Semella que o Ministerio de Fomento pretende eliminar máis de 80 frecuencias de trens de media distancia en Galicia dentro dun suposto Plan de racionalización de servizos ferroviarios, ademais de pechar mais de vinte estacións e deixar outras tantas con apenas un servizo ao día. Entre as liñas que verían reducidos os seus servizos chama a atención a eliminación de 24 frecuencias semanais entre Coruña e Ferrol que xa hoxe en día apenas ten 5 diarias en ambas direccións.
Vexamos algunhas razóns polas que un servizo ferroviario non acada a ocupación óptima para o seu funcionamento, centrándonos no exemplo da liña Coruña-Ferrol
Sen entrar polo de agora en se un servizo público pode ser considerado deficitario segundo os parámetros da ortodoxia economicista, imos ver algunhas razóns polas que un servizo ferroviario non acada a ocupación óptima para o seu funcionamento, centrándonos no exemplo da liña Coruña-Ferrol, pero perfectamente extrapolábel a outras do noso país.
A modo de exemplo: Entre Xixón e Oviedo (distancia 33 km) hai 40 servizos ida e volta diarios e tarda 33 minutos, saíndo o primeiro ás 05:55 e o último ás 22:30
Ferrol fai parte dunha das dúas grandes áreas metropolitanas galegas, A Coruña-Ferrol, xunto coa de Vigo Pontevedra. Ámbalas dúas con cadanseus 600.000 habitantes están supostamente atendidas polos servizos de RENFE denominados de Media Distancia. Segundo os datos indicados por Pazos Otón1, teñen unha poboación semellante ao espazo guipuscoano (550.000 habitantes) e moi superior aos espazos murciano (450.000) e cántabro (300.000 habitantes). Porén, estes teñen o servizo RENFE de Cercanías no canto do de media distancia. Que diferencia hai? Pois o servizo de Cercanías é electrificado, con elevadas frecuencias e cun prezo reducido dos billetes. A modo de exemplo: Entre Xixón e Oviedo (distancia 33 km) hai 40 servizos ida e volta diarios e tarda 33 minutos, saíndo o primeiro ás 05:55 e o último ás 22:30. Entre Murcia e Elx (62 km) hai 30 servizos diarios i/v cunha duración entre 44 e 58 minutos cunha amplitude de horarios semellante. Entre Ferrol e A Coruña (51 km) hai cinco servizos diarios i/v cunha duración media do percorrido de 115 minutos co primeiro tren ás 06:45 e o último ás 20:30.
Esta é a razón fundamental do fracaso dun servizo ferroviario: o que se ofrece non ten nada que ver co que a posíbel persoa usuaria precisa
Esta é a razón fundamental do fracaso dun servizo ferroviario: o que se ofrece non ten nada que ver co que a posíbel persoa usuaria precisa. Renfe alega que non hai demanda. Mais mercado potencial haino xa que a empresa de autobuses Arriva mantén 30 servizos de ida e volta, 15 directos e 15 con paradas intermedias entre Coruña e Ferrol.
Para poder ter un verdadeiro servizo de proximidade precisamos das infraestruturas acaidas. Porque entón, a dobre vía electrificada remata en Coruña, mantendo cara a Ferrol a vía única? Que xustifica desbaldir milleiros de millóns de euros nun AVE a Madrid sen termos as infraestruturas máis básicas construídas?
Que xustifica desbaldir milleiros de millóns de euros nun AVE a Madrid sen termos as infraestruturas máis básicas construídas?
Non pensa a actual administración galega que chegou o momento de asumir as competencias ferroviarias como está previsto no Estatuto e comezar a pensar nun ferrocarril que dea realmente servizo ao país, ao seu tecido produtivo e cidadá e contribúa a diminuír os enormes impactos ambientais e sociais que do transporte privado por estrada?
1- PAZOS OTÓN, Miguel. Diversificación de la oferta de transporte en las áreas metropolitanas gallegas mediante la posible creación de servicios de cercanías ferroviarias . Actas do II Congreso de Economía de Galicia (Santiago de Compostela, 21-23 de novembro de 2001) . Santiago de Compostela : Universidade, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 2002.