A grandeza dun político debe partir tamén, do recoñecemento daquelas achegas á nosa sociedade, que axuden a aclarar un pouco ese solpor existencial no que semella perpetuarse a nosa Galicia dun tempo a esta parte.
Un sector estratéxico para Galicia que en tres anos pasou de dez mil traballadores a pouco menos do millar, é sintomático da desesperación de comarcas industriais clave en Galicia
Nunha terra cuxo tecido industrial esmorece baixo unha crise sistémica nunca antes coñecida, a noticia do acordo firmado coa empresa mexicana Pemex para dotar de carga de traballo aos nosos estaleiros, é aire fresco que entra directamente en pulmóns carcomidos polo cancro do paro e a desesperación.
Unha excelente nova froito das negociacións dun Presidente da Xunta, superado en moitas circunstancias polos efectos devastadores de aquilo que non pode controlar, e demasiadas veces deixado aos pés do carro dun executivo galego que non está á altura das circunstancias.
Un sector estratéxico para Galicia que en tres anos pasou de dez mil traballadores a pouco menos do millar, é sintomático da desesperación de comarcas industriais clave en Galicia, ao ver que tras as cifras infernais de paro que medran exponencialmente, hai traxedias humanas e viraxes nas vidas dos sempre sufridos galegos. Hoxe en día as empresas galegas miran cara o mercado latinoamericano, como a derradeira táboa de salvación nun país no que 300.000 persoas non teñen traballo, e no que a esperanza empeza a ser xa un termo so coñecido polos libros de historia e a literatura máis cutre de ciencia ficción.
Unha excelente nova froito das negociacións dun Presidente da Xunta, superado en moitas circunstancias polos efectos devastadores de aquilo que non pode controlar
Na realidade das obsesións polo control do déficit, os recortes e a destrución programada de parte substancial do chamado “estado do benestar”, o ideal sería que ese grande logro para os nosos estaleiros fose contaxioso para os case finiquitados sectores gandeiro, leiteiro, metalúrxico, ou en gran medida o propio téxtil, á marxe do imperio de Arteixo.
Galicia precisa de políticas de futuro nas que a produtividade sexa unha prioridade ante unha recesión prognosticada para este ano, que non é so un número frío tras unhas iniciais chamadas PIB, senón que son augurios de dramas persoais, depresións vitais e fracasos empresariais, que probablemente nunca terían acontecido nun contexto non tan maleable.
Parabéns pois ao presidente galego por este logro que apunta no seu “debe”, aínda que a día de hoxe pesa moito máis o que a súa administración ten no seu “haber"
Parabéns pois ao presidente galego por este logro que apunta no seu “debe”, aínda que a día de hoxe pesa moito máis o que a súa administración ten no seu “haber”, e co desexo de que determinados silencios da oposición cando as novas son boas, non sexan máis que prudencia na análise, revestida en outras ocasións de precipitación na crítica partidaria.
Ou non?