Non pagaremos a súa crise (ecolóxica)

© Greenpeace

Había tempo que a cuestión se advertía nalgúns medios de comunicación, tamén españois. Nun artigo do 12 de Xullo de 2017 o periódico “ElPaís” titulaba: “Hazte vegetariano, deja el coche y ten menos hijos si quieres luchar contra el cambio climático”. No contido: desenvolvemento sustentábel, prevención das emisións de CO2, salto cara as enerxías renovábeis etc, pero sempre desde un punto de vista individual, enfocando o problema como se se tratase da elección de un estilo de vida. Desta forma, ocúltase a dimensión política do problema, e deslízase a idea de que as rendas sociais máis baixas, con menor poder de elección nas súas compras diarias, as promotoras dos efectos da crise ambiental. Nada que dicir sobre a articulación de unha estrutura económica na que as clases traballadoras non participan democraticamente. Atribúense responsabilidades polo noso papel como consumidoras, menosvalorando as relacións de poder inherentes á xestión dos recursos naturais, e ensombrecendo o protagonismo indiscutíbel das grandes empresas no desastre ambiental que atravesamos.

O proceso de culpa xustifica o castigo. A noticia saltaba esta semana. Para “salvar o medio ambiente” verdes e socialdemócratas alemáns móstranse favorábeis ao aumento impositivo do consumo de carne coa fin de fomentar unha alimentación máis proclive ao benestar animal e a sustentabilidade. O carácter clasista da medida é manifesto, xa que serán as clases máis desfavorecidas as que maior porcentaxe da súa renda deberán dedicar a este consumo. Máis isto é unicamente o limiar de unha confrontación polo emprego dos recursos naturais e o depósito dos residuos que até agora víñase producindo no escenario internacional e que comeza a darse no interior do conflito de clases de cada estado. No marco de unha economía mundializada, a lei do valor é a que rexe que segmentos da poboación teñen acceso ás vantaxes do crecemento económico, e cales carretan cos padecementos sociais, económicos e ambientais. Exemplos desta realidade atopámolos, durante décadas, na expansión dos monocultivos en América Latina, e a súa resposta social no Movimento dos Sem Terra, excluídos dos seus propios territorios. Ou na propagación da minería nos países periféricos, orientados cara estratexias primario-exportadoras, sufrindo as consecuencias ambientais da actividade e á vez a depreciación dos seus valores exportados durante o período de intercambio.

En todos estes casos podemos falar sen temor a enganarnos de desigualdades ambientais, é dicir, unha distribución asimétrica dos efectos positivos e negativos do emprego dos recursos ecolóxicos. Estas distribucións irregulares son o obxecto de estudo da ecoloxía-política, e cómpre comezar a prestar atención ao seu desenvolvemento, porque o que a proposta de socialdemócratas e verdes alemáns revela é que hoxe a crise ambiental forma parte do escenario sobre o que se asenta a confrontación de clases. Na medida en que a crise ambiental siga evolucionando, tamén o farán este tipo de exclusións.

As propostas da marxe esquerda deben recoñecer a urxencia ambiental e a necesidade de unha transición ecolóxica que nos leve a ser máis eficientes no emprego dos recursos, e máis responsábeis na produción de residuos. Pero ao mesmo tempo, asegurar un acceso equitativo aos bens ambientais. Dificilmente poderá ser completada esta tarefa sen un xiro no equilibrio de poder que abra a porta a medidas de corte ecosocialista coma o fomento de economías de proximidade, o reparto das terras agrarias, ou a intervención en sectores estratéxicos para facilitar o tránsito cara un modelo económico máis sustentábel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.