Zamurgo: Que permanece calado, que non di o que pensa, por malicia, agardando que falen os demais e agochando o seu parecer ou as súas intencións.
Corren tempos de xeada e de arrepío, nos que trunfan os zamurgos desleigados
Corren tempos de xeada e de arrepío, nos que trunfan os zamurgos desleigados, os raposos famentos que van pola vida de rapalindeiras insaciables, obsesionados por arrincarche o que levas gañado limpamente. Espreitan agochados nos cadabullos, detrás da frouma que os protexe e os agarima amorosamente. Son samesugas lapadoiras que che cofean o papo da perna, agardando o momento óptimo para pillarte distraído e pegar o brinco máxico que lle permite enroscarse ao pescozo, apertándoche pouco a pouco as caravillas da gorxa, minguándoche o bafexo ata abafarte.
Acouga un anaco! Só pretenden ventilarche un chisco o sangue e aínda que che doa algo a picadela, non vas tardar en sentirte a gusto no futuro pracenteiro que che están preparando.
Cando te descoidas xa che teñen empaquetado o copago sanitario, a reforma laboral, a lei Wert, a reforma local, a reforma das pensións e a lei de seguridade
Hai que goderse con tanto zamurgo no posto de mando! Co pretexto da crise, coma se non fora cousa, comezan tanguendo aos lambecricas de sempre para crear ambiente con disimulo e, cando te teñen embobado, abren a porta da gaiola e ceiban os paxaros zombis (Parus maior) para que che rillen os miolos ata converterte nun papaleisón desleigado. E cando te descoidas xa che teñen empaquetado o copago sanitario, a reforma laboral, a lei Wert, a reforma local, a reforma das pensións e a lei de seguridade. Para tranquilizarte, recorren a sentenza do Prestige e ofrécenche traducir ao castelán calquera papel que teñas que presentar diante do Estado para que os da capital non te tomen por parvo. De maneira que, cando te queres decatar, non es máis ca un cadelo de palleiro, sen País, sen dereitos e sen nada.
Pretendendo embobarnos con esa parvada de que “cuando seamos mayoría, derogaremos lo que ustedes han aprobado”. Pois iso. Entre zamurgos andamos, nestas noites de cuarto minguante
Talvez sexas quen de presentir -coma se foras un can perdigueiro- o seu xenuíno bafexo no pescozo, a máis dun quilómetro de distancia. Talvez sintas na caluga suorentos calafríos que che van baixando polas costas abaixo, e botes a correr sen rumbo fixo. Mais non vas poder evitar que te deixen descrocado ata tombarte no chan, sen forzas para erguerte e co corpo tan cheo de medo, que non vas ter ansia de retomar a andaina novamente.
Ah! O que me avinagra realmente, prezado sobriño, é esa parsimonia aburrida e chea de monotonía que gastan os que teñen a obriga de estar batendo o cobre na primeira liña e, no canto de plantarse diante dos que se pasan da raia, para impedirlles o paso, agóchanse coma cocerellos medorentos na retagarda, pretendendo embobarnos con esa parvada de que “cuando seamos mayoría, derogaremos lo que ustedes han aprobado”. Pois iso. Entre zamurgos andamos, nestas noites de cuarto minguante.