O audiovisual galego reinvéntase

É o terceiro ano no que analizo, o día despois dos Mestre Mateo, a situación deste sector estratéxico da nosa economía, malia que a Xunta do PP non acredite nesta cualidade. No 2013 e 2014 falei do “afogo do audiovisual galego” e agora fágoo da reinvención deste sector. Que pasou de novo?

O audiovisual galego perdeu máis de dous mil empregos durante a Grande Recesión e chegou a niveis do 60% do desemprego. O IVE cultural e a neglixente actitude dun Feijóo ancorado nunha suicida austeridade case liquidan ao sector. Mais a grande capacidade técnica e profesional da industria audiovisual galega seguiu a xerar novos produtos e novas linguaxes. Ben era verdade que con grandes atrancos canto á distribución, malia a grande afección do público galego ás súas producións.

O audiovisual galego perdeu máis de dous mil empregos durante a Grande Recesión e chegou a niveis do 60% do desemprego

Mais o sector está a adoptar unha potente estratexia de internacionalización que permite mellorar esta distribución e que as nosas historias e produtos audiovisuais sexan coñecidas alén do noso País. E mira cada vez máis cara ao que escolle e paga: o público. Velaí A Esmorga de Ignacio Vilar: 80.000 espectadores na Galicia, das resultas non só de 15 semanas nas salas de proxección das grandes vilas, senón dunha agresiva distribución nos centros socioculturais e outros puntos análogos. O 8 de maio estréase fóra de Galicia, en Barcelona, Madrid, Euskadi e Navarra. E axiña estará no Reino Unido e noutros países da Europa.

A industria audiovisual galega precisa do motor da nosa TVG. Esa TVG que definiu Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor comunicadora televisiva, como as canles que“teñen como propietarios aos cidadáns”

A industria audiovisual galega precisa do motor da nosa TVG. Esa TVG que definiu Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor comunicadora televisiva, como as canles que“teñen como propietarios aos cidadáns”. Unha TV pública que ten como misións sobranceiras a normalización lingüística e cultural e a dinamización da industria audiovisual do País.

 

A Esmorga e Os Fenómenos

Os grandes triunfadores dos premios Mestre Mateo foron A Esmorga e Os Fenómenos (que acadou os premios á mellor longametraxe, dirección e guión). Dous grandes produtos, mais chocou que A Esmorga, récord de público, non gañase o agasallo á mellor longametraxe. Outravolta semella que en determinados ámbitos profesionais opínase distinto ao público. E, sendo iso normal en Hollywood,  non estou tan certo que sexa bo para  unha industria convalecente como é a audiovisual galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.