Os veciños de Compostela xa podemos observar en directo, sen lugar para a especulación, unha boa aberración conceptual en materia de biodiversidade.
Se botamos un ollo ao monte Gaiás, coroado por ise monumento á astracanda, podemos observar un pouco máis abaixo outro monumento á ignorancia: pistas e raias paralelas descendentes que están en relación co anuncio do Presidente da Xunta de “crear” alí o “bosque de Galicia”. Aínda que houbo voces a título individual que alertaron da feito, ningunha institución ou colectivo dixo gran cousa.
O monte baixo existente é unha etapa posterior ao prado e, dende logo, posterior á rocha nai e, se o deixamos tranquilo, nuns anos teremos un bosque (auténtico!) en equilibrio co medio (climácico) e a custe cero (quizais sexa este o problema)
Hai uns meses esa ladeira estaba cuberta por mato, toxos sobre todo e outras leguminosas, fixadoras de nitróxeno. Como sabe calquera estudante de ciencias (ou incluso calquera espectador de documentais) existe un proceso chamado sucesión ecolóxica que, basicamente, explica que os ecosistemas non permanecen estáticos senón ao chegar ao seu clímax e que mentres as diferentes etapas sucesionais van xerando diferentes hábitats en constante cambio. Quere isto dicir que o monte baixo existente é unha etapa posterior ao prado e, dende logo, posterior á rocha nai e, se o deixamos tranquilo, nuns anos teremos un bosque (auténtico!) en equilibrio co medio (climático) e a custe cero (quizais sexa este o problema).
Pero non. O que se lle ocorreu á Xunta encabezada polo seu presidente é anunciar “bosque de Galicia”, unha obra máis, que para ser executada precisaba, precisamente, de rozar o mato. No medio deste mato había xa árbores como espiños, pereiras silvestres, etc que anunciaban o que ía vir. Estes árbores están aí gracias a pequenos paxaros, sobre todo, que como os merlos ou as papuxas se alimentan de sementes que logo dispersan polo mato plantando así, un bosque. Nuns anos, gratis, grazas aos servizos que nos prestan aves, chuvia e tempo teríamos un bosque. Polo momento xa estragaron un hábitat moi interesante de numerosas especies de flora e fauna, amparadas pola lexislación vixente.
Por se fora pouco, plantan árbores en liña recta e a distancias regulares, os límites son rectilíneos. Iso nunca será un bosque.
A Franco deulle por encher España de piñeiros e eucaliptos, cun privilexiado corpo de enxeñeiros, deseñándose un monte para producir madeira de baixa calidade de xeito rápido co que abastecer, sobre todo, as papeleiras
En Galicia, árbores hai moitas e superficie forestal tamén. Bosques moi poucos e inda por riba moitos dos que quedan de moi pouca calidade. Quizais a confusión interesada ven por aí. Confúndense bosque con cultivo forestal e agora tamén parque con bosque. Cabería ver de onde ven a confusión e eu non teño moitas dúbidas ao respecto: a Franco deulle por encher España de piñeiros e eucaliptos, cun privilexiado corpo de enxeñeiros, deseñándose un monte para producir madeira de baixa calidade de xeito rápido co que abastecer, sobre todo, as papeleiras e se hai que dicir que iso son bosques dise. Un proceso similar deuse en Portugal. Chamarlle cidade de cultura ao que hai arriba e bosque ao que hai abaixo é ben significativo da cultura real que a día de hoxe temos. Curioso, ademais, que haxa que gastar cartos dise xeito mentres, os bosques auténticos son eliminados mesmo en áreas protexidas e as formacións e especies vexetais máis ameazadas permanecen indefensas.