O cambio que o clima político necesita

O cambio climático é unha realidade á que a política non lle está sabendo facer fronte.

Actualmente, non só os datos científicos evidencian o cambio climático senón que as temperaturas anormalmente altas, os desastres naturais, os incendios forestais ou a seca trasladaron a denuncia científica a unha cidadanía que comeza a percibir este problema como o resultado dun modelo de desenvolvemento económico e cultural caduco, baseado na fabricación masiva de produtos para unha sociedade que fundamenta o seu crecemento no consumo excesivo e innecesario de bens e produtos.

O Acordo de París (decembro 2015), que establece medidas para a redución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, supuxo un consenso político histórico que, con todo, debemos interpretar como un pacto de mínimos. O principal obxectivo do acordo era reforzar a resposta ante a ameaza do cambio climático mantendo o aumento da temperatura mundial neste século por baixo dos 2ºC e proseguir cos esforzos para limitar aínda máis o aumento da temperatura a 1,5 graos. Con todo, segundo as estimacións realizadas pola ONU, ao extrapolar os compromisos do Acordo de París para 2025 e 2030, o resultado é que a temperatura a final de século subirá como mínimo 2,7 graos; moi por encima do acordo alcanzado en Paris. 

Ante esta situación de risco, con cambios drásticos no clima que afectan dende a agricultura ata o turismo, é preciso revisar con urxencia tanto os obxectivos de redución como a estratexia para conseguilos.

É urxente tomar medidas serias que reformulen o modelo produtivo, a produción de enerxía e a mobilidade, xa non só en clave climática senón tamén ambiental, co fin de reducir drasticamente as emisións e conseguir desacelerar o quecemento global.

Nin a Xunta de Galicia nin o Goberno de España, ambos os comandados polo PP, entenderon a magnitude do problema; é evidente que a Xunta non ten esta percepción da realidade ou gusta de mirar para outro lado xa que, recentemente, aprobou en solitario a lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que vai permitir a empresas privadas levar os beneficios de desmontar, literalmente, o territorio e a paisaxe vendendo os recursos naturais e deixando tras de si enormes impactos ambientais que provocarán enormes perdas de ecosistemas vitais para a vida. Isto non sería posible sen a aprobación do CETA polo senado español, con 157 votos a favor (PP e PNV), 20 en contra (Podemos) e 60 abstencións (PSOE)- que abre as portas ás multinacionais mineiras canadenses permitindo o enriquecemento dunha oligarquía mineira tras colocar Feijóo a administración galega ao seu servizo.

Mitigar o cambio climático non é un obxectivo facilmente alcanzable. Require unha coordinación entre todas as políticas que non se está dando nin no goberno nin na oposición; require que os medios de comunicación se impliquen e visibilicen o problema, algo que non se está producindo a pesar de que a percepción social do mesmo aumente expoñencialmente con cada encoro baleiro ou incendio forestal; require unha acción política de primeiro nivel que só pode darse se se lle dá máxima prioridade ao problema do cambio climático; require a asignación de recursos económicos e humanos que non se limite a un lavado de fronte nos orzamentos xerais.

O desinterese durante décadas das principais potencias económicas permitiu que este problema alcance unha magnitude tal que as medidas adoptadas co Acordo de París xa non serían suficientes por si mesmas debido a que o único sistema coñecido polo home con capacidade e dimensión planetaria para regular o clima é a propia Natureza.

É neste momento cando a política debe recoller a luva para realizar un cambio de ciclo produtivo de lineal a circular, para adoptar un novo modelo enerxético e de mobilidade no que a recuperación ecosistémica do territorio será a diferenza entre alcanzar os obxectivos ou fracasar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.