O afundimento do mito de Juan Carlos de Borbón

Felipe e Juan Carlos de Borbón, nunha imaxe de arquivo co actual Xefe de Estado aínda como príncipe © Casa Real

De non existir a grave crise sanitaria -con todas as importantes secuelas sociais, económicas e políticas- que estamos a vivir, a actualidade política sufriría un shock de gran impacto como consecuencia dos comunicados emitidos pola Casa Real nos últimos meses. Primeiro para dar conta da retirada da asignación económica pública ao anterior monarca e agora para anunciar que o chamado Rei emérito -practicando unha singular modalidade de “autoexilio”- vai establecer a súa residencia fora do territorio español.

De non existir a grave crise sanitaria que estamos a vivir, a actualidade política sufriría un shock de gran impacto como consecuencia dos comunicados emitidos pola Casa Real nos últimos meses

Estes anuncios oficiais revelan que a Casa Real dá  verosimilitude ás informacións -e ás primeiras actuacións xudiciais orixinadas polas mesmas- que establecen a participación de Juan Carlos de Borbón en prácticas financeiras presuntamente ilegais e, en todo caso, incompatíbeis co máis elemental criterio de comportamento ético esixíbel a unha persoa da súa condición. O actual Rei pretende establecer un público e notorio cortalumes co seu proxenitor para tratar de minimizar a contaminación deses feitos sobre a propia institución monárquica.

Estamos, sen dúbida, ante a crise mais grave padecida pola monarquía instaurada por Franco e institucionalizada no texto constitucional de 1978. A eventual neutralización desta notábel erosión vai requirir a posta en marcha de actuacións específicas no ámbito xudicial e no das institucións políticas. Non se pode entender, nun sistema democrático, que unha crise desta natureza non se poida abordar e investigar no seo do poder lexislativo, peza básica do edificio representativo da soberanía popular. Non estamos ante as peripecias protagonizadas por un cidadán calquera senón pola persoa que ocupou -dende 1976 ate o ano 2014- o cimo da pirámide xerárquica vixente no Estado español.

Cando se coñeceu a participación de Iñaki Urdangarín en diversos casos de corrupción, as persoas máis  descridas tiveron que admitir -alén das incidencias concretas dos procedementos penais- a existencia dunha grave patoloxía moral no interior das  elites españolas. O caso do anterior Xefe do Estado ratifica a enorme dimensión do sucedido. Asistimos ao espectáculo dunha cobiza desmedida sumada á convicción de posuír unha impunidade baseada nos silencios cómplices rexistrados, durante décadas, no  establishment económico, político e mediático.

Estamos, sen dúbida, ante a crise mais grave padecida pola monarquía instaurada por Franco e institucionalizada no texto constitucional de 1978

Asistimos a unha situación paradoxal. As informacións comprometedoras para Juan Carlos de Borbón proceden de gravacións realizadas por Villarejo, -un paradigmático representante dos funcionarios corruptos incrustados no aparello policial- e son difundidas predominantemente por medios ubicados na dereita e na ultradereita (El Mundo, El Español, El Confidencial, OK diario...). Simultaneamente, unha grande parte dos opinadores que defenden a continuidade da actual monarquía alporízanse porque seica estamos ante unha campaña de desprestixio preparada polas forzas rupturistas e independentistas que queren rematar co réxime do 78. Un bo material para construír un relato de homenaxe ao esperpento valleinclanesco.

Para millóns de habitantes do Estado español estase a derrubar o mito do Rei que pilotou unha exemplar transición dende a ditadura franquista ao réxime constitucional de 1978. As persoas que entón desexabamos un sistema de goberno republicano nunca nos puidemos imaxinar que as maiores fendas na reputación da monarquía chegarían polos carreiros que estamos a coñecer. O pacto constitucional tiña unha fortaleza política incuestionábel (UCD, PSOE, PCE, AP, CiU...) que se traducía nun evidente illamento social de quen pretendiamos manter a memoria do 14 de Abril de 1931. Certamente, a historia non está escrita para sempre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.