Non hai maiorías inocentes

Hai agora xa dous anos, aló no devalo do verán do 2010, escribía eu no desaparecido Xornal de Galicia unhas palabras sobre a mala imaxe da política entre a cidadanía. Resulta que por aquelas datas, os políticos e mailos partidos subiran ós primeiros postos da Liga CIS dos problemas para os españois, sendo só superados na clasificación polos problemas económicos en xeral e o paro en particular. Daquela o meu relatorio centrábase en que algo cheiraba a podre en Dinamarca se a política era vista coma problema, cando, por principio, debía ser a solución dos demais problemas; ou cando menos, non ser un atranco para solucionalos. Dous anos despois, e xa que a política e mailos políticos seguen nos postos de podio da Liga CIS, deume por darlle voltas ó asunto e a ver ata onde daban de si os miolos.

A desfeita económica fixo mais visibles os casos de corrupción e puxo en evidencia a ineficacia dos políticos á hora de facerlle fronte

Damos por sentado que partillamos que a política xamais debe ser sentida coma un problema, xa que foi creada precisamente para darlle solución ós moitos problemas que a convivencia humana fai agromar. Damos tamén por consensuadas as dúas razóns fundamentais que poden explicar a mala imaxe actual da política entre os cidadáns: corrupción e ineficacia. Ámbalas dúas razóns non son conto novo de agora,  pero a desfeita económica fixo mais visibles os casos de corrupción e puxo en evidencia a ineficacia dos políticos á hora de facerlle fronte. Semella, pois, que hai xustificación abonda para que o cidadán responda ós enquisadores do CIS que a política, os políticos e mailos partidos son un dos mais graves problemas de Hespaña. Xa que logo, por que me desacouga esta persistente preeminencia da política como problema?

O tal “problema político” é plebiscitado entre a cidadanía cada certo tempo, onde os políticos nos declaran o seu amor sincero e desinteresado e nos piden axeonllados a renovación do compromiso

Os problemas de seu véñenme dados e pouco ou nada podo eu facer para librarme deles. A crise económica, o desemprego, o terrorismo, a inseguridade cidadá, o cambio climático, o perigo nuclear, as drogas… todos eles chegan ás nosas vidas sen nós chamalos, cando menos de xeito consciente. A diferenza deles, o tal “problema político” é plebiscitado entre a cidadanía cada certo tempo, onde os políticos nos declaran o seu amor sincero e desinteresado e nos piden axeonllados a renovación do compromiso. Dando tamén por sentado que somos seres racionais, se vemos ou sospeitamos que os que agora están no poleiro son corruptos ou ineficaces, sería de supoñer que lle deramos o “si quero” a outros,  ou incluso que non llo deramos a ningún. Pero se cadra é moito supoñer que somos seres racionais, xa que a historia recente está ateigada de políticos corruptos ou ineficaces que revalidaron o apoio electoral da cidadanía.

Así as cousas, se unha grande maioría de xente lle responde ós enquisadores do CIS que os políticos representan un problema grave, e os políticos con responsabilidades de goberno foron votados pola maioría dos cidadáns, entón hai que concluír que a maioría da xente ten un problema aínda mais grave ca os que conta: unha de dúas, ou sofre algún trastorno bipolar, ou é parva de remate. A saber, ou a súa man dereita non sabe o que fai a esquerda, ou sinxelamente a relación causa-efecto non está entre as súas categorías mentais e non é que de casar feitos e consecuencias. Que non sei cal das dúas conclusións é mais preocupante e desalentadora. Pero sexa unha ou a outra, non vai ser que o problema non estea na política, nin nos partidos, nin nos políticos; non vaia ser que o problema realmente sexamos todos nós.

Nun sistema democrático, as maiorías electorais teñen todo o poder e maila gloria, mais non poden reclamar tamén a inocencia

Nun sistema democrático, as maiorías electorais teñen todo o poder e maila gloria, mais non poden reclamar tamén a inocencia. As maiorías que puxeron no poder a Camps, Gil y Gil ou Jaume Matas cábelles a escusa da novatada; mais as maiorías que os ratificaron no poleiro son cómplices da vida e obras de tales gobernantes, tanto das cousas boas coma das malas. Fraga mandou levantar a Cidade da Cultura, é certo; pero tamén o é que unha maioría cómplice o deu por ben feito. Fabra mandou construír un aeroporto no medio da nada, é certo; pero tamén o é que unha maioría cómplice lle riu as grazas. E poderiamos estar así ata mañá, contando un por un, casos coma estes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.