Escribía José Bergamín: Se me fixeran obxecto sería obxectivo, mais fixéronme suxeito. E suxeitos estamos ás leis do mercado que de libres teñen só o nome. Cando eu estudaba pedagoxía social na década dos oitenta do pasado século, (anque ninguén albisque esas modernidades de teres inaugurado outro) a socialdemocracia prometíanos un Estado do Benestar para equipararmonos a Europa. Un Estado Social forte, inherente á democracia.
De resultas do que habería centos de pedagogos e afíns traballando na educación non formal, que non significa a educación canalla senón a educación permanente para todos os cidadáns como inversión do Estado nunha sociedade máis igualitaria e culta. Chamábannos Interventores Socioeducativos ou Animadores Socioculturais. Logo había especialidades como Educadores de rúa, Animadores Xuvenís, de Tempo Libre, de Adultos, Sociais...e un longo labirinto que ficou en pura teoría para encher titulacións universitarias, cursiños... e que Sísifo seguira a subir a bóla.
Chegada a rexa e preaustera década dos noventa, ata os partidos máis revolucionarios, abertamente ou aos agochos, botaron man do mal chamado voluntariado e becarios para cubrir practicamente as minguadas prazas creadas no eido socioeducativo. Entón os pedagogos sociais, eternamente parados, tivemos que nos formar en cursiños onde nos titularamos de animadores, titulación moi inferior á nosa formación e impartida por persoas non universitaria desfilando con nenos scout parroquianos dende pequechos que seica, tiñan moita experiencia recoñecida pola Xunta. Logo veu o curso ponte polo que os mestres podían ter en seis anos dúas titulacións. Xa que Pedagoxía tiña cinco anos e maxisterio tres máis tres da ponte. E nós a agardar a prometida Facultade de Educación onde se formase a todos os educadores de todos os níveis, cunha programación e calidade, limpo de formacións de espíritos nacionais transicionais. Nunca chegou. A cousa foi a máis porque agromaron coma froles de invernadoiro, deliciosas titulacións de Formación Profesional privadas creadas ex profeso para certas prazas municipais.
E así fumos baixando os Pedagogos Sociais ata chegar hoxe á vergoñenta categoría de Monitores. Porque non ten nada de vergoñento ter un cursiño dunhas horas e traballar diso. Pero estudar cinco anos máis cursiños para rematar abaloufando globos, adeprender catro pasos de zumba ou uns estiramentos que pasen por ioga infantil... excede a paciencia ata do movemento slow!. Todo depende do que a nebulosa misteriosa da demanda mercantil pida a cada paso. Eu veño duns tempos en que se definía unha sociedade moderna coma unha sociedade onde os profesionais adicaran tempo e esforzo a especializarse teórica e práctiamente. Agora reclaman o mesmo pero profesionais de todo e con salarios de nada!.
Monitor vén do latín monitore que significa avisador. O diccionario di que é a persoa que orienta ou aconsella a outras. Tamén a que instrúe na práctica de certos deportes, coma o monitor de autoescola. Ademais, chámanlle monitor ao televisor situado na cabina de control dunha emisora de televisión para comprobar a calidade das imaxes que se transmiten.
E aí, na derradeira acepción de monitor coma televisor é onde hoxe alicerza a educación social! Triste, certamente!. Non imaxino a Freinet, a Tonucchi ou a Paulo Freire cobrando sete ou cinco euros por alumno ao mes, certamente. Non imaxino a ningún dos oitenta correndo dunha clase para outra por esa miseria de paga sen case cotizar e radiantes de ledicia por ser autoemprendedores ou escravos deles, por moito libro de autoestima e pensamento en positivo ou moito que se canalice a enerxía polos chakras vertebrais.
A animación sociocultural e a pedagoxía social naceron para educar ao povo coma motor do cambio social a prol da xustiza económica. Crear un povo que creador máis ca consumidor de cultura. Era certamente unha conciencia política de formar cidadáns pensantes e críticos o que se trataba de traballar neste eido formativo. Mais eran tempos onde conseguir un libro requería esforzos teimudos e non chegaba con darlle a un buscador para obter a verdade sagrada das novas escrituras dixitais. Eran tempos onde os políticos, aínda corruptos, tiñan que saber falar un algo con coherencia sintáctica e parella á realidade real. E nunca ousarían sair en monitor anque fora de plasma!.
Hoxe padecemos todos de nictalopía, ese defecto da vista que consiste en ver mellor de noite ca de día. Non sei se será o botellón nouturnio, o sapo cro cro do poeta ou que nos está a dilatar a pupila o Grande Irmán ese, e agora vemos mellor canto máis negro. Porque á Idade Media desprazouna a Moderna, a ésta a Contemporánea e agora entramos de cheo na Idade dos Séculos Escuros, outravolta, do labirinto da explotación do home polo home.