O inusual bo tempo que nos acompaña nestes días debe ser motivo de reflexión pausada, se queremos ter un porvir. A rareza deste sol radiante é tan coñecida como que o clima está totalmente alterado, e senon mudamos de actividade, o noso presente estará caracterizado por episodios climáticos impredecibles.
Se se pretende entender a relación das enerxías renovables como un dos elementos de combate do cambio climático, resulta necesario entender o consumo de enerxía, a súa cuantificación, e, por conseguinte, recoñecer a dimensión da dependencia enerxética das actividades humanas, económicas, dos sistemas de transporte, da mobilidade, etc. E resulta necesario para podermos definir consumos “prescindibles”, vinculados a un determinado modelo de desenvolvemento económico e social e a falla dunha educación enerxética e ambiental constatada.
Como consecuencia, apareceron, entre outros, os problemas de incremento de temperatura do planeta, de forma que o cambio climático non é senón unha mostra do efecto da actividade humana sobre o sistema climático global, e que afecta de forma alarmante, a procesos fundamentais do funcionamento da Terra como un sistema. Pero esta visión encerra unha notable controversia, á par que contundentes advertencias.
O Informe Stern alerta dos perigos para a sociedade actual de seguir cunha actuación de non asunción da realidade, sendo fundamental realizar investimentos nos próximos 20 anos para poder garantir unha incidencia profunda no clima da segunda metade do século XXI e posteriores. Ademais, os custes da non actuación suporían perdas económicas anuais estimadas entre o 5% e o 20% do PIB mundial. Por outra parte, somos conscientes do impacto socioeconómico dos desastres climáticos, e non só nos países en vías de desenvolvemento. E non debe esquecerse o impacto sobre o ben fundamental, a saúde.
Polo tanto, a redución das emisións de dióxido de carbono, á metade das actuais no ano 2050 implica que os países desenvolvidos terán que rebaixar as súas en máis dun 80%, con tres liñas de actuación principais: a captura e posterior almacenamento do carbono contido nos combustibles fósiles; reducir o consumo enerxético a través de medidas de aforro, reeducación e emprego de novas tecnoloxías, e a xeneralización das enerxías renovables.
Unha resposta contundente ante o cambio climático aséntase, sobre a idea de sostibilidade. O Informe Brundtland, definía o desenvolvemento sostible como aquel modelo de desenvolvemento que busca satisfacer as necesidades e aspiracións do presente, sen comprometer a capacidade das xeracións futuras de satisfacer as súas propias necesidades. En definitiva, precísase un sistema económico que escapa da dinámica de competencia destrutiva e de estrago, e que sexa consciente dos límites ecolóxicos da Terra. O paradigma de sustentabilidade implica cambios nos comportamentos dos distintos actores, for consumidores, empresas, ou institucións públicas.
O paradigma de sustentabilidade implica cambios nos comportamentos dos distintos actores, for consumidores, empresas, ou institucións públicas
A sustentabilidade é posible, de se articular sobre tres eixos imprescindibles: económico, social e ambiental.
A sustentabilidade económica inclúe todas as variables precisas para garantir a reprodución das condicións de produción e consumo, de modo que estas sexan compatibles coa sostibilidade ambiental e social, rompendo definitivamente co estrago enerxético.
A sustentabilidade social mostra a adaptabilidade aos cambios demográficos, a estabilidade dos sistemas culturais, á equidade na distribución xeográfica do desenvolvemento, á participación democrática de mulleres e de homes na toma de decisión, entre outras.
A sustentabilidade ambiental atende á estabilidade dos sistemas biolóxicos, á limpeza dos ecosistemas, e á súa repercusión sobre a saúde.
A enerxía constitúe unha unidade indisolúbel coas tres perspectivas da sustentabilidade, destacando que a seguridade do abastecemento enerxético e o prezo da enerxía son factores clave para a reprodución da economía, ao mesmo tempo que se recoñecen determinadas formas de produción e de consumo que lesionan a sostibilidade ambiental.
É inexorable a mudanza do patrón actual de produción e de consumo enerxético para poder acadar a sostibilidade proclamada.
Polo tanto, é inexorable a mudanza do patrón actual de produción e de consumo enerxético para poder acadar a sustentabilidade proclamada. O papel das enerxías renovables na consecución da sustentabilidade resulta imprescindible e a súa dispoñibilidade non será en principio un factor limitante, no entanto esixirá dun esforzo considerable en termos financeiros, técnicos e obrigará a unha drástica transformación na percepción que hoxe temos destas fontes enerxéticas e do sistema enerxético en xeral.