O artífice era un home de xestos medidos, sobria elegancia, rasgos faciais discretos e un lixeiro toque de fragrancia a madeiras orientais e cítricos almiscrados en tempas e pescozo. Cello de intransixencia dogmática no férreo e beizos moi finos e tensos nunha boca pequena de ricto habitualmente serio, conmensurado e severo a un tempo. De cativo escoitara moitas veces aquilo de “cariña de leite fervido”, pero que saberían aqueles teixugos se só tiñan cabeza para acumular terra na fenda das unllas? Se lle din a el que había “mulleres” que puidesen cheirar tanto a lixivia... O artífice era algo así como un discreto macho alpha na reserva sempre activa do poder político da dereita. Todo ben, todo correcto na segunda fileira da perspectiva táctica do envite político de campaña. Todo. Todo agás aquela ondulación no cabelo. Pero como podía ser aquilo?
A súa vida fora sempre un plácido traxecto que se podería resumir en trinta liñas de espazamento simple. O home tranquilo, the quiet man, o paradigma da segura seguridade nun mesmo que outorga a certeza do sentido común en conexión liña recta co ceo máis celestial; a premeditación dunha carreira política centrimetrada nuns anos que se volveran décadas. A última campaña, todo un éxito, grazas. Volvían a estar onda sempre, e logo non. Ascenso inminente? Claro que aquela onda...
Non era difícil escoitarlle a algúns compañeiros palabras tebrosas, acusacións veladas de aproveitamento rancoroso, un estratega correúdo de longo percorrido que non perdoaba unha; unha ave de rapina sombriza sempre á espreita da máis mínima traizón, real ou sospeitada. Banquo, o perigo sabe enmascararse detrás da cortina máis inocente. Tan só el debería ser o encargado de blindar ao número un cun baleiro hermético adecuado a aquela altura e circunstancia. Diso non podía quedar a máis mínima dúbida; cumpría advertir até ás sombras das sombras deste último punto. Falar? Que falasen. Bo sinal. As faladurías son a peaxe de envexa admirativa no dificultoso tránsito, ascenso e entronización no cumio do esvaradizo segundo posto do poder en provincias. Poderíamos convir que unha onda no cabelo crecho habería de imprimir outro carácter. Ou non? Se iso. Non sei eu se en Madrid...
Meigas fóra, veña. Buena onda, Pémex, confianza nun mesmo, control e tempero. E logo algo de brillantina para domar aquela conxura capilar? Non, xa había outro no panorama electoral recente que gastaba diso, así que mellor non. Mellor non confundir. O acto programado para o día de hoxe era un paseo de rutina polos xuzgados. Xa se sabe; funcionariado afín chova, neve ou alampe. Xentiña ben pensante, moita dela mesmo co carnet do partido, convivencias deportivas de distinto grao de profundización social acomodada durante as fins de semana, fillos en colexios concertados porque o ser humano humanoide pasa por cinco etapas na vida: bautizo, comuñón, confirmación, voda relixiosa e funeral rezadeiro pola defunta ialma. Con Garzón fóra de xogo, Luciano Varela e demais recua mediante, a xustiza volvía a estar dunha vez por todas “centrada” no como dios manda, nesa cuadrícula mesetaria forzadamente rectanguloide, única e unívoca na única ideoloxía, na única lingua, na única expresión cultural , na única posibilidade, na única vía unicamente absoluta, absolutista e absolutoria. L'État (et la Démocratie) c'est moi, bien sûr.
Paso decidido, entrada, prensa acreditada, sorriso, foto, saúdos, as rapazas da organización do partido abrindo o acto, flashes, choque de mans, discur... BOICOT?! Protestas enervadas?! Sen paga extraordinaria, disque. Sen moscosos, seica. Sen medios dende hai moito, polo visto. Sen cidade da xustiza, semella. Levan varios días cortando o tráfico para manifestarse, din por aí. Pero como? Que pasa aquí?! Organización! Organización!!!
O artífice, a onda capilar e a traxectoria impoluta apampan, senten por un só microsegundo a famosa lei da transparencia na función pública máis opaca dende a transición para vivir nas súas propias carnes o significado real da palabra: trans-pa-ren-cia. Se lle collesen unha vea non sairía nin pinga de sangue.
Organización: prensa fóra!! De aquí non sae nin chío!!! Seguro que isto vén de enriba. Estes son só os pringaos. Señorita, póñame con Génova... urxente!! ... si? si? ... está aí? ben, apunte: moi urxente... rectificar compensacións a xuíces... non, non vai... a ver, vostede entende o castelán? dixen SÓ XUÍCES! claro... mire, non pregunte máis e transmita... Galicia, claro... que me confirmen o antes posible... acto de campaña, si... si, máis días libres, si, por aí... e algo máis, xa sabe... o de sempre... tranquilidade... aquí no ha pasao nada... seguro que pasan polo aro o 21-O... mera xentiña...descoide... queee? como que quen? como que quen? pero como que QUEN?!?