O aragonés: unha lingua irmá en perigo

Evolución histórica do aragonés CC-BY-SA Ecelán

Supoño que a información que calquera galego poida ter verbo do aragonés é moi escasa ou mesmo inexistente, bardante aqueles que teñan algún coñecemento de lingüística románica, malia que estou a falar dunha lingua española e que a nosa constitución proclama que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección” (art. 3, punto 3). Porque a realidade é o máis absoluto descoñecemento do conxunto das linguas españolas, oficiais ou non, agás as usadas en cada comunidade autónoma e moitas veces nin isto –pregúntenlle a un abulense ou a un soriano a respecto da existencia de falantes de leonés e galego na súa comunidade autónoma de Castela e León–. Supoño –en verdade, sei– que ao poder central só lle interesa o coñecemento xeral da “lingua común”, única que respecta, promociona e protexe e que este artigo constitucional, coma outros máis, é meramente decorativo, pro politicamente correcto.

Daquela farei unha breve presentación do aragonés, unha lingua tan española coma a nosa pro sen status de oficialidade ningún, só dunha “Lei de Linguas de Aragón” pró seu uso, protección e promoción, e en descenso de “uso” imparábel por mor da “protección” e “promoción” de que goza, pois apenas haberá hoxe 25.000 falantes pasivos e deles só uns 10.000 activos, en zonas discontinuas e dialectais do Alto Aragón e por neofalantes en Osca (en galego medieval e Uesca en aragonés) e Saragoza (Saragoça en galego medieval).

Evítese denominalo “fabla” e “altoaragonés” como tamén se lle chama por veces: a primeira porque tan fabla (= fala) é o aragonés coma o castelán ou o catalán, ambos tamén linguas de Aragón, e estes non se denominan: “habla” nin “parla”, porque negar unha identidade é unha mostra clara de desprezo; e o segundo porque se ben agora é unha lingua basicamente altoaragonesa, é dicir da zona pirenaica e prepirenaica no norte de Aragón, no pasado era unha lingua estendida polo resto de Aragón, como documentos e toponimia demostran. 

Mais o seu uso foi esmorecendo dende o período medieval ata hoxe por mor da súa substitución polo castelán tanto en uso social, oral e escrito, coma territorial, dado que na época medieval abranguía case a totalidade da actual comunidade autónoma aragonesa. E a súa codificación actual ten a rémora de disputas ortográficas e a oposición manifesta dos españolistas que mesmo chegaron a denominalo como “lengua aragonesa propia de las áreas pirenaica y prepirenaica” ou LAPAPYP no seu acrónimo, na Lei de linguas de Aragón (2013). Seguramente que é a lingua española en maior perigo de extinción, pois outras con menor número de falantes gozan de maior protección e promoción: aranés (occitano gascón) en Cataloña; ou maior transmisión interxeracional: bérber rifeño en Melilla e árabe marroquino ou dariya en Ceuta.

No seu recente camiño de estandarización e normativización ortográfica o aragonés topouse cun vello e clásico atranco de toda lingua minorizada: a falta de prestixio e de ensino fixo que chegara ata hoxe como fala basicamente oral, o que redundou obviamente na súa dialectización, escusa abonda pra que os seus detractores incidisen nas diferenzas entre os dialectos e proclamasen a imposibilidade dun modelo único. Mais peor é que entre os defensores da estandarización xurdiran distintas propostas normativas, primeiro as Normas Gráficas de l’Aragonés xurdidas do I Congreso ta ra Normalización de l‘Aragonés en 1987 e apoiadas polo Consello d’a Fabla Aragonesa, o Ligallo de Fablans de l’Aragonés, o Instituto de Estudios Altoaragoneses e outras agrupacións a prol da lingua da época, tamén coñecidas posteriormente como “Grafía del 87”, cunha orientación fonoloxista que obviaba a tradición gráfica do aragonés histórico. Despois como contestación a esta grafía xorden as normas ortográficas da Societat de Lingüística Aragonesa, fundada en 2004, que propoñen unha grafía, en 2006, baseada no aragonés histórico pro tamén en concordancia coa grafía dos romances máis próximos: catalán e occitano (clásico), amais de facer unha separación entre aragonés e benasqués, variedade esta que consideran como unha lingua (microlingua) á parte de transición entre o aragonés e o catalán. E tamén a Proposta d’Ortografía de l’Aragonés en 2010 dende a Academia de l’Aragonés, creada en 2006 a partir do II Congreso de l’Aragonés en 2006 co propósito de ser a autoridade lingüística da lingua, mais que non ten rango oficial e funciona como asociación cultural. En 2016 aparece a Grafía Aragonesa de Compromís, auspiciada polo escritor Ánchel Conte e o editor Chusé R. Usón como principais asinantes da nova proposta que se pretende intermediaria entre as anteriores. E finalmente, polo momento, en 2017 o Goberno de Aragón publica oficialmente “Bellos aspectos basicos d’a representación de l’aragonés”, produto do “Informe para una grafía común para el aragonés y sus variedades”, feito por tres prestixiosos lingüístas (Ramón de Andrés Díaz, Michael Metzeltin e Patric Sauzet) escolleitos entre os propostos polas tres principais asociacións aragonesistas con propostas ortográficas: o Consello d’a Fabla Aragonesa, a Societat de Lingüística Aragonesa e o Estudio de Filología Aragonesa (Academia de l’Aragonés). Porén, a conclusión dos expertos non satisfixo ás dúas últimas asociacións que tacharon a proposta como consolidación das Normas do 87, as máis usadas ata hoxe, con apenas lixeiras mudanzas.

