O acordo comercial entre Estados Unidos e a Unión Europea

Ursula von der Leyen e Donald Trump CC-BY-SA Fred Guerdin / European Union

A pesar do tempo transcorrido (27 de xullo) aínda resulta difícil, por non dicir imposible, descifrar cales foron as razóns últimas que levaron a Comisión Europea a asinar con os Estados Unidos un tratado comercial tan, tan desvantaxoso para Europa tal que non poucos o cualifican de catastrófico. Parecería lóxico agardar que dun acordo comercial bilateral as dúas partes do mesmo deben saír favorecidas pero este non é o caso pois o acordo beneficia claramente aos Estados Unidos que impón todas as súas condicións a outra parte, a Unión Europea.

 

Eixos principais do acordo comercial

En termos globais digamos que a presidenta da Comisión Europea, a señora (Ursula) van der Leyen, ven de aceptar en nome de toda a Unión Europea un acordo comercial cuxos tres eixos principais son un arancel aduaneiro do 15% aplicado a maioría dos produtos europeos exportados aos Estados Unidos, a compra de combustibles fósiles e equipamentos militares por unha cifra non inferior aos 750.000 millóns de dólares e unha inversión adicional nos Estados Unidos por un valor de 600.000 millóns de dólares.

 

Os aranceis

En relación aos aranceis hai que empezar afirmando que estes favorecen descaradamente aos Estados Unidos ao dificultar a entrada dos produtos europeos -con un lugar destacado aos sectores automobilístico e farmacéutico pero tamén alimentario- nos mercados estadounidenses ao tempo que si se favorece a dos produtos estadounidenses -por caso, o alimentario- nos mercados europeos. Algo que, neste último caso, vai a supor que a Unión Europea terá que flexibilizar a súa lexislación comercial e ambiental en materias básicas como a alimentación onde a saúde e o medio ambientes deixarán de seren, como viñan sendo, condicionantes o que traerá consecuencia imprevisibles para os mesmos. Unha flexibilización que tamén afectará a responsabilidade empresarial en asuntos medioambientais -emisión de gases, residuos....- nos que a lexislación europea está moito mais avanzada que a estadounidense.

Paralelamente a Unión Europea se lle impoñen unha serie de obrigas que podemos cualificar como coloniais e que van dende a obriga de consultar cos Estados Unidos calquera cambio lexislativo que estes consideren lesivo para os intereses das súas grandes corporacións -como, por caso as GAFAM- hasta a aceptación de que estas quedarán exentas de pago polo uso das infraestruturas mediáticas europeas
 

Os compromisos de investir

En relación ao compromiso europeo de investir 600.000 millóns de euros nos Estados Unidos como cualificalo acordo senón de inaudito: obrigar as empresas europeas a investir nos Estados Unidos en prexuízo de facelo na Unión Europea?. Si nas últimas décadas o investimento privado tivo unha forte contracción na Unión Europea como se vai conseguir agora que aquel se dispare e teña como destino os Estados Unidos?. Que incentivos se van a poñer en marcha para que este asombroso cambo teña lugar?.

 

Consecuencias macroeconómicas derivadas deste acordo comercial

De levarse a cabo o acordo tal e como esta asinado terá de entrada a nivel macroeconómico varias consecuencias para a Unión Europea fáciles de entender. A primeira que vai provocar un incremento notable dunhas débedas públicas xa de por si moi elevadas -88% do PIB na eurozona, 84% no conxunto da Unión Europea- que cubrirán os gastos europeos na compra de combustibles fósil e armamento estadounidense. En segundo lugar que este gasto irá acompañado, con toda seguridade, de recortes nunhas funcións públicas de benestar posto que os dirixentes europeos non parecen querer renunciar ás políticas de austeridade. En terceiro lugar o compromiso de compra de combustibles fósiles estadounidenses terá grandes consecuencias ambientais xa que aquelas se concretarán na importación de gas de xisto (shale gas) cuxos impactos climáticos e ambientais son coñecidos. Finalmente o gasto adicional en investimento orientarase a alimentar e potenciar a industria armamentística e mediática estadounidense en prexuízo da industria europea.
 

Un novo modelo de relacións comerciais baseado na submisión.

En relación coa globalizade do acordo hai que empezar dicindo que, como nos ensina a historia, nas guerras comerciais ninguén gana e todos perden e neste caso, con toda seguridade hai sectores produtivos europeos que sairán perdendo: no caso galego seguramente que o automóbil, o viño a a alimentación. Pero sendo isto importante resulta moito mais preocupante o precedente que este acordo crea e do que apenas se fala. O novo modelo de relacións comerciais que Donald Trump e a oligarquía estadounidense que o apoia queren establecer a nivel internacional e que rompe coas que había hasta o día de hoxe e incluso con outras precedentes. Un modelo baseado na chantaxe, a ameaza e o conseguinte sometemento a primeira potencia militar mundial quen consciente da súa inferioridade industrial e comercial, por caso, con China -e incluso coa Unión Europea- intenta impoñer ao resto do mundo a súa hexemonía en base ao seu poderío militar (Pentágono), financeiro (Wall Street), monetario (dólar) e mediático (GAFAM).

