nin é así todo o abolicionismo nin, desde logo o feminismo. Penso, ademais, que temos un amplo espazo de traballo conxunto se, en lugar de respostar con fanatismos e repetindo mantras, escoitamos. Temos moito que escoitar, e iso, ao fin e ao cabo estánolo ensinando o 8M, xa temos unha masa crítica feminista enorme que sae das escolas, das universidades ou non, e que se forma en feminismos tamén fora, na rúa, grazas ao traballo de moitas durante décadas, tamén das teóricas do abolicionismo. Para min o abolicionismo non é un termo identitario, non debera selo, como toda teoría, á hora de levala á práctica é interpretable e moitas de nós, que defendemos unha liña prodereitos tamén facemos unha interpretación das teorías abolicionistas que nos serven de base nas nosa praxes.
Pido mesura, pido que demostremos que podemos facelo, que podemos incluso demostrar que queremos escoitarnos e queremos respectar ás mulleres que non son as mafias do proxenetismo internacional, eses son outros e como sempre, temos que saber identificar ao inimigo, eu, desde logo non o vexo nestas mulleres nin nesta alumna que monta unhas xornadas militantes no marco da universidade, con poucos recursos e moita vontade.
Pido que todas aquelas que en nome do abolicionismo e do feminismo tentaron calar voces de mulleres e tentaron privar á universidade do seu valor mais importante non sintan isto como unha vitoria. Isto é un fracaso e é noso, do feminismo, que levamos décadas alimentando unha polarización do discurso que só nos leva a dividirnos, mentres o verdadeiro inimigo desfruta vendo como isto sucede