O 18 de brumario de Donald J. Trump

Mitin de Donald Trump Dominio Público

Tomar o Congreso

Farsa dunha farsa, o autogolpe de Trump lembra aquel momento en que o presidente Luis Napoleón Bonaparte sabedor do apoio popular, dáse un golpe de estado a si mesmo e transforma a República no malfadado Segundo Imperio: aquel momento de crise que Marx definiu coma una repetición paródica da toma de poder de Napoleón Bonaparte

Os sucesos do 6 de xaneiro en Washington revelaron con toda a súa crudeza o que hai detrás da máquina política que situou a Donald J Trump no vértice da presidencia dos EE.UU. e do poder mundial. A última representación, na que Trump convoca a través de redes sociais alternativas, coma Parler, a unha maré mesta de xente incondicional, cítaos moi preto de onde se estaba a proceder á certificación dos resultados e envíaos, nas súas propias palabras, a presionar aos deputados e senadores do seu propio partido e ao seu mesmo vicepresidente é a imaxe dun autogolpe co que o presidente dos Estados Unidos intentou sobordar a lexislación electoral e a constitución do seu país para se perpetuar no poder e abrir un tempo político de vertixe e incerteza que non terá lugar.

Farsa dunha farsa, o autogolpe de Trump lembra aquel momento en que o presidente Luis Napoleón Bonaparte sabedor do apoio popular, dáse un golpe de estado a si mesmo e transforma a República no malfadado Segundo Imperio: aquel momento de crise que Marx definiu coma una repetición paródica da toma de poder de Napoleón Bonaparte, e na que “a loita de clases creou en Francia as circunstancias e condicións que permitiron que un personaxe mediocre e grotesco representase o papel de heroe”. No século 21, ano 21, o golpe de estado feble non se representa coma unha violenta toma do poder para botar a baixo á constitución senón coma unha defensa da constitución na súa versión máis pura, no seu senso “orixinal”, no que a defensa da república require que o pobo, “we, the people”, cuestione as formas de representación e os procedementos burocratizados e invista con todo o poder a un tribuno que defenderá a soberanía do país contra os inimigos interiores e exteriores para facer a America grande, outravolta.

É preciso ter en conta este contexto para entender non só o atrezzo dos actores da toma do capitolio, senón tamén a lóxica das súas accións que non son só o froito dunha loucura ou dunha irracionalidade incomprensible, senón dunha secuencia racional que eles perciben como verdadeira, como a única verdade de facto

O complexidade do sistema electoral de aparencia arcaica fai evidente a base fortemente federal do país, na que os estados son verdadeiros suxeitos políticos mesmo sen ter a lexitimidade que outorgan os relatos nacionais. Cada estado autoorganiza os seus procesos e establece unha lóxica política propia que, nos estados dos Sur, permitiu durante moitos anos deixar á marxe do proceso de representación electoral a grandes grupos de poboación negra, mesmo despois da caída da América de Jim Crow, como de grupos latinos hispanofalantes que son percibidos como alleos á república dos país fundadores, mesmo se levan vivindo no país dende moitas xeracións antes de eses mesmos fundadores, e dende logo se apenas falan inglés e acaban de chegar do outro lado do Río Bravo. Hai un eco dos sucesos de Mississippi, e da tráxica campaña de censo dos activistas da esquerda, na loita por exemplo polos votos negros no estado de Georgia, o escenario non azaroso de Foise co vento, e da principal tensión encriptada debaixo da batalla da superficie: impugnar á certificación de voto non congreso, sexa como for, mesmo empregando a intimidación física e non é só os discursos que os grupos supremacistas que foron artellando a protesta, senón e, sobre todo, o significativo resultado dunhas votacións no que as minorías maioritarias foron efectivamente mobilizadas, do mesmo xeito que Donald Trump conseguira hai catro anos mobilizar a clase baixa branca, á quen lle prometeu non só unha mellora das súas condicións materiais de vida, senón e sobre todo unha visibilidade e unha representatividade que estaban perdendo pola progresiva aceptación da imaxe da América multicultural. 

Podían aceptar a súa miseria, vivían á marxe da política, en poboados de caravanas nos suburbios de Dallas e de Pittsburgh, pero non deixar de se recoñecer coma os herdeiros da América real, e da defensa da fronteira, porque é na fronteira onde se constrúe a identidade “xenuinamente americana”, onde se separa da facto o nós do eles, e non podía pasar: é a hora de sacar o Winchester do alpendre e de dar un paso adiante en defensa da Nación, do que América é. A defensa, só aparente, da clase branca traballadora foi o “banderín de enganche”, o significante que apuntaba a “América real”.

