O Brexit e as nacións do Reino Unido

A poucas semanas do decisivo referendo sobre a permanencia do Reino Unido na UE, aínda non existe ningún tipo de certeza sobre o resultado final. Aínda que o núcleo do discurso a favor do brexit se centra en ideas arcaicas sobre o rol do Reino Unido no mundo, ou directamente postulados xenófobos, é bastante posible que sexa o lado gañador. As consecuencias pro país serían bastante graves, o Reino Unido sufriría un proceso de reaxustamento a unha nova realidade que podería afectar gravemente a súa economía e reputación internacional. Porén, compre subliñar que un posible brexit tamén podería ter enormes consecuencias no encaixe das nacións que conforman o Reino Unido.

O referendo de autodeterminación escocés do 2014 supuxo un gran alivio pros unionistas, mais, pese a derrota do bando independentista, o SNP mantívose como forza hexemónica en Escocia e o apoio a unha posible independencia non deixa de medrar. Neste aspecto, compre reparar en que o SNP abandonou hai xa décadas a súa postura euroescéptica e hoxe é dos partidos máis pro-europeos do Reino Unido. De facto, o apoio ao Bremain en Escocia é de dous terzos do electorado, moito máis elevado que no resto do estado. Unha saída do Reino Unido da UE contra a vontade da maioría dos votantes escoceses podería supoñer a xustificación perfecta pra un segundo referendo de autodeterminación. Nicola Sturgeon e outros líderes do SNP xa teñen comentado esta posibilidade aínda que de seguro, desta vez terían máis xeito á hora de elixir a data do referendo. De seguro que se as enquisas continúan mostrando un apoio á independencia, neste momento é do 53%, e se o Brexit decantase a balanza do lado independentista, o SNP acabaría por convocar este segundo referendo. Con todo, unha posible Escocia independente e europeísta enfrontaríase a unha negociación de adhesión á UE e mesmo podería ter que integrarse na Eurozona, cuestión bastante polémica en Escocia.

A outra das nacións que podería ser gravemente afectada polo Brexit é Irlanda do Norte, o único territorio británico cunha fronteira terrestre con outro estado da UE. A Unión ten investido enormes sumas de diñeiro para financiar o proceso de paz e reconciliación das dúas comunidades enfrontadas durante o conflito de Irlanda do Norte. O programa europeo PEACE investiu millóns de euros en actividades orientadas á consolidación da paz, como a creación de espazos de diálogo, a cohesión entre as comunidades, accións educativas, etc. Estes fondos poderían desaparecer se o Reino Unido saíse da UE, poñendo en risco os avances realizados no proceso de paz até hoxe. Igualmente, a creación dunha fronteira entre o Ulster e a República de Irlanda ou a interrupción da cooperación transfronteiriza afectaría a miles de persoas que ven nesa “raia” unha oportunidade. Desde logo a economía irlandesa se resentiría ao ser o Reino Unido un dos seus primeiros socios comerciais, mais tamén vería o número dos seus nacionais aumentar xa que, de seguro, miles de irlandeses do norte solicitarían o pasaporte irlandés pra poder circular libremente no territorio da UE (posibilidade recollida no acordo de paz de Belfast). Finalmente, e facendo un exercicio de política ficción, unha saída da UE, e unha posible independencia escocesa podería desencadear un proceso de autodeterminación no Ulster, xa que o Sinn Féin podería aproveitar o momento e parecidos postulados ao SNP pra reclamar un referendo co que lexitimar unha unión a Irlanda pra reintegrarse na UE. De facto, o Bremain é apoiado por unha clara maioría en Irlanda do Norte, en especial os seus agricultores que lle teñen moito aprecio ás subvencións da PAC.

Finalmente, os efectos do hipotético Brexit tamén se poderían sentir no País de Gales. O Plaid Cymru está ben lonxe da fortaleza electoral do SNP e non foi capaz de capitalizar a crise do Partido Laborista a nivel británico nas pasadas eleccións de abril. Por outra banda, o sentimento nacionalista é moito máis feble que en Escocia e o electorado galés, no tocante ao debate sobre o Brexit non se diferencia en exceso dos votantes ingleses. Por tanto, un novo referendo independentista en Escocia non tería porque mover os marcos do sistema de partidos galés, dominado desde décadas polo Partido Laborista. Porén, Gales si tería moito que perder de consumarse unha saída da UE, xa que dous terzos do seu territorio é considerado como rexión obxectivo 1 e por tanto recibe enormes cantidades de fondos estruturais da UE, por non falar das subvencións da PAC que reciben os miles de pequenos agricultores do país.

En definitiva, unha saída da Unión Europea podería desencadear un proceso de desintegración do Reino Unido como o coñecemos hoxe. É bastante posible que sexan os euroescépticos ingleses quen decidan o futuro do conxunto do estado fronte a unha posición máis proeuropea por parte das outras nacións que compoñen o Reino Unido. Desde logo en Edimburgo ou Belfast non han de ficar sentados se se materializa este acontecemento histórico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.