Novos sindicalismos sociais… na Universidade

A Universidade de Vigo vai celebrar o 10 de xuño novas eleccións sindicais nun contexto de cambios sociopolíticos democráticos esperanzadores. Descoñecemos que transformacións se poden producir na habitual escasa participación do persoal docente e investigador (PDI) universitario nas eleccións sindicais (sobre un 20% de participación nas anteriores), pero todo apunta a que se vai producir un crecemento, porque aos sindicatos tradicionais (UXT, CCOO e CIG) súmanse o colectivo de Asociados (unha lista sindical que responde ás dinámicas de fragmentación laboral) e o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG). 

É a primeira vez que STEG se presenta a unhas eleccións sindicais universitarias no ámbito galego. Facémolo cunha proposta autónoma, asemblearia, horizontal e participativa para a defensa de todas/os as/os traballadoras/es do ensino galego.

Hai tempo que na universidade pública o potencial crítico se subordinou ás supostas bondades do neoliberalismo cognitivo, unha enxurrada acomodaticia que levou por diante a un sector amplo do sindicalismo universitario, preocupado polo pacto, por apoiar reformas perxudiciais (velaí a Universidade de Vigo, a única galega que aplicou a intensificación docente ideada por Wert) e por facer de tapón das reivindicacións lexítimas contra a hexemonía da casta universitaria.

É indignante a ocupación privada dos recursos públicos na Universidade de Vigo durante os últimos años (xerencia, vicexerencias, consello social, prácticas de empresa, comisións de calidade, centros de investigación, etc.) fronte ao aumento na temporalidade ou na precariedade dos contratos do PDI (contratado doutor interino, axudante doutor, contratado interino...) nun contexto de reformas liberais que están a producir cambios drásticos no mundo do traballo, tamén na universidade.

A invisibilización do sentido crítico e as dificultades para articular en agrupacións ou en sindicatos ao PDI universitario explican a desaparición da voz dos/as traballadores/as do ensino universitario no ámbito galego e, con iso, da súa capacidade de autoorganización, se entendemos isto como o que sempre foi no mundo laboral: apoio mutuo e solidario entre categorías profesionais nun contexto laboral unitario e inclusivo. 

STEG presenta unha proposta sindical absolutamente en contra da implementación do modelo neoliberal na universidade pública. Este feito significa modificar o modelo de sindicalismo institucional universitario, que premia con poderes institucionais e con respaldo patronal aos sindicatos convertidos moitas veces en simples mediadores privilexiados, logo reconvertidos co tempo, algúns dos seus membros, en altos cargos de xestión. 

A proposta de STEG é, neste sentido, sumamente inclusiva pois supera a segregación profesional (contratados/as doutores/as, axudantes doutores/as, investigadores/as...) para comprender que a investigación e a transmisión do coñecemento son xa cuestións comúns que deben ser defendidas por todo o mundo universitario independentemente da categoría profesional.

Os membros do STEG levamos tempo pensando que precisamos un sindicalismo diferente como instrumento de defensa para os/as traballadores/as máis necesitados/as, é dicir, os/as non estabilizados/as.

No fondo estamos a falar dun modelo alternativo de universidade: sostíbel, participativa, sen xerarquías, sen competencias absurdas e con hábitos laborais amábeis (o grao de acoso laboral na Universidade de Vigo é sintomático de como non deben funcionar as universidades públicas: ¿saben que nalgunhas facultades universitarias as decanas catedráticas organizan a entrada dos docentes aos actos académicos en función da súa categoría profesional?).

Cando se van desenvolver estas eleccións sindicais, máis dun 50% do PDI Laboral da Universidade de Vigo ocupa postos de traballo non estábeis, resultado das políticas universitarias e económicas do PP e da covardía administrativa e executiva dos equipos de goberno da Universidade de Vigo, que aplican as devanditas políticas sen opoñer a máis mínima resistencia.

Ancorada nunha inintelixíbel autonomía, a Universidade de Vigo precisa mellorar os procesos de comunicación e de transparencia internos que seguen sen funcionar en boa parte dos seus órganos de representación e de goberno. A comunidade universitaria está a demandar unha administración aberta e innovadora onde flúa a información, sen obstrucións entre goberno e traballadores/as, sen arbitrariedades e con procesos de avaliación pública para os costosos cargos de xerencia e vicexerencia.

 

Ángel Rodríguez Gallardo e Adela Sánchez Moreiras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.