Non pense, o poder precisa de vostede!

Unha vez en Coimbra, unha poeta coa que compartía etiqueta de emerxente contoume que esa pintada presidía unha rúa moi preto da súa casa e, con ela á vista, almorzaba todos os días. Dicía que lle daba forza para se erguer, subir pronunciadas costas de preguiza e outras tentacións estudantís e chegar á universidade. Eu confeso que estiven a piques de tatuala no antebrazo para vela cada vez que bato cos moitos e altos valados que circundan a creación dun produto cultural neste país que apenas se ve.

Cando un é artista gráfico, músico, actor, escritor de grandes novelas ou o que queira que a súa cabeza lle dea, xa o camiño está cheo de atrancos da máis diversa índole -económicos mediante-, pero cando es poeta e en galego pertences a un subxénero cuxa aparente utilidade semella que morreu o día que taparon a Afonso X con terra, e que só revive -con algo de sorte-, cada 17 de maio para volver morrer o 18.  Por iso a tentación tamén me fai preguntarme se todo o esforzo de levar uns poucos versos polo mundo paga a pena, máis nuns tempos onde as cousas da cultura presupóñense prescindibles nos orzamentos públicos e necesariamente sen custes nos privados.

Si, é certo que non fan falla cartos para poñer medía ducia de poetas a ler a súa obra diante dun auditorio. Sobre todo se os poetas teñen unha herdanza millonaria que lles permite ter todo o tempo do mundo

Si, é certo que non fan falla cartos para poñer medía ducia de poetas a ler a súa obra diante dun auditorio. Sobre todo se os poetas teñen unha herdanza millonaria que lles permite ter todo o tempo do mundo, coa que pagan os transportes públicos ou a gasolina que os leva ata alí e que lles facilita moito esquecerse da existencia de Fenosa, da entidade bancaria da que sexan clientes e do director do Mercadona, que si que quere cobrar relixiosamente todas as compras que se fan no seu establecemento. Pero se non se dá ese caso de sorte familiar, os poetas, como as demais persoas deste mundo á excepción dos realmente ricos, non están exentos dos mesmos gastos que a xente normal.

E si, tamén é certo que os poetas fan moitos recitais porque si, porque lles peta e lles dá a gana e sen cobrar un can. Tamén o meu dentista non lle cobrará os implantes aos fillos, á sogra e mesmo a un calquera co que simpatice, pero a min si que mos cobra. E el ten autonomía para decidir para quen traballa gratis e a ninguén se lle ocorre pedirlle contas nin tomarllo a mal cando lle presenta a factura. Ningún dos que me estades lendo lle diriades nunca ao voso odontólogo que vos empaste gratis unha moa, que o debe facer polo país, por esta ou outra loita, pola extinción das baleas ou porque lle estades dando unha oportunidade. O meu despacharíame moi simpático porque é un tipo educado, pero mandaríame á merda rapidamente.

Todo isto, teño que explicalo 1 de cada 5 veces que me convidan a recitar, e 3 de cada 5 ocasións nas que organizo un recital. Despois de 12 anos nisto, sobra dicir que é un traballo digno de Sísifo.

Porén, sorprendentemente,o subxénero dos poetas galegos seguen atopando quen os lea e ata quen os escoite. Ás veces, mesmo vendemos algún libro para contento dos nosos escasos editores.

Hai algo que realmente compensa todas as miserias desta subexistencia. E é o público, esa xentiña que non ten culpa dos teus males e que segue saíndo da comodidade das súas casas para virte ver. Toda tentación de cansazo desaparece cando vos vemos aí sentados

Daquela, hai algo que realmente compensa todas as miserias desta subexistencia. E é o público, esa xentiña que non ten culpa dos teus males e que segue saíndo da comodidade das súas casas para virte ver. Toda tentación de cansazo desaparece cando vos vemos aí sentados. Por vós compensa bater sempre na mesma pedra, facedes certa a pintada portuguesa que preside este artigo. Así que sigamos, porque o poder precisa dos moi quietos, dos que non pensan, dos que non fan. A poesía debe ser unha arma cargada sobre as tempas dos que nos queren durmidos. Acción de primeira necesidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.