Velaí o grande perigo que para a Unión Europea agocha o presente acordo comercial. Unha Unión Europea que por medio da señora (Ursula) von der Leyen parece ter aceptado someterse a vontade chantaxista de Donald Trump quen intenta impoñerse aos demais utilizando a hexemonía dos Estados Unidos nos campos anteriormente citados: militar, financeiro e monetario. Unha submisión que levará a Unión Europea a unha crise aínda maior que a actual. Que suporá afondar na perda de soberanía -”bicáronme o cu” diría presuntuoso Donald Tump en relación ao acordo coa Unión Europea-, na colonización de Europa por parte de Estados Unidos que é como dicir das súas grandes corporacións -industriais, financeiras e mediáticas- que foron quen financiaron a campaña presidencial de Donald Trump. Unha aceptación que colocará a Unión Europea, no novo sistema mundial que esta agromando, como un satélite do grande astro que son os Estados Unidos. Un novo sistema mundial capitalista que Estados Unidos busca liderar en base ao seu poderío anteriormente citado. 

Algunhas avaliacións relevantes ao respecto

Para finalizar podemos recoller algunhas opinións relevantes a nivele europe tanto da clase política, como do empresariado e da sociedade civil entre as que, como se pode comprobar, as criticas ao acordo en liña coa opinión mostrada polo autor priman sobre as loanzas.

Entre os analistas europeos mais recoñecidos as opinións maioritarias reflicten unha innegable indignación polo que se considera unha humillación de Europa que leva a que se cuestiona a lexitimidade da Comisión Europea para asinar un acordo comercial desta natureza ao tempo que se critica os propios contidos como, por caso, sucede cos criterios utilizados para xustificar os desequilibrios comerciais. Entre estes analistas non resulta difícil atopar unha opción maioritaria encol do que “Europa capitulou”.

Dentro da clase política europea, por caso alamana e francesa, Friedrich Merz, chanceler alemán, criticará o acordo por considerar que prexudica a ámbalas dúas partes e que causará danos macroeconómicos tales como un incremento nas taxas de inflación que afectarán ao crecemento económico. François Bayrou, daquela primeiro ministro francés, falaría “dun día escuro cando unha alianza de pobos libres, reunidos para afirmar os seus valores comúns e defender os seus intereses compartidos, se resigna a submisión. Pola súa parte o peculiar primeiro ministro húngaro, o señor (Viktor) Orbán, sentenciaría que “Trump almorzouse a Von der Leyen”.

Na esfera privada empresarial apuntan a sectores relevantes da economía europea como principais damnificados tales como os fabricantes alemáns do automóbil (VW Mercedes, BMW...): “unha taxa do 15% custará miles de millóns anuais a industria automotriz alemá” (VDA. Asociación de fabricantes de automobis de Alamana). Igualmente se considera como prexudicada a industria farmacéutica europea -sector que si está incluído no acordo- que, hoxe por hoxe, ten unha grande presencia no mercado estadounidense. En relación con este último hai que sinalar que si ben é certo que as industrias automobilística e química europeas se verán prexudicadas polos aranceis os primeiros damnificados serán os consumidores estadounidenses que terán que pagar mais polos produtos europeos entre outras razóns por que non teñen unha produción nacional alternativa. Unha suba nos prezos, que se concretará no curto e no medio prazo e que afectará a inflación.

Pola súa parte os sindicatos europeos de forma maioritaria reaccionaron con dureza fronte a un acordo comercial que consideran humillante, asimétrico e con un alto custo para o emprego e o investimento en Europa. “O pacto reforzará a hexemonía estadounidense, compromete a autonomía industrial e enerxética do continente e debilita a capacidade de Europa para protexer a súa clases traballadoras...estamos diante dun acordo sen reciprocidade..que pode ter consecuencias graves sobre o emprego, os salarios e o investimento en Europa (Confederación Europea de Sindicatos: CES)

Finalmente as enquisas, realizadas entre a cidadanía europea, revelan un rexeite maioritario a este acordo comercial entre a Unión Europea e os Estados Unidos por consideralo “unha humillación para o Vello Continente”... polo que se pensa que a señora (Ursula) von der Leyen, Presidenta da Comisión Europea, debe dimitir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.