O aniversario de papá

Pai de Moncho Iglesias Míguez © Moncho Iglesias Míguez

Saín de Verín na noitiña do venres 13 de marzo. Antes de marchar fun mercar unha bola de pan e mais unha botella de viño de Monterrei. A miña idea era chegar á casa á hora da cea e tomar o pan e o viño, e variar un pouco o menú. Collín o viño mais non o pan, que non había, e levei unha bica, que tamén vale para mollar no viño. Quixen tomar un cafeciño para o camiño pero xa non puiden, que seica estaba a pechar todo e podía ser que para a semana non abrise nada. Marchei daquela, cun chisco de frío, pero con ganas de chegar a Vigo para cear cos papás e probar un viño distinto ao Ribeiro da casa. Conducindo só escoitei novas sobre o mal que estaba situación e na estrada puiden ler as primeiras mensaxes que advertían de non saír da casa.

Tiven medo de ter o becho e poder contaxiárllelo aos meus pais, que teñen unha idade que disque é máis proclive aos contaxios, por máis que meu pai silencie a idade e eu mesmo o vexa como un rapaz de sesenta cumpridos

Cheguei á casa cargado cuns libros que tiña que devolver na biblioteca e unhas bolsas máis. Os brazos non me deron para coller o viño, mais como tiñamos, deixei o que mercara na “caghuela” do coche e fun cear coa bica de sobremesa. O resto da fin de semana foi tranquila. Pasamos boa parte do sábado agardando polas declaracións sobre o estado de alarma e o domingo transcorreu tranquilo. A semana comezou cos primeiros intentos de clases virtuais e un certo cansazo que se prolongou toda a semana. Pensei que estaría incubando unha gripe, así que apurei a tomar Frenadol, pero non fixo moito efecto e o cansazo xeral deume a pensar, o venres, que non era gripe o que tiña, senón amigdalite, que adoita darme unha ou dúas veces no ano. Pedín algo na farmacia e pensei, novamente, que nuns días estaría curado. Xa antes diso xa lles dixera aos meus pais que non había que preocuparse, que eu estaba no comezo dunha gripe, así que ben seguro que logo a terían eles, porque despois de tantos días pechados na casa, o lóxico sería pasar todos por ese malestar. 

Co mal tempo que fixo toda a semana, agás o solciño que quentou un día, non me preocupou nada quedar na casa todo ese tempo. Amais, como tiña que estar atento ás clases e meu pai saía todas as mañás polo pan e mais polo necesario para o día, estiven a gusto, ben protexido para soltar a gripe. A única saída era ao balcón ou á fiestra, onde nos repartiamos para aplaudir ás 8 da tarde. Pero o sábado sumouse unha dor de cabeza que non podo definir como tal, mais non sei que nome ten tamaña dor na cabeza. Por momentos pensei que ía estoupar e á noitiña tiven que chamar a urxencias. Foi a primeira vez que chorei durante este tempo. Tiven medo de ter o becho e poder contaxiárllelo aos meus pais, que teñen unha idade que disque é máis proclive aos contaxios, por máis que meu pai silencie a idade e eu mesmo o vexa como un rapaz de sesenta cumpridos.

Busquei o número de urxencias, que non era o que xa tiñamos anotado en varios papeis por se aparecía algún síntoma do “cornavirus”. En canto me contestaron pedín algo que me calmase a dor de cabeza, que me rebentaba. Preguntáronme se estivera en contacto con algunha persoa contaxiada, se tiña problemas para respirar ou se tusía. Ningún síntoma, salvo un pouco de febre, que me tomei nese momento. Ao parecer podía ser unha infección de ouriños a que estaba a provocar esa dor, mais debía permanecer alerta por se comezaba a ter outras molestias. Ao colgar, foi meu pai que empezou a sentirse mal e ao lle medir a febre, tamén lle deu algo. Chamamos ao número que tiñamos anotado e pediron que seguísemos informando se había algunha subida de temperatura ou calquera outro problema. Non fixo falta, porque meu pai, forte como un carballo, como adoitabamos dicir, non volveu sentir malestar ningún. 

Mandáronme ir a urxencias para ver esa cefalea. Unha vez alí fixéronme a proba do covid e dixeron que en dous ou tres días chamarían cos resultados, mais chegaron ao día seguinte e era positivo

O sábado durmín grazas aos somníferos e así descansei un pouco a cabeza. Espertei ao acabar o efecto da pastilla e a cabeza volvía arder nun golpe único que semellaba ía facela saír do seu lugar. Comecei coas bolsas de xeo sobre a cabeza, como xa fixera o día anterior, e a tomar Paracetamol (máximo catro ao día). O xeo derretíase e dábame unha pequena sensación de frescor, pero pouco máis. Pasei o domingo enteiro desexando que fose noite para poder tomar unha pastilla para durmir e descansar. Tamén recordei eses veráns na infancia cando tiña dores de cabeza grandes que comparadas con esta eras caricias e lembrei que esa dor se esvaecía en canto sangraba polo nariz. Desexei sangrar, malia o medo que me dá o sangue, pero foi imposible e cando chegou a hora de aplaudir non saín. Calquera son era molesto, mesmo falar, así que en canto se fixo de noite tomei unha pastilla para durmir e outra ás catro horas. Igual o luns, só que ese día conseguimos convencer o papá de que todos tiñamos que durmir en cuartos separados. Custoulle entender iso e ter que durmir nunha cama diferente á da súa muller despois de máis de 55 anos de casados, pero por fin cedeu.