É preciso ter en conta este contexto para entender non só o atrezzo dos actores da toma do capitolio, senón tamén a lóxica das súas accións que non son só o froito dunha loucura ou dunha irracionalidade incomprensible, senón dunha secuencia racional que eles perciben como verdadeira, como a única verdade de facto.

 

Quen pode salvar América?

É na fronteira onde se constrúe a identidade “xenuinamente americana”, onde se separa da facto o nós do eles

Para Marx, dúas forzas sostiñan ao Bonaparte: os propietarios campesiños e o campesiñado en xeral, e un clase, unha subclase, nova, heteroxénea e contraditoria, o lumpenproletariado. Agora as cousas non son exactamente así, pero a análise de Marx axuda a botar luz sobre os apoios sobre os que Trump aspira a conformar un novo bloque que a súa retórica patriótica recobre pero tamén constitúe, forxando un novo suxeito político nacional. Nese proceso inacabado, que non é unha regresión, Trump identificou ben aos descontentos e soubo construír un antagonismo entre o campo e a cidade, e, en especial, entre a América “real” e os “políticos de Washington” que lle permitiu revestir de linguaxe antipolítica a súa proposta política. Sen este esforzo non se entende o simbolismo da súa “marcha sobre Washington” que el mesmo denominou coma o “Save America Rally”. Este esquema sinxelo permitía obxectivar o descontento dos traballadores brancos pero tamén, e sobre todo dos reaccionarios, dos cristiáns ultraconservadores e de veteranos do exército e da policía que, escoltados por unha milicia de “proud boys”, atravesaron á avenida Pennsylvania e chegaron ao capitolio. O gran mérito do discurso trumpista foi convencelos de que a súa causa era a mesma que a dos grandes propietarios, a causa da liberdade, a liberdade negativa sobre a que se construíu gran parte do imaxinario da nación, “the land of the free”, e a causa da nación, metaforicamente representada pola constitución no seu sentido “orixinal”: a batalla en torno ao significado da constitución convértea nunha metonimia dos país fundadores que a redactaron, homes brancos, protestantes e patriotas. As palabras e os xestos desta loita fortamente simbólica ecoan aínda agora nos Estados Unidos, en América e en Europa.

Sen comprender este dobre xogo, a retórica campo/Washington, e a conformación dese novo suxeito político, non se pode entender o que pasou o día 6 de xaneiro

Nada de irracional, nin de mistificación hai neste razoamento: identificado o nós, o eles son todos os outros que non encaixen co nós, e nun contexto de maior politización das minorías, que pasaron de facer cultura expresiva a crear unha cultura política e cívica, a ameaza do seu ascenso, case dun modo reflexo provoca a reacción dos patriotas, que teñen que defender América. O que mellor representa esta batalla cultural é a traxectoria e as intervencións de Stephen Miller, silandeiro estes días, pero o asesor aúlico máis constante de Trump, o home que deliñou a política migratoria e redactou os seus discursos máis agresivos. Incapaz iso sí de conformar grandes proxectos lexislativos, as “executive orders”, os decretos convertéronse na regulación de facto dun case permanente estado de excepción na fronteira con México.

Sen comprender este dobre xogo, a retórica campo/Washington, e a conformación dese novo suxeito político, non se pode entender o que pasou o día 6 de xaneiro, que non é só unha protesta ou un motín, senón que resposta a unhas tensións políticas de fondo que Trump foi quen de manexar con grande habilidade ao longo destes anos. Representándose como político antipolítico, a retórica desta aparentemente abortada revolución reaccionaria, implica tamén un baleiramento do concepto de representante político que foi posible en grande medida polo traballo do mesmo partido republicano que é agora devorado polo seu monstro: a conversión da política nunha “técnica”, nunha forma de xestión pragmática e de “sentido común”, cunha retórica compartida polas escolas de negocios e os intelectuais orgánicos do conservadurismo, converte ao representante, sempre sometido a un permanente mandato imperativo. Carente de contido político, o representante é un voceiro sen autonomía nin capacidade de deliberación.

