Non é país para moz@s

O título non é moi orixinal, xa sei. Pero non se me ocurriu outro despois de ver os datos que a Unión Europea daba a coñecer o pasado mércores, e que nos permitían saber como está (de mal) o asunto  do paro entre a mocidade. Concretamente o que sinalan eses datos é que o estado español marca o record de paro xuvenil da Unión Europea, cun 57.7 por cento de mozos e mozas en situación desesperada de desemprego. Ou o que é o mesmo: que máis da metade da xuventude non ten onde meterse. A pesar do que di Mariano Rajoy de que estamos saíndo da crise, o certo é que ese dato, matemático, obxectivo, real, contrastable, concreto, definitivo, indica que non é tolerable o triunfalismo que el e Montoro e demais membros do goberno demostran en público día si e día tamén exercendo aquela vella técnica de que unha trola repetida ata a saciedade remata créndose verdadeira. Porque a cousa está tan fea que España, no índice de paro xuvenil do que falamos, está incluso por enriba de Grecia, paradigma, seica, do desastre absoluto mais non tan desastrada como andamos por aquí.

Persoas que están nesa idade na que terían que empezar a formar o alicerce sólido dunha vida sobre a que poder construir. Mais o que teñen é desesperanza, negritude e pouco futuro

Estamos a falar, ademais, de xente por debaixo dos 25 anos, é dicir, mozos e mozas que, na meirande parte dos casos, xa teñen os seus estudos académicos máis que rematados, a súa formación máis que completa e que, polo tanto, están en boa disposición para empezar a facer aquilo para o que se prepararon con moito esforzo. Persoas que están nesa idade na que terían que empezar a formar o alicerce sólido dunha vida sobre a que poder construir. Mais o que teñen é desesperanza, negritude e pouco futuro. Daquela, á que lle están a vender unha casa en ruínas para unha vida arruinada antes incluso de comezala.

O tópico sinala que un país ten futuro se a súa mocidade ten futuro. E o certo é que dá a impresión de que o futuro é o presente continuo dos que teñen que, precisamente, construir ese futuro ao tempo que se lles nega un presente. E a situación é xa tan claramente indecente que se volve falar sen pudor de emigración ou da fortuna que é ter un contrato aínda que ese contrato linde sen escrúpulos de ningunha clase coa indecencia ou a falta de dignidade.

O tópico sinala que un país ten futuro se a súa mocidade ten futuro

E quizais porque as cousas son así (e non nos enganemos, tampouco parece a mocidade moi disposta a facer ningunha clase de revolución) a patronal está crecida (entre outras cousas porque está moi fortalecida por aquela reforma do mercado laboral que buscando "flexibilidade" lles deu a potestade para poñer na rúa case que sen explicacións, ou sen moito desembolso, a quen lles pete). E como adoita acontecer cando o empresariado está forte (o grande empresariado, porque os autónomos andan a velas vir e as pequenas e medianas empresas pechando), aparecen os abusos. Na súa primeira versión, de caste lingüítica. E así as federacións e confederacións e asociacións e demais institucións empresariais falan, e dalgunha maneira, esixen, que se lles permita contratar á mocidade en condicións, case, de "semiescravitude", co pretexto de que "polo menos, teñen un traballo". Gran parte da indecencia que nos últimos tempos temos que aturar ten que ver con isto: está todo tan mal que, xa que logo, vale calquera cousa. Que traballen, que é importante. Con contratos lixo ou prostituíndose. Ou emigrando.

Eu estou certo de que ese empresariado iluminado non permitiría que os seus fillos e fillas fixesen algúns dos traballos que eles non ven tan malos

Eu estou certo de que ese empresariado iluminado non permitiría que os seus fillos e fillas fixesen algúns dos traballos que eles non ven tan malos, nin consentirían que se lles contratase nas condicións que eles pretenden que, por sistema, se contrate.

E, carafio, rematei este artigo empregando a verba "sistema".

Esa é a becha. O que hai que cambiar. O sistema.

E iso é algo, por certo, que tradicionalmente facía a xente moza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.