Non foron eleccións municipais, foi un referendo. E perdeuno

Seguramente houbo algunhas persoas que acudiron a votar crendo que unicamente elixían concelleiras e deputados provinciais pero a maioría sabía perfectamente que se trataba dun referendo. Porque Rajoy, aínda que non lle gustan, acabou tendo o seu referendo. O referendo ao que foi sometido Rajoy pola cidadanía foi moi completo, tiña catro preguntas e Rajoy perdeu as catro.

A primeira pregunta era se ao electorado lle gustara como gobernaran e a resposta maioritaria foi un "non" rotundo e redondo. A segunda pedía elixir entre esquerda e dereita e o electorado elixiu esquerda. A terceira era se quería maiorías absolutas ou "o caos" e o electorado, con xuízo, elixiu a tolemia e o caos. E a cuarta era decidir se era legal e había dereito á existencia de partidos novos ou se os existentes eran únicos e eternos para que non caese o teito, e o electorado preferiu que houbese variedade e novidade e que unha nova xeración política sentase tamén á mesa.

Que se tratou dun referendo a toda a súa política así o entendeu tamén o propio Rajoy, quen comprendeu perfectamente o resultado e non compareceu nin en plasma.

Logo dos resultados houbo un gran baleiro escénico, ao non comparecer o presidente do Goberno e do seu partido non compareceu nin o Goberno nin o partido que o sostén. Ese baleiro foi ocupado de forma inmediata e natural polos dous novos partidos que gañaron un espazo que non tiñan, principalmente ese espazo de gañador ocupouno Podemos. O número de concelleiros e alcaldías e as cifras e porcentaxes da votación son a metade do resultado da batalla, a outra metade é simbólica e gañouna ese fenómeno político en evolución chamado Podemos.

Nalgún momento desa evolución acabaremos sabendo todos e eles tamén o que é e quen é Podemos. Polo momento non imos saber se é exactamente Pablo Iglesias e o seu equipo ou Manuela Carmena e Ada Colau, queiran elas ou non xa son referencias políticas decisivas dentro dese proxecto. En calquera caso son dúas figuras valiosísimas e que, con razón, son vistas como un capital social tamén por moita xente que non as votou.

O PP é hoxe un partido completamente desmoralizado non pola derrota senón porque sabe que Rajoy non pode darlles nin a condución nin a moral nin a mínima ilusión que necesitarían para recuperar apoios entre a poboación. Non se trata só de que nas próximas semanas irán perdendo concellarías, concellos, deputacións e autonomías, coas consecuentes contrariedades. Non se trata só de que perdesen e se retratasen logo eles mesmos como derrotados e incapaces de dar unha resposta crible, esa falta de enteireza. Trátase de que o que lles espera aí diante é perder o Goberno e todo o poder político e económico ao seu redor.

Quen teña algo de memoria recente sabe que o PP é un partido capaz de calquera cousa na súa loita por alcanzar ou reter o poder, nestes momentos esa rabia desesperada só se pode volver contra eles mesmos. Nas próximas semanas veremos non indirectas senón o chasquido de mandíbulas feroces. Chac, chac. E, como calquera analista ocioso pode ver, a única esperanza de poder dar a batalla fronte á esquerda é utilizar algunha arma secreta milagrosa e rotunda. E iso significa que Mariano Rajoy é un obstáculo que hai que remover sen perder tempo.

(Poida que o referendo incluíse unha última pregunta e se me pasase a min: "Parécelle a vostede ben que o goberno o chame imbécil na cara?". Paréceme que tamén contestaron que non).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.