Nunca escribirei como García Márquez

Hai unha imaxe de García Márquez que sempre me chamou a atención. Vina por primeira vez na contraportada de El otoño del patriarca. Está o escritor descalzo, sentado diante dunha mesa simple cunha máquina de escribir e algúns papeis. Aparece abstraído, coa cabeza apoiada na man esquerda, alleo ao seu contorno, tentando buscar a palabra xusta, a frase máis axeitada, a metáfora definitiva. É a perfecta descrición do narrador concentrado na construción do seu propio mundo. Esa foto foi tomada en Barcelona por Rodrigo García en 1972. Xa publicara o seu libro principal, Cien años de soledad, xa era un escritor coñecido, pero aínda non recibira o Premio Nobel, aínda non fora declarado mestre da literatura e xenio universal.

Souben da súa morte e eu sinto pena como se fose alguén próximo e familiar. É, con diferencia, o escritor que máis admiro, pola súa escrita pero tamén polo seu compromiso político e social, pola mirada limpa de home bo e pola súa traxectoria coherente e exemplar

Agora souben da súa morte e eu sinto pena como se fose alguén próximo e familiar. É, con diferencia, o escritor que máis admiro, pola súa escrita pero tamén polo seu compromiso político e social, pola mirada limpa de home bo e pola súa traxectoria coherente e exemplar, sempre ao lado dos pobres e desherdados. Sigo a súa obra literaria desde os anos setenta, cando todos éramos felices e indocumentados. Houbo un tempo en que publicaba artigos semanais nun xornal español, que eu gardaba nunha carpeta e relía con veneración. Lín todos os seus libros ata o tramo final, cando a súa forza creativa xa comenzaba a debilitarse.

Cando comecei a elixir eu mesmo as lecturas sentín predilección polos autores do boom latinoamericano: Vargas Llosa, Rulfo, Onetti e Bryce Echenique fixéronme vivir momentos extraordinarios cos seus textos

Eu comecei a ler de rapaz. Dona Carme, a miña mestra (cuñada de Avelino Pousa Antelo), é a culpable da miña afección á literatura e, de xeito especial, á narrativa. Prestábame os libros da súa biblioteca e así me internei nos mundos literarios de Mark Twain, Julio Verne,  Allan Poe,  Pearl S. Buck e Mika Waltari. Cando comecei a elixir eu mesmo as lecturas sentín predilección polos autores do boom latinoamericano: Vargas Llosa, Rulfo, Onetti e Bryce Echenique fixéronme vivir momentos extraordinarios cos seus textos. Hai escritores españois polos que teño unha  enorme admiración (Delibes, Torrente Ballester, Rosa Montero, Marsé, Muñoz Molina e, de xeito especial, Rafael Chirbes); entre os narradores galegos sinto gran  aprecio por Carlos Casares, Suso de Toro e Manuel Rivas. Houbo un tempo no que lin con moito interese os autores do dirty realism americano (John Cheever, Raymond Carver) e hai dous escritores portugueses aos que teño en grande estima (Miguel Torga e Lobo Antunes).

Pero de todas as lecturas a que máis me impactou, no seu momento, foi a de Cien años de soledad. O universo de Macondo, a vida prodixiosa da familia Buendía coa sucesión infinita de Arcadios, Aurelianos e Úrsulas, deixoume unha fonda pegada e sentinme privilexiado por poder asistir a ese relato torrencial que nos axuda a amar aínda máis a vida. Este home, que comezou como modesto reporteiro na súa terra natal, soubo crear un mundo propio, enorme, maxestoso e vital como a súa propia persoa. Foi un escritor xeneroso e entregado ao seu oficio que nos deixou media ducia de libros que quedarán, para sempre, na historia da literatura universal.

Ben sei que nunca vou escribir como García Márquez, pero quero, con esta breve crónica, deixar constancia da miña profunda admiración por este home e da miña gratitude infinita

Eu tamén estou agora descalzo, só e pensativo diante da mesa e do teclado, co mar do Orzán iluminando a fiestra, agardando a a palabra necesaria, a frase precisa para decir o que penso. Ben sei que nunca vou escribir como García Márquez, pero quero, con esta breve crónica, deixar constancia da miña profunda admiración por este home e da miña gratitude infinita polo escritor que me permitiu vivir vidas tan distintas e distantes da miña e que me axudou, así o creo, a ser mellor persoa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.