Normalidade ou verdade

A Gran Alianza da Terra, que propoñía hai tempo como o novo relato da esquerda, parece que non vai ser desta. Os partidos da esquerda que van celebrando os seus congresos un tras doutro, con matices, seguen na dinámica partidaria de sempre; empaquetando mensaxes co mesmo papel e co mesmo estilo, instalados no mesmo xogo formal.

Os partidos da esquerda que van celebrando os seus congresos un tras doutro, con matices, seguen na dinámica partidaria de sempre; empaquetando mensaxes co mesmo papel e co mesmo estilo, instalados no mesmo xogo formal

Aínda non chegamos ao convencemento de que o pobo, farto de tanta hipocrisía, reclama verdade; e non poden percibirse como verdade: os discursos de unidade cando exclúen nin as estratexias políticas centradas na propia organización por moita retórica que se lle queira poñer.  Bertolt Brecht, do que se pode extraer sempre un frase para cada ocasión, deixou esta que explica moi ben o que quero dicir:  “Cando a hipocrisía comeza a ser de moi mala calidade, é hora de comezar a dicir a verdade”. É o único material válido para construír a credibilidade. Construír unha auténtica alternativa.

Aínda non chegamos ao convencemento de que o pobo, farto de tanta hipocrisía, reclama verdade; e non poden percibirse como verdade: os discursos de unidade cando exclúen nin as estratexias políticas centradas na propia organización por moita retórica que se lle queira poñer

Na miña humilde opinión, as eleccións europeas no 2014 e as municipais no 2015, son unha gran oportunidade e tamén unha gran proba para a esquerda. Podemos edificar a gran alianza da terra ou seguir aumentando a frustración e a miseria.

Na actividade parlamentaria e institucional coma na rúa, tamén hai que dicir a verdade; a cidadanía xa non aturamos o guión tedioso e mentireiro de discursos, declaracións e debates parlamentarios previsibles e correctamente manipuladores. A sacralización das formas que dificultan á cidadanía distinguir a verdade da mentira.

As eleccións europeas no 2014 e as municipais no 2015, son unha gran oportunidade e tamén unha gran proba para a esquerda

Non estamos na normalidade; non vemos só as frías e aterradoras estatísticas de paro, pobreza e exclusión; vemos pechar os comercios e as empresas, vemos as noticias dos suicidios das persoas que non soportan a idea de quedarse sen teito e sen pan para os seus fillos, vemos  que nas escolas hai nenos que non fan as tres comidas diarias, vemos a mozos e mozas abandonar a universidade, vemos a mocidade mellor formada emigrar…  Todas e todos temos caras que poñerlle ao drama social que vivimos. Ao mesmo tempo; vemos os Servizos Públicos e a protección social desaparecer xunto cos dereitos e as liberdades, a Galiza desgobernada e desposuída da identidade; con consellerías dedicadas a facela desaparecer como boas delegacións de ministros e ministras que dan roldas de prensa para insultarnos con risas incualificables, mentres nos extirpan a esperanza e criminalizan as protestas lexítimas; criminalizan a dignidade.

Sei, percibimos todas e todos, que o pobo se sentiu moi representado no puño que Beiras puxo na mesa de Núñez Feijoo. Non é unha agresión, é unha expresión colectiva de indignación. Sentimos que manterse na banca sabendo que o que está en fronte xoga coas cartas marcadas, non é corrección, é estupidez. Seguir alimentando a parodia de normalidade cando a situación social é de emerxencia; de quebra do sistema democrático, institucional e social; non pode ser percibido como verdade.

Sei, percibimos todas e todos, que o pobo se sentiu moi representado no puño que Beiras puxo na mesa de Núñez Feijoo. Non é unha agresión, é unha expresión colectiva de indignación

Alén das opinións partidarias, das lecturas de estrategos sobre protagonismos e cortinas de fume, o pobo estaba no puño de Beiras e eu, por un momento tiven a fantasía de ver a toda a oposición dando unha mostra de intelixencia, unha lección de democracia; erguéndose do escano e pasando en ringleira por diante do escano de Núñez Feijoo (esa especie de delegado comercial para las provincias del Noroeste) inhabilitado pola decencia para exercer cargo público, dando a simbólica puñada. Para dicirlle: xa esta ben! Non vale todo! Porque “cando a hipocrisía comeza a ser de moi mala calidade, é hora de comezar a dicir a verdade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.