Non era o Calixto que eu pensaba

Mira ti, resulta que o tal Códice Calixtino existe de certo. Ata o de agora eu tiña oído falar del, pero pensaba que era unha especie de relatorio das desventuras do Calixto de Melibea. Agora os meus ollos viron o Códice e constataron que certamente se trata dun libro moito mais vello ca Celestina  e que estaba gardado nos arquivos da catedral de Santiago, logo traspoleirou para o garaxe dunha casa de campo no Milladoiro, e a día de hoxe volveu para a seo compostelá. E todo iso seino, mira ti,  grazas a un vulgar técnico de enchufes e cables, con desmedida e metódica querenza polos benditos cartos dos santos. Sigo a non saber que conta o libro, pero isto xa é por nugalla miña e porque ando a pescudar se a pulga é de menor tamaño ca o piollo, que hai unha aposta de cartos polo medio. Miña cuñada afirma que as viu choutar diante súa e a min paréceme que o soñou; ou mestura sen darse conta imaxes dos debuxos animados coa realidade. Eu nunca vin tal cousa. Si, xa sei que son un chisco miope, pero os piollos si os vin e as pulgas non.

Volvendo ó asunto do Códice teño que facer pública a estrañeza que me causa o atraso tecnolóxico da Igrexa. Logo de vinte anos recibindo cartos a esgalla da Unión Europea para implantación das TIC nas nosas vidas, resulta que a Igrexa segue mais ou menos coma cando Cristo a fundou. Os cartos dos santos seguen a meterse en caixas de madeira ou latón, cunha regaña na parte de arriba para introducir as moedas e billetes, e unha portiña con chave nun dos laterais para recoller a recadación. Incluso aínda subsiste algún caixón esmoleiro pluri-santoral  –na catedral de Cadrón temos un- con varios buratos de entrada: un para San Antonio, outro para San Pedro, outro para Santo Estevo….e un derradeiro para Santos Varios. Por suposto, os cartos, metas no santo que os metas, van parar a un sitio común e indistinto: o peto do cura.

Por que a igrexa non se acolleu a calquera dos infinitos programas de I+D+I do Igape? Un misterio mais entre tantos outros. Porque de telo feito, agora saberiamos a cantidade exacta que levou o electricista e a que levaron os demais, que santo foi o mais prexudicado, a evolución temporal do desfalcado en relación co total recadado e sabe deus cantas estatísticas máis

Por que a igrexa non se acolleu a calquera dos infinitos programas de I+D+I do Igape? Un misterio mais entre tantos outros. Porque de telo feito, agora saberiamos a cantidade exacta que levou o electricista e a que levaron os demais, que santo foi o mais prexudicado, a evolución temporal do desfalcado en relación co total recadado e sabe deus cantas estatísticas máis. Porque cada vez que calquera de nós botara un euro na caixa de San Roque –que levaría incorporado un tpv informatizado- recibiríamos un tícket coa data e hora exactas da doazón, o santo beneficiario e un código de barras de control. Cada caixa-tpv baleiraría os datos nun ERP que subministraría en tempo real as entradas de fondos benditos, e o bendito deán mindoniense podería ter unha consciencia panorámica da evolución da fe cristián e unha clasificación ATP dos santos. E nós poderiamos xustificar na casa parte dos gastos tabenarios, reclamarlle ós santos calquera desatención e incluso consultar o extracto da nosa conta de doazóns.

Doulle voltas ó asunto e non acabo de comprender as reticencias da Igrexa á entrada da informática nas súas balorentas estancias. Si, xa sei que é unha institución bimilenaria, que tardou en aceptar que a terra era redonda, e logo en aceptar que eramos nós os que dabamos voltas arredor do sol, que seguiu a falar latín cando xa Deus esquecera a primeira declinación…si, ben o sei. Pero acaso a relixión non é unha grande realidade virtual, o ceo un ciberespacio e ollo inserido nun triangulo o holograma mais famoso de Deus?

Porén, a seguridade do Códice paréceme un tema menor. Se non desapareceu estando onde estaba e do xeito que estaba, éche ben certo que ninguén o quere nin cuberto de ouro. Eu proporía empaquetarllo ó deán como penitencia: amarrarllo a unha perna, a xeito de bóla de presidiario; ou a unha man, a xeito de maletín de executivo; ou mesmamente ó pescozo, conectado a un colar explosivo de mentira mercado nos chinos. Son imaxes moi aqueladas para explotar comercialmente de cara o turista xacobeo; pero xa digo, non por seguridade, que non a precisa. Está visto que ninguén da un peso por el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.