Acabo de coñecer, a falta de comunicado oficial, o peche da oficina en Compostela de Médicos Sen Fronteiras, a delegación que atendía a todo o noroeste peninsular: Galicia, Asturias e León. Non é unha boa noticia. Máis alá do despido da persoa que alí traballaba, chama a atención que unha das ONG máis importantes en España elimine un centro de atención á sociedade e aos medios. Aínda máis, cando nos mesmos días coñecíamos, a entrega por parte dunha empresa galega, Inditex, dun cheque de 2,5 M euros á mesma entidade.
Falemos por tanto algo desta organización. MSF naceu en Francia en 1971, fundada por xornalistas e sobre todo por médicos que asistiran como voluntarios da Cruz Vermella na traxedia de Biafra (Nixeria) en 1968. Nos anos 70 e 80 foron ampliando as súas actividades, primeiro en África -os chamados French Doctors- e despois en Latinoamérica e Asia, sempre en lugares con traxedias humanitarias. Xa neses anos sofren unha escisión, liderada por Bernard Kouchner, que crea Médicos do Mundo. Nos 90 aséntanse en España e ao final dese decenio cambian a cruz que campaba no seu logotipo, herdanza da súa orixe na Cruz Vermella (pouco conveniente nos ámbitos africanos ou asiáticos, onde o islám está moi presente) por unha figura humana sobre un fondo raiado, evocación segundo parece das fronteiras que di traspasar. En 1999 reciben o espaldarazo mundial co premio Nobel da Paz.
Tiña MSF unha forma característica de actuar, case sempre en emerxencias, moito máis mediáticas que as actuacións a longo prazo, máis silenciosas pero que van ao cerne do problema
Ese galardón multiplicou o seu apoio económico e social, pero curiosamente marcou tamén o seu alonxamento do resto do tecido humanitario. MSF abandonou en Europa, en España e en Galicia as redes, e coordinadoras de ONG, fieles á súa creencia de povo elexido, que ten orixinado non poucas controversias no sector solidario. Somos diferentes, viñan a dicir, una frase extraña nun sector onde prima a igualdade e a empatía co resto da humanidade. Consonte a esa falta de empatía co sector, non tivo reparos en adoptar decisións controvertidas -e nunca vistas- como cando tralo terremoto de Haití de 2010 anunciaron que xa non querían máis doazóns, que xa tiñan recaudado todo o que necesitaban. Como pode dicir isto unha ONG?. É un pecado de soberbia, ou problema de vivir nun universo paralelo?
Tiña MSF desde logo unha forma característica de actuar: case sempre con expatriados occidentais (orixe da habitual crítica de "médico branco busca negriño pobre)”, case sempre actuando en emerxencias, moito máis mediáticas (o chamado efecto CNN) que as actuacións a longo prazo -máis silenciosas pero que van ao cerne do problema- pero menos televisivas, e portanto, menos axitadoras das conciencias e dos bolsillos dos cidadáns. Grazas a iso, MSF pode presumir dun apoio extraordinario: case 500.000 socios en España; case 185 M€ de ingresos, de fondos privados, incluso de orixe empresarial, como o caso de Inditex, e se fai falta renunciando tamén ao principio de non admitir fondos finalistas, do que tanto teñen presumido. No caso dos 2,5 M€ de Inditex, irán destinado a proxectos en India, Bangladesh, México... destinos marcados pola multinacional de Amancio Ortega.
Falamos dunha organización con fama de xacobina, se ben en lugar de Madrid ten o seu cuartel xeral en Barcelona, no distrito empresarial 22@ , nunha sede con 6.500 m2 onde traballan 300 empregados. E cun funcionamento interno con algún déficit democrático: se ben o seu estatus legal é de asociación, a súa extensa base social en España non pode participar na vida interna (asembleas, votar, ser elexidos, etc.), accesible só para uns poucos miles de elexidos; os restantes son simples colaboradores ("paganinis”, para entendernos), aos que non se lles informa, cando se afilian, desta particularidade atípica no mundo das ONG.
Agardamos que no futuro MSF saiba elexir o camiño correcto nas suas actividades e funcionamento, e ao tempo, decida retornar a Galicia, onde volverá a ser ben recibida!
Outra característica, e aquí voltamos ao principio, é a da escasa presenza territorial, pois ademáis da sede central, apenas tiña representación en Bilbao, Málaga, Valencia, Madrid e Santiago -que agora se pecha-, moi inferior á de calquer ONG de tamaño medio. Cómpre lembrar que moitos líderes e intelectuais dos países en vías de desenvolvemento consideran que as tarefas de mobilizacion social e cambio nas sociedades ricas ou de lobby nos foros internacionais para cambiar os acordos comerciais (o traballo de OxfamIntermón, por exemplo) son máis eficaces, ou cando menos indispensables, que ir colocando tiritas nas emerxencias. Tamén é certo que MSF ten propostas, como a Campaña de Acceso a Medicamentos (creada en 1999 cun obxectivo temporal, pero que aínda segue viva) e iniciativas conexas como o Pool de Patentes, o proxecto DNDi e outras que van por ese bo camiño.
Agardamos que no futuro MSF saiba elexir o camiño correcto nas suas actividades e funcionamento, e ao tempo, decida retornar a Galicia, onde volverá a ser ben recibida!