O calote da reforma fiscal

Xustiza, igualdade e progresividade. Son o tres principios que deben guiar o noso sistema fiscal segundo o artigo 31.1 da Constitución de 1978. No informe dos expertos sobre a reforma fiscal figuran dezaseis mencións á igualdade, vinte e unha á xustiza e corenta e unha á progresividade. Aos expertos preocúpanlles máis principios e valores non constitucionais como a neutralidade -61 mencións- ou a eficiencia -89 mencións-. Ao parecer, canto dita a Constitución sobre a soberanía ten forza de lei, pero aquilo que prescribe en materia de impostos resultaría máis ben optativo. O Goberno e os expertos respéctano só se lle gusta e se non, sáltano. Dos produtores de "O comité de sabios que lexitimou a estafa da reforma das pensións" chega agora "O comité de expertos que amparou o  calote da reforma fiscal".

Hai que ser pouco sabio para soster que con máis impostos indirectos os defraudadores pagan máis e os que cumpren con Facenda pagan menos

Cando se monta un grupo de expertos coa sa intención de que sirva para algo, cómpre que non saiban todos o mesmo e combinen sabedorías distintas e mesmo opostas. Cando se crea para encubrir de palabrería pseudotécnica decisións xa tomadas, córrese o risco de acabar convertido nun grupo de colegas que teiman en demostrar quen a solta máis gorda para dar a razón a quen manda. Hai que ser pouco sabio para soster que con máis impostos indirectos os defraudadores pagan máis e os que cumpren con Facenda pagan menos. Hai que ser aínda menos sabio para afirmar sen ruborizarse que a fraude fiscal se reduce rebaixando os tipos máis altos e a progresividade dos impostos (p.30 Informe Expertos). No ano 2011, as empresas do IBEX declararon case noventa mil millóns de euros en beneficios e pagaron menos de catro mil millóns en impostos. En España, a fraude concéntrase nos mesmos grandes patrimonios e empresas que gozan dunha fiscalidade que nos equipara a un paraíso fiscal. Non defraudan porque soportan moitos impostos. Esa é a mentira para xustificar as súas trampas. Defraudan porque non queren pagar, así de sinxelo.

Un dos obxectivos irrenunciables para un sistema fiscal democrático reside na redistribución da riqueza

O sistema fiscal español recada pouco -dez puntos menos que a media da UE15-, recada mal -penaliza as rendas do traballo e o consumo e recompensa a propiedade e as rendas de capital- e recada sempre entre os mesmos -clases medias e baixas e rendas do traballo pagan, mentres grandes patrimonios e rendas de capital desgravan-. Un dos obxectivos irrenunciables para un sistema fiscal democrático reside na redistribución da riqueza. Durante os últimos vinte anos a redistribución funcionou ao revés en España. O groso das reformas fiscais beneficiou o 1% da poboación con rendas máis altas. A renda do 20% da poboación máis pobre reduciuse nunha cuarta parte e a renda do 10% máis rico creceu un 15%. Redistribuíronse riqueza e oportunidades, pero desde as clases medias e baixas ás clases máis altas. Seguramente por iso, a redistribución só mereceu oito mencións nas 460 páxinas do informe dos expertos.

A reforma fiscal proposta non resolve estes problemas porque nin quere, nin lle importan. O seu obxectivo non é reducir a redistribución da riqueza cara ás rendas máis altas. O seu obxectivo é acelerala. A proposta dos expertos aumenta o peso dos impostos indirectos, rebaixa os tramos altos do IRPF, reduce nun terzo o imposto de sociedades, elimina o noso modesto imposto de patrimonio, mantén o trato privilexiado das rendas de capital ou fraudes clamorosas como as SICAV e multiplica as recomendacións para que poidan desgravarse plans de pensións ou seguros privados.

Vostede e eu pagaremos máis impostos e teremos menos servizos. Emilio Botín ou Amancio Ortega, pagarán menos impostos e terán máis vantaxes fiscais

Baixo artefactos retóricos como "a neutralidade", a reforma conduce a un sistema fiscal moi pouco neutral. Seguirá recadando pouco, mal e sempre aos mesmos. Un sistema despreocupado da xustiza, a igualdade ou a progresividade. Un sistema inxusto, insustentable e só preocupado porque quen poida e non queira estar no sistema público poida deducir a súa riqueza. Vostede e eu pagaremos máis impostos e teremos menos servizos. Emilio Botín ou Amancio Ortega, pagarán menos impostos e terán máis vantaxes fiscais. Pero claro, vostede e eu nacemos para recadar, eles para aproveitar o recadado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.