Non quero arengas, quero que deixen de matarnos

Hoxe cheguei ao límite. Hoxe dixen ata aquí!. Para min rematou xa a escasísima tolerancia que aínda me quedaba e que tentaba conservar ante a falsidade, ante o teatro de postureo con que se tenta tapar esa enorme mentira que nos contan: Que a lei, a xustiza, a nós, mulleres vítimas da violencia de xénero, e as nosas crianzas, nos protexen.

De novo a vida dun neno foi brutalmente segada por unha alimaña á que lle chamaban pai, e, de novo, a lei, a xustiza, foi cómplice nese asasinato. O autor material soamente disparou o tiro de graza, ese co que consumou o crime que entre todos xestaron.

Había constancia de ameazas, de coaccións, de anuncio do que ía facer. Tamén eran coñecidos os seus problemas psiquiátricos. Factores de sobra para estar alerta e exercer esa prevención da que tanto predican eses que din defendernos, e que case ningún leva a práctica. Pero claro, todos sabemos que aquí somos moi de facer as cousas “polo libro “, e que o argumento estrela é “proba”, malia que esto poida custar vidas.

A ningunha mente pensante, desas que tanto saben de leis, se lle ocorreu, polo visto, pensar algo tan sinxelo e tan elemental como que unha restrición ou mesmo suspensión das visitas dun maltratador aos seus fillos pode salvarlles a vida. Que ante a dúbida dun perigo, cómpre previr. Non agardar a que a traxedia se consume. Tamén semellan ignorar que un maltratador é quen de calquera aberración con tal de facer dano á muller que ousou rachar as cadeas envelenadas que a ligaban a el e que  considera da súa propiedade, é non hai nada que  doa máis a unha muller que un fillo.

A ningunha mente pensante, desas que tanto saben de leis, se lle ocorreu, polo visto, pensar algo tan sinxelo e tan elemental como que unha restrición ou mesmo suspensión das visitas dun maltratador aos seus fillos pode salvarlles a vida

Que llo arrebaten, que o maten, é matala tamén a ela para sempre. Dito doutro xeito: esa mala besta xa acadou o seu obxectivo: acabar con ela, sen importarlle nin ter reparo algún en facelo a costa da vida do seu propio fillo. Queren probas, Señorías, queren evidencias? Pois aí a teñen: o asasinato de Javier!

Un de tantos outros que se puido ter evitado. Que lles parece, abonda, ou ainda hai que agardar que aconteza algunha traxedia mais? Hoxe, cando como tantas outras veces, xa non hai remedio, foi tamén, unha vez mais, o día dos minutos de silencio, do xesto cariacontecido detrás das pancartas, de escoitar, de paso, algunha que outra arenga que, nun gran número de ocasións, non é o momento nin o lugar para lanzalas.

Non soporto escoitar como se enchen moitas bocas falando de patriarcado, de feminismo, pero sen mover un dedo para facer algo real. É obvio que existe, e que é o xermolo deste masacre que estamos a sufrir, pero non é menos obvio que non podemos rematar con séculos de desatino dun plumazo. E unha tarefa ardua e que vai para longo. Precisamente por eso cómpre establecer prioridades, e a maior delas é traballar, loitar para que estas leis inxustas, carentes do máis elemental sentido común, que semellan protexer a o maltratador e castigar as vítimas, se reformen. Que protexan, pero de verdade.

Acaso alguien pensa que cando esta nai, calquera nai a que un malnacido lle arrebate o que mais quere, tente atopar unha explicación, unha razón, para tan terrible crime a vai consolar que lle falen de patriarcado, de feminismo? O único que entenderá é que ao seu fillo o mataron porque a lei o permitiu, e contra eso hai que loitar xa. Esa é a prioridade. Evitar mais asasinatos. Tan difícil é de entender?

Iso si, teño que recoñecer que as arengas e os minutos de silencio tal vez non sexan efectivos, pero si infinitamente máis cómodos, e mais lucidos, ond vai parar!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.