Vivimos dentro dunhas xeracións e dentro da historia e, ao mesmo tempo, a historia métesenos dentro inadvertidamente. A crise que vive o Reino de España como consecuencia do 'procés' catalán é un deses transos históricos que nos afecta a todos.
O estado reformado tras a Transición, un ensaio e un tempo histórico baseado en mentiras e esgotado, debeu ter a súa crise pola resistencia da sociedade a que lle roubasen os seus dereitos, a unha política económica que empobreceu a sociedade, botou fóra unha xeración, atacou sanidade e a escola pública e, como gran logro económico, baleirou a caixa de pensións... Pero non foi así. Todo o malestar e o enfado só deu para que se reformulase o mapa político español e no canto de dous fosen catro os partidos no xogo. Foi a sociedade catalá, que mantén desde hai sete anos un pulso ao estado, quen pon en crise este sistema político. É o que hai.
O proceso político catalán só ofrece alternativas a quen viven alí, aos demais non, non teremos república, con todo si que nos implica a cada persoa que vive neste estado.
Igual que o PP utilizou o terrorismo como arma contra os socialistas tamén utilizaron o españolismo contra o novo estatuto catalán, o Rajoy das 500.000 firmas recollidas por toda España contra o estatuto que xa plebiscitaran os cataláns e que torpedeou a renovación do Constitucional para conseguir o ditame desexado, ten detrás de si non só á case totalidade dos medios de ámbito estatal senón tamén ao resto dos partidos estatais.
O PSOE, tras a aperta de Sánchez e Rajoy e por boca de Margarita Robles vén de dicir que apoiaría o secuestro das urnas e a persecución de organizadores e votantes se houbese delito. Se algún hai uns meses aínda defendía o dereito e a necesidade de que os cataláns decidisen a súa relación con España, Podemos, agora xa non. E acabamos de ver o desembarco áulico na Barcelona dos atentados nos avións presidenciais, habendo trens e automóbiles particulares ese desembarco do monarca e os seus políticos chegados da corte con inevitable tufo colonial resume o momento entre o estado e Catalunya.
Efectivamente, fronte á demanda de votar da maioría da cidadanía catalá, están "unidos" e "pola unidade". Unha unidade para marcar unha fronteira.