Sopra un pouco de vento e boa parte de Galicia queda a escuras. Falouse moito estes días de atrás, con indignación lóxica, sobre o abandono no que estamos; sendo paradoxalmente (ou non, vamos) un territorio que produce moita electricidade (non “sobrante de enerxía” como di a mitoloxía) respecto a outros lugares do Estado, temos máis cortes de luz e estes duran máis.
O que está abandonado é o seu medio rural. Quen quere producir e traballar no campo se tes risco de quedar sen luz e sabes que van pasar de ti ata a próxima?
Houbo tamén unha problema hai unas semanas por un asunto que, puidera parecer que non ten nada que ver: foi a batida celebrada en Friol para cargarse un lobo, aínda que finalmente foi o seu parente doméstico, unha cadela, o bicho rebentado a tiros. Batida, todo hai que dicilo, autorizada pola autoridade competente (sic) e posteriormente denunciada polo Seprona da Garda Civil por máis que manifestas ilegalidades.
A cuestión é que, na miña opinión, Galicia non está abandonada. O que está abandonado é o seu medio rural. Quen quere producir e traballar no campo se tes risco de quedar sen luz e sabes que van pasar de ti ata a próxima? Temos conexión a internet de verdade? Valórase un labrego como se valora , digamos, un mecánico? E isto dígoo porque en pleno 2017 o humor que se leva na TVG é rirse dos labregos, basicamente. Repítoo por se non se entende: con cartos públicos fanse chistes sobre as persoas que viven no rural.
Tamén con cartos públicos artéllanse políticas para expulsar as persoas do rural: política forestal (piñeiros e eucaliptos como se non houbera un mañá), leis de montes, abandono dos servizos educativos, do transporte colectivo, da mencionada comunicación (acceso a internet), da falla de espazos naturais ben xestionados e dotados economicamente, da política leiteira que induce a pensar que podemos competir no sistema que nos tratan de vender, bancos de terra con obxectivos contrarios para o que foron inventados…
Alguén pode crer a estas alturas que o mundo rural está en declive por uns cantos lobos? Pois si, hai quen o cre: sindicatos labregos ao servizo dos dous grandes partidos estatais que teñen na súa axenda destruír o campo, precisamente
Nas cidades hai luz e ninguén ri, particularmente, de ninguén que traballe no urbano. Que pasaría se o humor da televisión ridiculizara continuamente a mecánicos, informáticos, mestres, oficinistas, funcionarios, traballadores industriais, policía local....?
O do lobo viña a conto porque é unha das cabezas de turco do mundo rural, un reclamo máis. Alguén pode crer a estas alturas que o mundo rural está en declive por uns cantos lobos? Pois si, hai quen o cre: sindicatos labregos ao servizo dos dous grandes partidos estatais que teñen na súa axenda destruír o campo, precisamente. E entreter aos traballadores do rural con nimiedades mentres o sistema en torno á produción de alimentos os destrúe de xeito obxectivo tal e como leva acontecendo desde hai décadas, mentres, de xeito opaco, negocian tratados como o TTIP e o CETA que supoñen o tiro de graza na medula do que queda de sistema de produción de alimentos. Mellor farían os que axitan o reclamo do lobo en cumprir o seu deber sindical e transmitir o que está pasando e que partidos políticos o están a facer. Mellor farían os xornalistas que se disfrazan de marelo-ruralista-costumbrista en ocuparse do seu traballo e facer as preguntas oportunas en vez de contribuír á ignorancia colectiva e ao alarmismo inxustificado. Hai poucas horas no Parlamento Europeo deputados galegos acaban de dar o seu visto bo ao CETA. Informan disto os sindicatos? É recollido na prensa convencional como o que é, o tsunami neoliberal que os fará pobres ou escravos ou ambas cousas á vez?
Chámame a atención que aínda non culparan ao lobo de tirar as torres de alta tensión. Ou aos xabaríns.
O sistema tal e como o coñecemos está a colapsar. A falla de enerxía por mor de falla de mantemento, reflicte o sistema de estafa piramidal que supón a demanda continua de máis desa enerxía
Pero aínda podemos facer outra lectura. O sistema tal e como o coñecemos está a colapsar. A falla de enerxía por mor de falla de mantemento, reflicte o sistema de estafa piramidal que supón a demanda continua de máis desa enerxía. Nun futuro, non moi afastado, non só o campo terá apagóns. Serán frecuentes e indiscriminados por mor do teito do petróleo, entre outros teitos, tal e como recorrentemente ocurre en moitos lugares do mundo, mesmo en países europeos dos considerarados ricos e avanzados. Disto non se fala na prensa española pero si da xentiña levanta cortinas de fume pero non lle ve as orellas ao auténtico lobo.