O ano novo bengalí, Noboborxo ou Pojila Boixak, é o primeiro día do calendario bengalí. A festividade comeza ao amencer, nun parque de Daca, cun concerto no que se cantan poemas do premio nobel de literatura Rabindranath Tagore
O ano novo bengalí, Noboborxo ou Pojila Boixak, é o primeiro día do calendario bengalí. A festividade comeza ao amencer, nun parque de Daca, cun concerto no que se cantan poemas do premio nobel de literatura Rabindranath Tagore. Mais a esa inauguración oficial precédelle unha noite chea de música clásica nas prazas e semanas de preparación na que as máscaras de infinitas cores, nomeadamente con formas de animais, inundan a Facultade de Belas Artes da Universidade de Daca.
Crese que a orixe do calendario bengalí débese ao emperador mogol Akbar, alá polo século xvi, no ano 1556 do noso calendario. Daquela, a recadación de impostos facíase seguindo o calendario lunar islámico, o cal provocaba que non coincidise o ano novo cos ciclos solares, os dos cultivos. Por ese motivo, o emperador mogol uniu os sistemas de datación hindú e islámico, e creou un novo calendario, o que ten como primeiro día do ano o 14 de abril.
Aínda que o día de aninovo é un festivo nacional en Bangladesh, en Daca, a capital, é onde se concentran as actividades máis multitudinarias. E de aí de onde saen os desfiles e por onde non deixa de pasear xente durante todo o día. As facultades da Universidade de Daca transfórmanse en museos e salas de concertos, e as rúas lindeiras son un continuo rebulir de persoas que non deixan de felicitarse o ano, xubjo noboborxo, malia a calor abafante deste comezo de ano e de estación, a máis calorosa.
Este é o festexo máis importante en Bangladesh e é seguido por toda a poboación. Monowar Hossain Shimul, estudante da Universidade de Daca, pasou esta festividade na aldea, onde tamén hai celebracións, aínda que non haxa concertos de grupos famosos nin grandes congregacións como nas cidades. Con todo, este ano quedou na casa, coa familia e, como o resto de amizades, celebrouno por Internet. Esa era unha das propostas que tiña Ishrat Jahan para celebrar esta xornada: vestirse como os outros anos, cun sari vermello e branco, e sacar fotos dende a computadora para logo compartilas, como se estivese na Facultade de Arquitectura da Universidade de Daca, un dos seus sitios favoritos para pasar o día. Mais deulle preguiza prepararse para quedar na casa e só mantivo algunhas das tradicións culinarias: comeu panta bhaat (arroz remollado) e alu bhorta (puré de patacas con chile).
Este ano 1427 é diferente en Bangladesh. As rúas sempre ateigadas permanecen baleiras e sen decoracións nin máscaras. Non hai concertos nin cabalgatas e só dentro das casas sobreviven parte das tradicións que esperan volver para o ano, para encher as rúas de alegría, de cor e de música
Ishrat e Monowar son optimistas e pensan seguir a celebrar Pojila Boixak noutras ocasións, e están de acordo en que ficar na casa é a única medida que existe para evitar o coronavirus. Ata o de agora o virus non está a espallarse tanto polo país como outras enfermidades que desolan Bangladesh, como o dengue, que segundo os especialistas pode ser peor este ano. Mais o optimismo de pensar en mellores momentos tamén consola a Lipi Rani Mondal, que adoita axudar nas decoracións da cidade e que sente o ambiente festivo dende días antes. Ela, como hindú que é, vive estes festas dun xeito especial: decora a casa dende días antes e prepara regalos para os familiares. O día propio ponse pendentes, pulseiras e unha coroa floral amais dun bindi na fronte para acompañar o sari vermello, e come un dos pratos típicos do aninovo: panta elix, un peixe que se serve con arroz e que é case obrigatorio para a ocasión. Amais diso, e como todos os demais, pasea polos arredores da Universidade de Daca, e saúda e felicita a todos os coñecidos, e come os doces da festa: kodma, batasa, moa…
Este ano 1427 é diferente en Bangladesh. As rúas sempre ateigadas permanecen baleiras e sen decoracións nin máscaras. Non hai concertos nin cabalgatas e só dentro das casas sobreviven parte das tradicións que esperan volver para o ano, para encher as rúas de alegría, de cor e de música, e de recitais de poesía cargados de versos que sempre desexan xubjo noboborso, feliz aninovo.