Nomear o capital, parte I: O goberno neoliberal da vida

O governo neoliberal da vida. Uma leitura (pós)foucaultiana, de Borxa Colmenero © Axóuxere

En Galicia xéranse dende hai décadas textos filosóficos de interese e con frecuencia para pensar posibles dinámicas do real. Porén, non se presta moita atención, quizais por cuestións ideolóxicas, metodolóxicas ou de lóxica mercantil

En Galicia xéranse dende hai décadas textos filosóficos de interese e con frecuencia para pensar posibles dinámicas do real. Porén, non se presta moita atención, quizais por cuestións ideolóxicas, metodolóxicas ou de lóxica mercantil. Se nos anos posteriores á anterior crise económica algúns círculos se abrían ás reflexións no ámbito da filosofía, en liña coas teorías e as praxes que se puñan en marcha a nivel internacional, actualmente as formas máis hipsters marcan a tendencia. A densidade non está de moda. Aínda así, editoriais como Axóuxere (ou Euseino?) insisten en fornecer do considerado inútil, que non por tal condición é menos relevante. Quizais ao contrario…

En Rianxo, logo, acaban de publicar unha nova entrega que nomea o capital: O governo neoliberal da vida. Uma leitura (pós)foucaultiana. Non sucede tantas veces, que a lei sexa posta en reflexión, que a metafísica dun sistema se mostre, se torne física, tanxible, e se poda considerar abertamente a universalidade ou a continxencia, a conveniencia ou a inconveniencia desa tal lei. Borxa Colmenero recolle os toxos que rozou Foucault, tamén a través d@s autores que perpetuaron e enriqueceron con certos devires as súas achegas e que foron fontes fundamentais na revitalización das análises teóricas da esquerda durante os anos 10. Nas antípodas das interpretacións que forzan ao galo a unha defensa neoliberal, como insiste –e refuta- Yágüez no prólogo, aséntase a visión que, precisamente, sabe recoñecer o fin da Razón de Estado e se decata dos novos xeitos de control a ter en conta ou combater.

Borxa Colmenero ©

Borxa Colmenero recolle os toxos que rozou Foucault, tamén a través d@s autores que perpetuaron e enriqueceron con certos devires as súas achegas e que foron fontes fundamentais na revitalización das análises teóricas da esquerda durante os anos 10

Tres eixos estruturan o libro: o poder, o suxeito e o Estado. As maneiras do poder ben pasan por dinámicas represivas, que consisten nas constitucións xurídicas da institucionalidade estatal, como adoptan maneiras produtivas capaces de xerar prácticas e saberes. Isto é, os seus coñecementos produtivos subsumen eses outros saberes: os ethos ou subxectivacións e as epistemes ou construcións teóricas que sosteñen o seu paradigma. Gobernar é xestionar a vida: non se trata xa da capacidade de facer morrer, da que dispuña o antigo soberano, senón da posibilidade de facer vivir aqueles modos de vida que permitan o fluxo do capital, ou deixar morrer os que non cumpren tal utilidade. A biopolítica consiste en anular a distinción entre a exterioridade do mundo e o interior do suxeito. É certo que tal continuidade pode ter comezado coas téchnē tou biou, coas tecnoloxías do eu helenísticas, que trasladaban o gnóthi seautón socrático do autocoñecemento á xestión e dominio dun/ha mesm@. De feito, o suxeito neoliberal que se presenta debe ser flexible e polo tanto reflexivo, ora ben, os razoamentos han seguir as lóxicas económicas contemporáneas. 

Nin estas coinciden coa suposta universalidade da ontoloxía humana nin o suxeito neoliberal nace ao mundo con pautas claras que seguir: non se demanda xa a pasividade submisa das sociedades disciplinarias modernas. O suxeito aprende por si mesmo a producirse de maneira óptima para sobrevivir na contorna hipereconómica. Non é diferente, por certo, ao relato pedagóxico que se integra en nome do progreso e da emancipación da humanidade: aprender a aprender como competencia. Ao fin e ao cabo, nese ámbito educativo xógase a produción de subxectivación, nun primeiro nivel, e a loita cultural dos axentes neoliberais, nun segundo. O individuo debe aprender a autoformarse porque ten que aprender a investir en si mesmo como un capital máis. 

Tres eixos estruturan o libro: o poder, o suxeito e o Estado

O Estado, por outra banda, xa non será garante dos dereitos, senón centro de operacións dos distintos actores económicos. Por tal disposición, as prácticas do neoliberalismo son múltiples e abertas, e non consisten na imposición dunha doutrina pechada. O Estado abandona as funcións políticas e dedícase á economía, algo inconcibible para posturas como a aristotélica ou a arendtiana, mesmo para Hobbes, que insisten na diferente natureza do oikós e da polis. 

Non está clara a diferente natureza ou disposición, nin na Modernidade nin na Antigüidade, se seguísemos os camiños abertos por Agamben, mais, en calquera caso, apelaría á necesidade de non mesturar excesivamente o ámbito privado e o público. Tales hibridacións acaban por hipertrofiar o privado, sendo este unha extensión dos discursos e prácticas neoliberais. É dicir, presentan o fin da política e, así, a decadencia da democracia, pois estaría esta fundamentada na liberdade do pensamento, e isto coincide coa posibilidade da deliberación racional sobre o ben común, así como no asentamento do estatuto cidadá sobre a dimensión vital vinculada á relación cos demais (bíos) –e á constitución da sociedade como garante político- e non na vida inmanente ou puramente biolóxica (zoé), porta biopolítica que acaba con facilidade, para eses autores, nos novos campos de concentración: guerras de exterminio, refuxiados sen refuxio ou cemiterios no mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.