Trump e a súa equipa percibiron que unha masa heteroxénea só podía ser definida polo seu contrario, por un opoñente

Esta lóxica envelenada, que está presente por todas partes tanto en América como en Europa, levou ao partido republicano, golpeado duramente polos éxitos de Obama, a entregar o poder a Trump. Foi a súa equipa a que identificou os puntos febles discursivos, as pezas que abaneaban no mapa electoral e, a través de estratexias retóricas ben orientadas conseguiu reverter a guerra cultural. Unha clave do seu discurso, coma no caso da apropiación do concepto de liberdade, foi por exemplo a denuncia da “ditadura do politicamente correcto”, un paradoxo e, ao tempo, un concepto clave e baleiro, que está no centro do seu discurso, e serve para mobilizar a unha masa de poboación branca desafecta e despolitizada que era incapaz de recoñecerse en políticos tradicionais, fosen republicanos ou demócratas, como podían ser Romney, McCain, os Clinton ou Biden. De novo con certa intuición post-marxista, Trump e a súa equipa percibiron que unha masa heteroxénea só podía ser definida polo seu contrario, por un opoñente, xa que entre os veteranos da armada, os grandes propietarios do midwest, os puritanos relixiosos da américa arcádica, os campesiños pobres de Wisconsin e os obreiros das deslocalizadas industrias do vello cinto do aceiro, non podía haber nada substantivo en común, salvo un inimigo: é preciso facer un muro que represente materialmente esta tensión. 

A visita de Trump ao muro esta mesma semana en Texas é perfectamente consecuente coa lóxica da súa acción e unha representación teatralizada de cal é a cerna do trumpismo: a defensa da fronteira

A visita de Trump ao muro esta mesma semana en Texas, e nas que o seu lumpen-proletariado ameaza con se constituír en milicia armada, é perfectamente consecuente coa lóxica da súa acción e unha representación teatralizada de cal é a cerna do trumpismo: a defensa da fronteira, tanto da interior coma da exterior, na medida en que a fronteira marca ao outro e define o que somos.

 

 

 

Pode suceder aquí?

O paso inicial do discurso trumpista, hai catro anos, foi a apropiación do proletariado branco: esquecidas as súas tradicións políticas e substituídas por formas de cultura lixo que se consumen compulsivamente xa non ten, xa non pode ter, esa posición revolucionaria privilexiada que Marx lle atribuíra; convértese nun lumpen-proletariado no que xunto a traballadores pobres van ter cabida todo tipo de figuras marxinais: logreiros, tafures, trampóns, vendedores de fume, que teñen no seo desta nova multitudes en conciencia pero con capacidade de acción, un grupo que atopou en Steve Bannon o seu intelectual orgánico. A súa loita, o seu antagonismo, paradoxalmente, é equivalente ao dos grandes propietarios e todos defínense contra ese marco de “vella política” que é preciso sobordar. 

O paso inicial do discurso trumpista, hai catro anos, foi a apropiación do proletariado branco

A reflexión de Marx, por último, procura deixar á marxe da análise os grandes homes e substituíla pola análise das súas condicións de posibilidade: Trump non é causa única de nada, senón que é efecto e causa á vez, nun proceso continuo difícil de desenliar. É posible por moitas razóns: pola desafección, que en grande medida está perfectamente motivada, pola falta de educación política das clases populares, que nun país sen política educativa común, na que inda é posible o self-schooling das minorías relixiosas, contribúe a abrir inda máis ás división de clase; é posible pola abdicación da prensa, convertida nun lumpenxornalismo subvencionado, pagada por grandes corporacións, disposta a dicir o que faga falla, e a poñer o lecer por riba de todo. E foi posible, sobre todo, porque o partido republicano entregou o seu poder a un grupo fascista, desesperado porque a súa linguaxe vella non conseguía chegar aos votantes: é esta alianza de goberno a que, en última instancia, converteu a Trump en presidente e acabou capturada pola súa retórica reaccionaria e a súa forma de goberno autoritaria e supremacista. Dun xeito nada sorprendente, senadores republicanos de sólida formación xurídica, coma Ted Cruz ou Josh Hawley seguen a ver este discurso como a chave do poder.

Esta coalición entre dereita conservadora e fascismo é a que en países coma España pode desencadear a espiral imparable que aupou a Trump

Esta coalición entre dereita conservadora e fascismo é a que en países coma España pode desencadear a espiral imparable que aupou a Trump. Nada que ver coa pantasmática referencia a un populismo co que os medios intentan aproveitar a crise americana para deslexitimar a esquerda, igualando, paradoxalmente a Podemos con Trump, mentres ignoran a relación do trumpismo coas retóricas e as prácticas da ultradereita europea. Esa ultradereita que ven como un dócil apoio parlamentar, cando en realidade é un detonador, o detonador dunha bomba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.