As principais diferenzas entre as tres normativas máis usadas (1987, 2006 e 2010) son: o fonema oclusivo bilabial sonoro ou fricativo só con B (1987. Ex.: serbizio, bal, cantaba), B/V segundo etimoloxía ou tradición (2006. Ex.: servício, val, cantava) e B/V conforme a etimoloxía (2010. Ex.: servicio, val, cantaba); o fricativo interdental xordo sempre con Z (1987. Ex.: Probenza, fetz, zentro, serbizio, mozez), Z/C/Ç segundo posición ou vogal, así Z+A,O,U en inicio de palabra e Z en final, C+E,I sempre e Ç+A,O,U en interior de palabra (2006. Ex.: Provença, fez, centro, servício, mozez) e Z/C con Z+A,O,U en inicio de palabra e Z como fonema final, C+E,I e o dígrafo TZ pra plurais das palabras acabadas en –T e nas formas verbais (2010. Ex.: Provenza, fetz, centro, servicio, mocetz); o africado prepalatal xordo só co dígrafo CH dúas normativas (1987. Ex.: minchar, chustizia, cheografía, chaminera) e tamén (2010. Ex.: minchar, chusticia, cheografia, chaminera) pro a outra usa CH/J/G+E,I segundo etimoloxía ou tradición (2006. Ex.: minjar, justícia, geografia, chaminera); o nasal palatal sonoro só con Ñ nas normativas de 1987 e 2010 (Ex.: añada) pro co dígrafo histórico NY, similar ao usado en catalán, na normativa de 2006 (Ex.: anyada); o fricativo palatal xordo só con X (1987. Ex.: baxo, buxo, exemplo, pex), con X ou IX segundo a pronuncia en interior de palabra (2006. Ex.: baxo, buxo, exemplo, pex (aragonés occidental) e baixo, buixo, eixemplo, peix (aragonés oriental)) e con IX sempre en interior de palabra, aínda que se poida pronunciar o I ou non segundo a zona (2010. Ex.: baixo, buixo, eixemplo, peix); o grafema H- inicial sen valor fonémico non se usa agás nas formas verbais de “aber” con valor diacrítico (1987. Ex.: istoria pro: he, has, ha e han) ou úsase seguindo a tradición (2006. Ex.: história e 2010. Ex.: historia); o grafema -T final de palabra con orixe etimolóxica non se representa (1987. Ex.: soziedá, paré, deban, chen) ou si seguindo o aragonés histórico (2006. Ex.: sociedat, paret, devant, gent e 2010. Ex.: sociedat, paret, devant, chent); o grupo latino QU+vogal represéntase con CU+vogal unicamente (1987. Ex.: cuan, cuestión, cuesta, evacuar) ou con QU+vogal ou CU+vogal segundo a orixe etimolóxica (2006 e 2010. Ex.: quan, qüestion, cuesta, evacuar); e a acentuación gráfica segue o modelo castelán na grafía de 1987 (Ex.: istoria, grazia, serbizio, mitolochía, río, atenzión pro non nas palabras con ditongos finais decrecentes: estoi, mariu), o modelo catalán na de 2006 (Ex.: história, grácia, servício, mitologia, rio, atencion) mentres que a de 2010 promove a non acentuación salvo por necesidade diacrítica ou marcación da tonicidade (Ex.: historia, gracia, servicio, rio, atencion pro: se/sé, mitolochía, vehíclo).

