Notas ao pé (II)

Estafa piramidal

En pouco tempo, o monumento (funerario) desplómase: o castelo de naipes fica no chan. Pero moi cedo, cos restos da ruína comézase a labrar outra pirámide. Nunca deixamos de estar no medio dunha estafa piramidal

Vivimos a grande estafa piramidal. Sempre estamos no medio dunha estafa piramidal. Mentres os cartos flúen de abaixo arriba na maquinaria non hai problema. A maquinaria depende dun réxime estrito de submisión: hai que vender seguido aos da abaixo. Sempre. Sen perder ripio. Mesmo con instrumentos de extorsión, con prazos cada vez máis rigorosos. Funciona con dificultades, pero funciona, ata que o número dos que non poden aguantar a asfixia debilita a pirámide. En pouco tempo, o monumento (funerario) desplómase: o castelo de naipes fica no chan. Pero moi cedo, cos restos da ruína comézase a labrar outra pirámide. Nunca deixamos de estar no medio dunha estafa piramidal. Avisados, iso si, sempre estamos.

 

Meredith Frampton

Ignoraba a existencia desta retratista inglesa, de aire falsamente modernista, de aire falsamente figurativo e incluso de aire surrealista. Os seus cadros aparecen destacados na Tate Modern, entre outros de decididas vangardas. Son retratos de mulleres serias, vestidas de sedas brancas e limpas e rodeadas de obxectos en certo modo simbólicos. Particular semella o Retrato dunha muller nova, de 1935, no que a figura retratada pousa entre un violonchelo e unha columna coroada de libros medio abertos e unha mesa onde repousa unha especie de bodegón composto de flor, xarrón, arco e un papel en forma de volume. A pequena etiqueta explicativa dá a entender que a muller pode non ser unha artista: nin escritora, nin violonchelista, nin sequera ter gusto pola lectura. Pero tamén pode suxerir o contrario: a inquedante ambigüidade interroga ao/á que contempla. Na sala de Poetry and Dreams desa fascinante central eléctrica que agora acolle a Tate Modern o rostro sereno desta muller fica na memoria.

 

Paolo Rossi

Naquel campionato que Brasil ía gañar sen dúbida apareceu Paolo Rossi. Non se agardaba por el. Fora apartado da competición por un delito de amaño de partidos. Non foi pouca sanción: dous anos sen competir fixeron perigar a súa presencia en España. Bearzot, adestrador elegante daquela Italia elegante, capaz de vestir de terno branco no medio das adversidades, chamouno para visitar cando menos Vigo na fase clasificatoria. Non fixo gran cousa. Limitouse, coma o resto de xogadores, a non perder. Ou, segundo se mire, a tomar carreiriña. Derrotaron de primeiras a Arxentina de Maradona, cunha facilidade estraña.

Pero contra ese Brasil de Zico, Sócrates, Falcao, foi onde emerxeu a figura espilida de Rossi para avaliar a esencia do fútbol de contraataque. Lembro a rabia contida de tanta xente que rexeitaba o xogo italiano como antifútbol. Visto o partido con tempo e sen a inevitable paixón daqueles días (xogado a un ritmo agora impensable, lento e moroso), Italia puido aínda gañar por máis goles: tal foi a lección soberana que recibiu a frondosa escuadra brasileira. Rossi meteu tres goles, pero puido meter outros tantos, cousa que reservou para pasar por riba de Polonia na semifinal e para comezar a conta na final enérxica e brutal contra Alemaña.

Ningún heroe máis imperfecto, máis acorde cos tempos, que Pablito Rossi, balón de ouro nese 1982 da nosa mocidade

Agora Rossi é comentarista na televisión italiana. Hai pouco narrou a súa experiencia na copa do mundo. Nos comentarios da páxina web, unha mistura estraña de agradecemento infinito e crítica fulminante: unha parte soñaba con aqueles partidos do 82, heroicos, de resurrección alegre dun país en crise (con Pertini dando botes no Bernabeu), e outra parte, non pouca, lembraba os cartos gañados nos amaños de partidos e mesmo algún aludía aos incentivos crematísticos e químicos que quizá o gran Rossi tomou naqueles tempos. Ningún heroe máis imperfecto, máis acorde cos tempos, que Pablito Rossi, balón de ouro nese 1982 da nosa mocidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.