A miña nai non deixou de prepararme zumes de laranxa todos os días. A vitamina C é sempre boa e o certo é que non había outra cousa que me entrase no corpo. Só quería que pasase esa dor e aos métodos caseiros de varios amigos, como o de tomar allo e mais o do xeo, sumouse o de poñer pinzas nas orellas. Nada aliviaba, só a pastilla da noite, que permitía que durmise. Lembro a noite do martes para o mércores con temor, porque pensei no virus e no pouco que se sabe del e que talvez tivese iso e quizais despois da pastilla… pero supoño que son os efectos do somnífero, que nese lusco e fusco do sono, neses minutos antes de quedar durmido, fan que soñes ou teñas pesadelos esperto. Durmín e o mércores ao mediodía, despois do zume da miña nai, entrou meu pai polo cuarto. Achegóuseme a preguntar como estaba, preocupado porque a dor non remitía e nin falaba. Falou cunha miña curmá para que falase ela comigo, pero levaba días sen poder comunicarme con ninguén, sen ganas doutra cousa que non fose acabar con esa dor de cabeza.

A dor de cabeza remitiu un chisco e o venres pola tarde puiden escoitar algo do que pasaba no resto da casa e como saía dela meu pai e xa nunca máis volvería

A dor só aumentou e o mércores foi a miña nai quen pediu axuda á médica, pois xa non soportaba máis. Entón mandáronme ir a urxencias para ver esa cefalea. Unha vez alí fixéronme a proba do covid e dixeron que en dous ou tres días chamarían cos resultados, mais chegaron ao día seguinte e era positivo. Co cal, decidín quedar no sofá do salón esas dúas semanas, que polo menos desa beira da casa vexo o mar. Poucas sensacións tiven, pero conta miña nai que ela se sentía a carcereira levándolle de comer ao reo, pois deixaba a bandexa na mesa e marchaba, e cando eu remataba pousaba as sobras na punta da mesa e volvía ao sofá. A dor de cabeza remitiu un chisco e o venres pola tarde puiden escoitar algo do que pasaba no resto da casa e como saía dela meu pai e xa nunca máis volvería.

Ao outro día soterraron a meu pai e só puideron ir os meus irmáns ver dende a distancia o acto. Pola tarde viñeron á casa facerlles as probas a eles, e miña nai deu positivo. Cando o confirmaron, dous días despois, puiden saír do salón e compartir a cociña e as comidas con ela

O venres pola mañá houbo un manxar para o meu pai: ovos fritidos con arroz. Seica comeu ben e despois da sobremesa foi descansar. O xoves xa non saíra polo pan, que non se topara moi ben, e o venres só se levantou para o xantar. A iso das 5 da tarde topouse mal, tiña febre e no hospital dixeron que irían por casa. Respiraba mal e estaba nervioso e un chisco antes das 8 chegou a ambulancia. Escoitei a sirena á vez que os aplausos, e así foi que marchou o papá da casa. Dixo a mamá que pasadas as 12 da noite aínda chamou para confirmar que tiña que quedar hospitalizado e mais para dar algunha razón por se o luns aínda seguía no hospital. Nun principio, marchara ida por volta, como cando subín eu ao hospital, pero non. Ao día seguinte, contra as 5 da tarde, soou o teléfono. Escoitei o timbrar e despois un silencio breve que só se rompeu co abrir da porta da entrada. Mergulleime nas mantas nas que estaba e chorei. Ao pouco entrou a miña nai co meu irmán. Confirmou os motivos das bágoas e achegóuseme, tendeume unha man e agarimoume. 

Ao outro día soterraron a meu pai e só puideron ir os meus irmáns ver dende a distancia o acto. Pola tarde viñeron á casa facerlles as probas a eles, e miña nai deu positivo. Cando o confirmaron, dous días despois, puiden saír do salón e compartir a cociña e as comidas con ela. Axudei a atender as chamadas e mensaxes de agarimo e as apertas que tanta forza dan. Todas elas de xente con nome, non cifras. Todas elas de xente benquerida que compartiu bágoas e momentos, e que encheu de enerxía estes días. Agora, só esperamos saír á rúa pronto para poder abrazar e abrir a porta da casa para volver compartir. Namentres, agradecer ao papá, Avelino, todos eses anos de vida que hoxe, día do seu aniversario, sería un máis, e dar as grazas a toda esa xente bonita da familia, das amizades, dos centros sanitarios, das tendas do barrio e máis alá, e a todas esas que estiveron e están aí e que non son cifras, pois teñen nomes e son benqueridas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.