E a proposta oficial do Goberno de Aragón é: uso de B/V segundo criterio etimolóxico (Ex.: servicio, val, cantaba, vasura; pro sempre BR-/BL-: abrispa, Pablo); emprego único de Z ante calquera vogal (Ex.: Provenza, fez, zentro, servizio, mozez, violenzia, zielo); sempre CH pró fonema africado palatal (Ex.: chinebro, minchar, chusticia, cheografía, chaminera, rechistro, conchunto); uso de Ñ pró nasal palatal (Ex.: añada, España); sempre o dígrafo IX en interior de palabra porque representa a pronuncia maioritaria (Ex.: baixo, buixo, eixemplo, peix); o H inicial non se utiliza agás nas formas verbais de “aber” (Ex.: istoria, ueso, uerto, ombre, umedo pro: he, has, ha e han) e nalgúns cultismos de orixe grega (Ex.: hematoma, hexagono, hipopotamo etc.); o T final etimolóxico se usa se segue a vogal (Ex.: sociedat, paret, piet, virtut) e non tras consoante (Ex.: deban, chen, fuen, mon); uso único de CU+vogal (Ex.: cuan, cuestión, cuesta, evacuar, zincuenta, ubicuitat); e acentuación gráfica conforme o modelo do castelán con algunhas pequenas variacións (E.: estudio, pazienzia, sermón, calién, ferrería, lingüística, agüerro [outono] pro: sermons, caliens).

Con todo, esta proliferación de normas ortográficas non deslexitima o aragonés como unha lingua de seu, dentro do grupo iberorromance oriental xunto ao castelán e mailo asturleonés, con trazos propios pro tamén trazos comúns co castelán por unha parte e co catalán e mailo occitano por outra; soamente –e non é pouco– dificulta a súa estandarización, requisito imprescindíbel pra toda lingua que queira existir no futuro.

O aragonés presenta algunhas curiosas coincidencias co galego, así na fonética o uso do X –e o dígrafo IX en interior de palabra, pronunciandose o I ou non segundo as zonas– pra representar tamén o fonema prepalatal fricativo xordo: amaneixer, bruixa, buixo, eixemplo, pareixer, peix, teixidor, xordica (estruga) etc.

Na morfosintaxe o uso dos artigos definidos sen L-: o/os e a/as, que xunto aos sistemas: lo/los e la/las, e: el/es e la/las (este propio do aragonés oriental) son os máis frecuentes, sendo o primeiro o máis xeral no territorio de fala aragonesa e o escolleito pró estándar. Logo tamén hai sistemas mixtos minoritarios como o da Ribagorza Baixa (el/los e la/las) ou o do val de Tella (lo/es e la/las) etc.

E o paradigma nominal final -N/-NS. Ex.: chirmán/chirmans, choven/chóvens, fuen/fuens (fonte/fontes), mon/mons (monte/montes) etc. Mais os demais plurais consonánticos son ben diferentes do galego, así -R/-RS (ex.: flor/flors, muller/mullers etc.); -L/-LS (ex.: ababol/ababols [papoula(s)], árbol/árbols etc.); ou -T/-Z (ex.: mozet/mozez, paret/parez, piet/piez, verdat/verdaz etc.).

E no léxico coincidencias de pronuncia e significado co galego estándar ou dialectal: agulla, baixar, caixa, deixar, dende, espantallo, feito, fillo, fruita/fruito, isto, madeixa, mai, muito, muller, orella, pai, palla, queixar, xordo etc.

Como vemos os problemas do aragonés son consubstanciais ás demais linguas minorizadas: bretón, sardo, quechua, romanche, occitano, arpitán etc., cando non hai un poder oficial, estatal ou rexional, apoiándoas.

Seguramente o futuro do aragonés estará en mans dos neofalantes, maioritariamente urbanos pro tamén xoves e con estudos, dado o pertinaz despoboamento do Alto Aragón, como xa sucede co éuscaro, por iso a consecución dun estándar é fundamental prá súa supervivencia, e máis vale un mao estándar ca ningún porque o primeiro sempre é susceptíbel de reformas, como de feito sucede con calquera idioma estandarizado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.