O Banco Central Europeo e as débedas

Tódalas evidencias empíricas sinalan que a pandemia da COVID.19 provocará, entre outros impactos macroeconómicos, que as débedas públicas se disparen, por caso, nos países da UEM (zoa euro). Asi e segundo datos facilitados pola administración comunitaria nos meses previos a que se desatara a pandemia (marzo 2020) a débeda pública na eurozona equivalía, de media, ó 86,3% do PIB (79,.5% no conxunto da UE) con Grecia (176,7%), Italia (137,6%), Bélxica (104,4%), Francia (101,2%) e España (98,8%) como estados mais endebedados. Cifras que poñían en evidencia como a débeda pública se estaba facendo practicamente impagable (>100% PIB) nun número cada vez maior de estados da eurozona.

Tendo en conta a enorme recesión provocada pola pandemia os déficits disparáronse no ano 2020. España, por caso, e segundo datos do FMI tivo o déficit mais elevado da Zona euro (14%), unha depresión da que nin sequera se libra Alamana (8%). Déficits que dispararán as débedas públicas: Grecia (206%), Italia (162%), Portugal (137%), España (123%), Bélxica (118%), Francia (119%). Unha situación fiscalmente insostible que demanda con urxencia unha solución encamiñada a rebaixar este peso das débedas.

Unha serie de expertos de recoñecido prestixio lanzaron a sinal de alarma sobre a situación e emprazaron ao BCE (Banco Central Europeo) a unha reestruturación das débedas públicas que os estados da eurozona teñen con esta entidade e que, por mor dunha pandemia, se tiñan disparado. Unha proposta razoable incluso diría que moderada. Pero a resposta dos dirixentes do BCE, e dalgúns gobernantes da eurozona, foi moi decepcionante.

Así a señora Cristine Lagarde, Presidenta do BCE, considera inconcibible a condonación da débeda dos países da UE vinculada a pandemia. "Si a enerxía gastada en esixir a cancelación da débeda por parte do BCE se dedicara a un debate sobre o uso da débeda, sería moito mais útil". Na mesma liña o señor De Guindos, Vicepresidente do BCE, afirmaba que a cancelación da débeda non so é ilegal por que vai contra os tratados senón que "non ten ningún sentido económico ou financeiro, de ningures". Pola súa parte a señora Nadia Calviño, Vicepresidenta terceira e Ministra de asuntos económicos transformación dixital ademais de sinalar que tal debate non é unha prioridade do goberno español afirmaba que "a prioridade absoluta neste intre ten que ser impulsar o crecemento económico e a creación de emprego.... nisto témonos que centrar e non en abrir outros debates que non contribúan ao obxectivo fundamental". Como si se puideran separar o obxectivo do crecemento económico e a creación do emprego das resolucións sobre unha débeda pública que se converteu nun moi grave problema macroeconómico por que está acadando cifras récord.

Tomemos o caso de España e a evolución da súa débeda pública por que nos pode servir de exemplo para unha parte moi relevante da eurozona. Nas vésperas de que estoupara a crise financeira (2008) España tiña un nivel de débeda pública (39,70% do PIB) que non supoñía ningún problema por ser perfectamente asumible. Fronte a crise bancaria España, como a maioría de estados da Unión Europa decide (2009) "acudir ao rescate do bancos" para evitar a súa caída dada a súa situación de insolvencia: rescate que supón inxectar fondos públicos para sanear os balances. Inxección que, loxicamente, repercute na débeda pública que mais que duplica o seu monto (86,3% en 2012). A crise financeira é aproveitada polas autoridades europeas (BCE en cabeza) para, con o apoio dos respectivos gobernos nacionais, facer mais ríxidos os criterios de austeridade provocando co que era unha crise financeira se convertera nunha longa recesión económica. Unha recesión que, contra o que xustificaba esas políticas, non impediu que continuaran os déficits e que seguira medrando a débeda pública (99,2% no 2016)

Non menos incidencia neste crecemento da débeda terán os criterios monetarios fixados no Tratado de Maastrich e que afectan ao BCE. A diferencia, por caso, tanto da Reserva Federal como do Banco de Inglaterra o Banco Central Europeo non pode actuar como prestamista en primeira instancia. Circunstancia que aproveita a banca privada para subir os tipos de xuro e encarecelo financiamento aos estados que o precisan. Así sucede que a pesares dos pagos realizados nos servizos da débeda o monto da débeda española na pare de medrar (97,4% no 2018, 98,8% no 2020). Como dato de interese digamos que durante o mandato do señor de Guindos como Ministro de Economía do goberno español (2011-2018) a débeda pública española pasou de representar o 69,9% do PIB (743.530 millóns de euros) ao 97,4% (1,173 billóns de euros): sobran comentarios. A pesares dos enormes pagos feitos en todos estes anos polo goberno español e en concepto de servizos da débeda, unha media estimada de 90 millóns de euros diarios que levaría a que na última década España pagou pola débeda case 400 mil millóns de euros (cantidade equivalente ao valor da débeda antes de que estourara a crise financeira) sen evitar que a débeda seguira medrando.

En definitiva, España por seren un alumna avantaxada e obediente aos mandatos das autoridades monetarias europeas (encabezadas polo BCE) apandou con un crecemento espectacular da súa débeda pública. Agora, cando a pandemia coloca as economías europeas na maior crise da súa historia recente estas autoridades, como pago a tal servidume, lle comunican que debe seguir pagando e facendo fronte as subas provocadas pola recesión pandémica. Algo que debera preocupar a calquera cidadán europeo minimamente informado pero en primeiro lugar aos nosos gobernantes. Velaí que esa iniciativa citada ao principio que pide a condonación dunha parte relevante da mesma conte co meu total apoio dende o primeiro momento.

Por que ademais mais cedo que tarde a débeda pública española, como a da maioría dos estados da UE, terá que reestruturarse como así pasou ao longo da historia en situacións similares ou parecidas. Porque so así a economía española, e a europea, poderá recuperarse do impacto dobre da recesión e a pandemia e emprendelo camiño da recuperación do emprego e do crecemento económico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.