Días atrás limos na prensa que a policía detivera varios homes en Galiza por formaren parte dunha rede de pedófilos que estaba preparando o secuestro, abuso sexual e torturas de nenos. Ocupou a portada dalgún medio escrito e puidemos ver a foto do presunto líder do grupo que sostiña que nunca tocara un neno e que só se trataba de conversas e fantasías. O caso resultou especialmente vizoso para os medios polo sadismo dos plans destes individuos, propios dunha peli de terror ou dunha serie de televisión de asasinos psicópatas, que chamaba máis a atención que a detención de homes que se descargan fotos eróticas de nenos e nenas en internet. Igual estes últimos parecen uns doentes menos perigosos, noxentos pero non tan crueis. Lembrei que nun congreso no que traballei de intérprete un xuíz dixera que o home que ve no seu ordenador fotos de crianzas espidas, ao fin e ao cabo, non lles fai mal ningún, non ten contacto con elas, non as agride. Unha muller do público aproveitou a quenda de preguntas para recriminarlle moi duramente estas palabras e lembrarlle que a agresión xa se producira e precisamente para logo o pedófilo gozar co resultado sen se cuestionar os seus desexos nin sequera polo sufrimento que provocaban.
No abuso sexual a nenos e nenas non hai graos, calquera acto é duramente condenable. Non pode haber nin un mínimo de tolerancia
No abuso sexual a nenos e nenas non hai graos, calquera acto é duramente condenable. Non pode haber nin un mínimo de tolerancia para aquel que cre que ver unha foto non é nada malo, que os pensamentos non fan dano, que non é preciso controlar os desexos. Porén o que atopamos é unha insoportable tolerancia e complicidade con prácticas que afectan a crianzas e son a materialización deses pensamentos e desexos. O turismo sexual para abusar de nenas de países empobrecidos, entretemento e goce de homes de clase alta (como un dos detidos no noso país), non parece preocupar excesivamente nin ser obxecto de portadas e condenas públicas, ao fin e ao cabo esas nenas viven lonxe e aínda poden dar grazas se teñen que comer, non son como as nosas fillas. Pero na nosa cultura tamén as nosas pequenas son convertidas en obxectos sexuais, algo que me dá medo sendo como son nai dunha nena que agora ten 5 anos. Ofrecémoslles xogos, prendas de roupa, modelos de muller que as converten en obxectos sexuais e recoñezo a miña incapacidade para facer fronte a todos eses estímulos constantes que recibe todos os días. Para ela son simplemente un xogo pero a min danme arrepíos e me preocupan fondamente principalmente polo asumidos que están socialmente e o difícil que resulta, ás veces imposible, explicarllos a unha nena pequena. Tanto é así que cando unha persoa coñecida, relevante, é acusada de abusos sexuais a nenas ou nenos sempre aparecen explicacións, xustificacións, mesmo desprezos ás vítimas.
Unha amiga miña sempre di que só hai dúas formas de facer as cousas: ben ou mal, e cada vez estou máis de acordo con ela. Hai cuestións nas que non hai graos
Recentemente o adestrador da selección española de ximnasia Jesús Carballo foi acusado por algunhas ximnastas de abusos durante anos e ocupou moi pouco espazo nos medios de comunicación. A pesares de aparecer testemuñas que corroboraron o relatado polas mulleres que o acusaron hai tamén quen o defende e xustifica publicamente e, por suposto, non se está facendo con este tema nin a cuarta parte do ruído que se fixo cos abusos, non sexuais, dos que foi acusada no seu momento a adestradora do equipo de natación sincronizada, Anna Tarrés, neste caso non hai condenas indignadas e con maiúsculas.
Unha amiga miña sempre di que só hai dúas formas de facer as cousas: ben ou mal, e cada vez estou máis de acordo con ela. Hai cuestións nas que non hai graos.