Notas ao pé

Sentido de estado

O sentido de estado, segundo esta especie política que envelenou os soños do propio socialismo, consiste nunha especial habelencia por esquecer de forma radical que a democracia ten as súas leis, os seus poderes

Leo un deses exsocialistas, vencido polo resentimento, criticar un dos seus líderes recentes por carecer de sentido de estado. O sentido de estado, segundo esta especie política que envelenou os soños do propio socialismo, consiste nunha especial habelencia por esquecer de forma radical que a democracia ten as súas leis, os seus poderes, a priori medianamente diferenciados. O obxectivo (ou fin na terminoloxía maquiavélica propia desta intelligentsia) de tal suspensión é o de conservar o propio estado. O sentido de estado viría a ser un modo de anulación da maquinaria que move un sistema político complexo para convertelo nun interruptor sinxelo que permite facer o que doutro modo sería máis difícil ou impensable. Ter sentido de estado é recoñecer que para certos casos a democracia sobra, os votantes son imbéciles e o príncipe, o gobernante, o primeiro ministro debe ser, como mínimo, Fernando VII.

 

Ferrán Adrià

Sei que pode soar frívolo, pero non mirei ningunha resposta á reportaxe sobre ese disque xenio da cociña chamado Ferrán Adriá. Non dubido do seu mestrado ao fronte de El Bulli durante estes anos e nin sequera do seu liderado mundial na restauración: eu mesmo confésome atraído polas súas propostas e mesmo polo súa forma de concibir a arte culinaria alén do convencional. Pero a goma estirada do seu ben gañado prestixio non dá para máis. O do dominical de El País, a presenza como debuxante (ou algo parecido) en ARCO, revela un tipo xenial na cociña pero con serias limitacións sobre outros aspectos da vida, salvo o de cobrar colosais soldos por dar palestras polas universidades de postín. Non discuto tampouco a súa capacidade para seducir a medio mundo ou para embarcalos en empresas de difícil definición. Pero, non hai ninguén polo mundo adiante que lle diga que está, sen o seu laboratorio de cociña diante e os seus pratos fascinantes, decididamente espido?

 

Renzi

A crise italiana, ese pleonasmo, mantén a rutina. Desta vez cun pequeno prodixio: o de nomear por terceira vez a un presidente do Consiglio sen esa conexión directa coas urnas

A crise italiana, ese pleonasmo, mantén a rutina. Desta vez cun pequeno prodixio: o de nomear por terceira vez a un presidente do Consiglio sen esa conexión directa coas urnas. Primeiro foi Monti. Non se presentara nin de lonxe ás eleccións, pero un insignificante detalle, designalo apenas unha semana antes senatore a vita, vitalicio, permitiu ao propio Napolitano nomealo presidente. O Montismo durou o que durou: árbitro entre os dous grandes partidos italianos, perdeu ás primeiras de cambio, sen apoio de partido ningún. O segundo foi Letta, un cadro secundario dun Partito Democratico gañador das eleccións pero sen maioría nin sequera relativa. Despois da inmediata retirada do seu líder Bersani, Letta era o menos marcado dos persoeiros do PD, o candidato máis asumible polas ringleiras do Partito della Libertà berlusconiano coa idea de apoiar unha especie de grande coalición á italiana, a destra e sinistra. Letta tampouco se presentara ás eleccións, se consideramos por tal poñer face nos cartaces electorais ou explicar o programa coa intención palmaria de lideralo despois.

O carisma de Renzi está máis asociado ao seu pulo ambicioso e á súa xuventude (39 anos nun país gobernado durante moito tempo por senadores en sentido estrito) que a un programa definido de centroesquerda

Iso fixo que Matteo Renzi, que perdera as primarias de 2012 fronte a Bersani e que obtivera o posto de secretario xeral do PD en 2013, fixera todo o posible para que o propio Partito Democratico deixara de apoiar a Letta e decidira propoñelo a el como presidente. Renzi foi durante todo este tempo alcalde de Florencia e constante voceiro dos sectores máis centristas e moderados do PD, cun carisma máis asociado ao seu pulo ambicioso e á súa xuventude (39 anos nun país gobernado durante moito tempo por senadores en sentido estrito) que a un programa definido de centroesquerda. Renzi é o terceiro presidente elixido sen pasar directamente polo fragor da batalla electoral. Nesta semana ha elixir a súa equipa e o luns presentará a súa candidatura na procura da confianza parlamentaria. Napolitano pode pasar á historia italiana como o presidente que non quixo presidir e preside e que presenta presidentes que nunca se presentan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.