O proceso de conformación dunha alternativa para as vindeiras eleccións xerais encabezada por Iolanda Diaz, está suscitando divisións e polémicas no seo do espazo que pretende aglutinar semellante iniciativa. Destaca, sobre todo, o desencontro entre a actual vicepresidenta do goberno do Estado e a dirección de Podemos, moito mais se temos en conta que foi Pablo Iglesias quen proclamou publicamente -cando se retirou da primeira liña da política institucional- a comenencia de que ela encarnase o relevo como máxima dirixente de Unidas Podemos.
As diverxencias que se están rexistrando non constitúen unha novidade en termos históricos. Nas últimas décadas ten habido diversos episodios de confrontación no ámbito das formacións políticas ubicadas á esquerda do PSOE. Fenómenos análogos tamén teñen ocorrido entre as esquerdas nacionalistas periféricas, salvando, obviamente, as singularidades asociadas ás respectivas traxectorias de cada unha delas. Sorprende, en todo caso, que a repetición destas dinámicas divisivas teña lugar a pesar da aparición da chamada "nova política" -especialmente co nacemento de Podemos en 2014- e dos teóricos cambios que se anunciaban por parte dos seus protagonistas. Finalmente, a influenza das vellas tradicións está pesando mais que as invocacións adanistas proclamadas polas novas xeracións de dirixentes políticos.
Cando se buscan as diferenzas que explican esta confrontación actual resulta difícil atopar un volume de asuntos significativos que teñan que ver coas propostas programáticas de cada quen
Cando se buscan as diferenzas que explican esta confrontación actual resulta difícil atopar un volume de asuntos significativos que teñan que ver coas propostas programáticas de cada quen. Podería ter existido unha discrepancia a respecto da integración inicial nun goberno de coalición co PSOE ou relativa á comenencia de rachar a continuidade do mesmo por mor das posicións defendidas por cada parte nestes últimos anos (a guerra de Ucraína e a OTAN; o Sahara e as relacións con Marrocos; o acontecido coa aplicación da lei do "só o si é si"...). Se estes posíbeis escenarios non tiveron lugar, só fica apelar a distintos xeitos de tratar ao socio gobernamental maioritario (con maior ou menor belixerancia verbal) e ao que, seguramente, resulta mais determinante: como se artellan harmonicamente as distintas tendencias organizadas no seo dese espazo común. Mais unha vez, o vello problema de atopar un equilibrio construtivo entre as lóxicas tendencias hexemonistas dos distintos segmentos agrupados e a imprescindíbel unidade operativa requirida para gañar mais credibilidade entre o corpo electoral.
A importancia do que, finalmente, suceda con esta controversia semella indiscutíbel. Está en xogo a viabilidade dunhas ou doutras maiorías no futuro Parlamento estatal. As persoas e forzas mais directamente concernidas non poden eludir as grandes responsabilidades que lles corresponden nos vindeiros meses
O contexto político deste momento ten variado a respecto do que había antes de 2014/2015. O denominado bipartidismo imperfecto (dominio electoral moi notábel do PSOE e do PP, coa presenza -en ocasións decisiva- de forzas políticas das nacións históricas) deixou paso ao que agora se chama "bi-bloquismo": PSOE-UP versus PP-Vox-Cs coa engádega determinante de distintas organizacións nacionalistas (PNV, ERC, Bildu, Junts, BNG, CUP). Este novo mapa político ten facilitado a conformación do primeiro goberno estatal de coalición dende 1977. A explícita declaración de Pedro Sánchez en favor dunha oferta electoral unitaria no territorio situado á súa esquerda, certifica a transcendencia desta novidade histórica: se no pasado o Partido Socialista optaba por incentivar a división desa esquerda para tirar proveito de tal circunstancia mediante a posterior apelación ao voto útil, agora teñen chegado á conclusión de que eses segmentos do electorado -sobre todo nos seus continxentes mais xoves- xa non susceptíbeis de seguir ese comportamento e, polo tanto, pódese chegar a un resultado que imposibilite a continuidade do actual Executivo e facilite a chegada dun goberno PP-Vox.
A importancia do que, finalmente, suceda con esta controversia semella indiscutíbel. Está en xogo a viabilidade dunhas ou doutras maiorías no futuro Parlamento estatal. As persoas e forzas mais directamente concernidas non poden eludir as grandes responsabilidades que lles corresponden nos vindeiros meses.