Novas canles de participación política

Os partidos políticos son instrumentos fundamentais para a participación cidadá na política. Mais non son os únicos. A tradición das iniciativas cívicas ven de lonxe no noso país, Galicia. Velaí as Irmandades da Fala (1916), que nunca se constituíu especificamente en partido ou o movemento agrario dirixido por Antón Alonso Ríos, nos últimos anos ben próximo ao Partido Galeguista, mais nunca confundido con él. A primeiros deste século Nunca Máis, dende unha iniciativa cidadá fondamente política, mais apartidista, supuxo un antes e un despois para a conciencia política da miña xeración.

A primeiros deste século Nunca Máis, dende unha iniciativa cidadá fondamente política, mais apartidista, supuxo un antes e un despois para a conciencia política da miña xeración

Noutros países, esta caste de movementos políticos cidadáns acadou grande suceso na Chequia que se liberou da ditadura soviética ou coa plataforma Yes Scotland, que fixo chegar entre 2012 e 2014 a mensaxe soberanista escocesa moito máis aló dos marcos nacionalistas. Tamén coa Asamblea Nacionalista de Catalunya, iniciativa cidadá na que partillan afiliados de varios partidos e independentes e que lle marca a axenda política a Convèrgencia e a ERC.

O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituír o que xa está, senón fornecer a sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia

Velaí que non sexa acaído considerar Sómos Nós como un instrumento para a unificación das diversas ponlas do galeguismo nin como outra opción partidaria. O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituír o que xa está, senón fornecer a sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia como suxeito político. Uns intereses sistematicamente esquecidos no esquema político actual por mor de representarmos só un 5% do PIB e un 6% da poboación e depender en grande medida duns alicerces económicos que non son os que definen a economía do Estado español. Ferramentas para afondar nunha visión do mundo dende Galicia, como clave parta afondarmos no autogoberno e xerarmos benestar para a cidadanía.

Logo no galeguismo hai sitio para partidos, para axentes sociais e para este movemento cívico, como existe este espazo tamén en Catalunya ou en Escocia, países cos que partillamos sentimento de identidade e europeidade, malia distinguírmonos nun bo feixe de características e circunstancias.

O importante, en último de contas, non é o instrumento, senón o obxectivo. O importante é que o gato sexa quen a cazar ratos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.