O activismo silencioso... E silenciado

Hoxe, durante todo o día, non puiden evitar darlle voltas a unha conversa que tiven onte con unha amiga e compañeira. Non era a primeira ocasión na que este tema saía a relucir, pero esta vez caloume dun xeito especial, e pensei que xa estaba ben, que tiña que falar desto.

En pouco mais de tres meses cunpliranse catro anos do día que naceu o que era, mais que un proxecto, o meu sono, un sono longamente desexado e que as circunstancias da vida me obrigaron a demorar, pero nunca a esquecer, Si, hai saída, o colectivo co que tentaríamos axudar as mulleres que, coma eu mesma hai tempo, están a sufrir o azoute da violencia de xénero nas suas carnes.

Non foi doado comezar esta andaina, como non está a selo continuala. De todos e sabido que a loita contra a violencia machista está ateigada de atrancos, de momentos de frustración, e tamén, a que negalo, de incomprensión e de paos nas rodas, pero sempre tiven o convencemento de que, cando desexas algo con toda a túa alma, cando emprendes algo no que cres firmemente e por riba de todo, non hai nada imposible, por mui difícil que semelle ser.

O tempo encargouse de darme a razón, e os anos transcurridos xa deixaron na miña vida, no meu corazón, non soamente pegadas inesquecibles que xa ficarán en min para sempre, senón tamén unhas enormes doses de forza que fan que, xunto co meu equipo, cada día que pasa medre a nosa certeza de que o noso traballo, o noso esforzo, ten sentido, por moito que as veces tenten facernos ver o contrario.

Co nacemento de Si, hai saída comezou tamén o meu achegamento ao activismo, un mundo ata ese momento para min descoñecido, e que, ainda hoxe, catro anos despois, e malia que o valoro creo que no que merece, non deixa de sorprenderme, ou mellor dito de sorprendernos, e, lamentablemente, non sempre para ben.

Nos optamos, desde o primeiro día, e sen ningún xénero de dúbida, por facer realidade o concepto “sen ánimo de lucro”, o que implica que facemos o noso traballo de xeito totalmente altruista,sen percibir remuneración algunha nin axuda económica de ningún tipo.

Pola contra, lonxe de encher os nosos petos, a nosa actividade ocasionanos gastos. Cada xestión, cada desplazamento alá donde se nos chama, e, en resumo, todo aquelo que implica o noso traballo, corre única e exclusivamente da nosa conta. Por suposto esto faise extensivo a todo o equipo, un equipo que me presta o seu inestimable apoio para tentar darlles as mulleres que acuden a nos toda a axuda que precisan sen mais compensación que  a de recuperar todos os sorrisos posibles e acompañalas nese traxecto longo e duro que é sair da violencia de xénero. Dabondo para nos. Non pedimos nin precisamos nada mais.

Para subsistir, cada unha de nos temos os nosos traballos, unhos mellores, outros peores, o que, obviamente, nos fai redoblar esforzos, pero pensamos que é o que procede. Estamos nesta pelexa por convicción, non para facer negocio dela. 

Que ninguén me entenda mal. Non teño nada en contra das axudas económicas ou de calquera  tipo que se lles dan a outros colectivos nin, por suposto, de quen as recibe. Sinxelamente nos escollimos outra opción, pero non é menos certo que hai algo que vimos observando nestes anos e que, francamente, non nos parece de todo xusto.

Pouco a pouco, eu fun achegándome a outra xente que, coma nos, axudaba altruistamente a aqueles que estaban a pasalo mal. Desafiuzados, persoas en risco de exclusión social, e decidimos que sería bó unir esforzos, xa que as causas que defendemos adoitan ir case sempre estreitamente unidas.

Día a día tentamos que estas persoas, que moitas veces, de pura desesperación,  chegan a crer que a súa única opción é tirar a toalla, vexan un chisco de luz, que  atopen, coa nosa axuda, unha saída.

Facémolo de xeito calado, sen aparicións mediáticas, sen apoios políticos ou institucionais. Tampouco nos buscan. Para nos non hai fotos, nin páxinas de xornais con entrevistas, e menos ainda convites a actos de enxunlla codo con codo con xente de ben, da importante. Notamos como a nosa presenza non é grata para algúns, como estorbamos a moita xente que utiliza cada acto ao que acude, cada ocasión de amosarse públicamente, para promocionarse, para berrarlle ao mundo que son fantásticos.

Decatámonos, eso sí, de que, fagan moito ou pouco, son recoñecidos, valorados e loados, e constatamos que din facer o mesmo que nos, pero de xeito ben retribuido, como tampouco nos pasa desapercibido o feito de que lles desagrada profundamente que o manifestemos, algo que casi nunca facemos, pero que, dun tempo a esta parte, de tanto aturar estoicamente caladas que se nos pasen, e perdoade a expresión, polos fuciños as fazañas de quen atopou un lucrativo negocio no que chama falsamente altruismo, non podemos evitar  sacar de cando en vez a patiña por debaixo da porta e dicir: “Estamos aquí, é o noso é de verdade, de corazón”. Ou, dito doutro xeito, pouquiño a pouco, con moito esforzo, pero con moita ilusión, imos acadando  logros que a non poucos lles chegan a golpe de talonario, pero  se venden como o paradigma do altruismo.

De novo me reitero no que dixen ao comezo. Pregaría que ninguén me entenda mal. Non pretendo criticar a ninguén. Tampouco  renego das nosas conviccións, nin, por descontado, me arrepinto delas. Cada un é, ademais, libre de seguir a senda que considere correcta. Nos continuaremos o noso camiño do mesmo xeito que o iniciamos, sen estridencias, seguramente sen recoñecemento, pero satisfeitas de sobra co agarimo, co sorriso de quen acude a nos.

Desexaría, eso si,  e non por min, senón por toda esa xente que, entre bambalinas, ao caladiño está a facer un arduo e case nunca recoñecido traballo, que algunha vez alguien se parase a pensar que, malia que semelle o  contrario, hai algo,ou, mellor dito, alguien, mais alá das fotos, do rebumbio mediático, e mesmo do as veces mal disimulado afán político disfrazado de altruismo.  Hai xente, persoas, anónimas, as que casi ninguén ve, das que non se coñecen os seus nomes, nin as súa caras, pero que, co seu esforzo, día a día, e sen mais recompensa que a de facer o ben, e quen de que alguien se sinta digno de seguir vivindo e aprenda a quererse cada día un pouquiño mais.  

Hai persoas que son, en definitiva, os verdadeiros activistas, activistas silenciosos, e, moitas veces, tamén silenciados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.