Se tivese que facer unha análise do que foi o ano que ven de rematar, se tivese que poñerlle un nome que resumise ou singularizase cunha soa etiqueta o período de tempo que ficou atrás, diría que 2012 foi o Ano do Valetodo. E se o bautizo así é porque foi o ano no que, por primeira vez e dun xeito absolutamente descarado, se nos falou abertamente, coa crise como escusa, da inevitable perda de toda clase de dereitos (laborais, educativos, sanitarios...). Así creo que aconteceu aínda que, a verdade, non lle acabo de ver a relación a unha cousa coa outra.
Que hai crise semella un dato obxectible e incuestionable. Pero que a crise implica necesariamente que perdamos a civilización non o dou relacionado
Que hai crise semella un dato obxectible e incuestionable. Pero que a crise implica necesariamente que perdamos a civilización (educación universal e gratuíta, sanidade universal e gratuíta, protección universal e gratuíta para a xente que está en peores condicións, pensións universais, etc.) iso, que unha cousa implica a outra si ou si, iso, non o dou relacionado. Sen embargo, e como se fai con tantísimas outras cousas, lárgase un siloxismo incomprensible relacionando dous asuntos que non teñen por que ver o un co outro (por exemplo, chegada de inmigrantes e paro, como lles gusta aos fascistas, ou nacionalismo periférico e maldade, como lles gusta aos fascistas españois), e daquela, e sen que ninguén o cuestione, pasa a aceptarse, sobre todo porque se repite ata que a xente farta de escoitar, deixa de pensar, e acaba por tragar. E por iso o valetodo, porque eles saben que xa se asumiu que as cousas teñen que ser así e, daquela, pódese pasar á segunda fase, é dicir, á execución.
E por iso o valetodo, porque eles saben que xa se asumiu que as cousas teñen que ser así e, daquela, pódese pasar á segunda fase, é dicir, á execución
Mais partamos dos datos. Hai unha crise importante da economía planetaria. Ou non a hai e todo isto está moi ben orquestrado para que nos creamos que si que a hai. Mais, en calquera caso, as políticas que se arbitren para procurarlle unha posible solución á problemática, sexan as que sexan, non teñen por que ser necesariamente, ou non teñen por que conter necesariamente entre elas, as que teñan que ver coa morte da humanidade, é dicir, do que nos fai verdadeiramente humanos (un estado de cousas onde o humano é o referencial). E como eles o saben, actúan a cara descuberta, e como saben que asumimos que todo vale, ou valetodo, daquela, coma os lobos famentos e vingativos que son, atacan directamente ao pescozo, para esnaquizar o que nós temos e eles odian. Porque eles non cren que as persoas sexamos iguais. Eles non cren que haxa que atender aos pobres para que deixen de selo. Eles non dan entendido que os médicos traballen para min sen que eu lles teña que pagar. Eles non comprenden que a educación debe de ser igual para todos e para todas. E, daquela, aplicando o seu bárbaro criterio liberal (e digo bárbaro porque é un sistema que pon os cartos por enriba das persoas) aproveitan para quitarnos o que tanto nos custou ganar.
Coma os lobos famentos e vingativos que son, atacan directamente ao pescozo, para esnaquizar o que nós temos e eles odian. Porque eles non cren que as persoas sexamos iguais
E agora xa non disimulan. E Rajoy advertiuno hai uns días: haberá máis recortes. E Feijoo repetiu: vai ser un ano duro.
Non o dubidedes: vai ser o ano do Valetodo.