Sectores importantes da sociedade española, nomeadamente da madrileña (longamente beneficiada en renda e infraestruturas polo chamado efecto-sede) manteñen a respecto da periferia española, das realidades nacionais catalá, galega e vasca, unha relación de polos opostos, unha dialéctica de amigos contra inimigos, onde é imposíbel cooperar para gañar ti e gañar eu. Percíbese nidiamente coa negación ao chamado dereito a decidir dos cataláns e percibímola tamén a respecto de Euskadi. Algúns dirían que esa dialéctica non existe a respecto de Galicia. Mais velaí temos feitos como a prohibición da construción naval civil até 2015, a desatención das nosas vocacións produtivas fronte ás mediterráneas, castelás e andaluzas dende 1985 ou mesmo a oposición, tinxida ás veces de falso paternalismo, a consolidarmos Nova Galicia Banco como oferta bancaria de noso ou a defendermos sectores empresariais galegos emerxentes, como o das enerxías renovábeis.
Sectores importantes da sociedade española manteñen a respecto da periferia española, das realidades nacionais catalá, galega e vasca, unha relación de polos opostos, unha dialéctica de amigos contra inimigos
As elites españolas que viven do capitalismo castizo do BOE teñen claro os seus territorios amigos: Madrid, Valencia, Murcia e, no que atinxe a manter o equilibrio de rendas e o predominio cultural, Andalucía. O resto, como di o constitucionalista galego Carlos Pereira Menaut, somos prescindíbeis. Ou, en acertadas verbas de Iñaki Anasagasti “extraños”.
Este martes o Congreso desbotará a proposición de lei orgánica (aprobada por unha amplísima maioría do Parlament catalán) para que a Generalitat poida convocar un referendo o 9 de novembro, co que ficará xuridicamente pechada esta vía e só será posíbel, no ámbito das competencias exclusivas da Generalitat, convocar unha consulta non vinculante. Mais semella que esta dinámica de enfrontamento entre cadansúas maiorías parlamentarias catalá e española non pode demorarse indefinidamente.
Non hai dúbida. Terá que intervir a política, a conciliación, o win to win, máis cedo ca tarde
Porque, se unha parte ampla do electorado dun país que integra un Estado- á súa vez inserido na Unión Europea- quere decidir a respecto da relación ou integración que quere ter con ese Estado, mantendo a vinculación europea, é moi difícil resolver a cuestión, apelándose só a Constitución e sen xerar en Cataluña máis insatisfacción e desafección.
Non hai dúbida. Terá que intervir a política, a conciliación, o win to win, máis cedo ca tarde.