O capitalismo da vixilancia e os límites do poder

Facebook control datos privacidade CC-BY Stock Catalog

En días pasados tivemos coñecemento da ameaza do fundador da rede social Facebook de “apagar” as súas redes en Europa no caso de facer efectiva a sentenza xudicial ditada polo Tribunal de Xustiza da UE en 2020. A devandita sentenza impide transferir datos dos usuarios europeos a súa sede do país norteamericano. No seu último informe ante a Comisión de Bolsa e Valores de EEUU (SEC) a empresa de Menlo Park (California) explica que debido a esa resolución do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) podería ver afectada a súa capacidade de prover os seus servizos.

O «escudo de protección» foi invalidado polo TXUE en xullo de 2020 ao considerar que posibilitaba inxerencias nos dereitos fundamentais dos cidadáns europeos. Concretamente en relación a transferencia dos seus datos ao país norteamericano

«Se non permiten transferir datos entre países e rexións nas que operamos, ou se é restrinxida a nosa capacidade de compartir datos entre os nosos produtos e servizos, a capacidade para prover estes podería ser afectada», dicían dende a compañía dirixida por Mark Zuckerberg. A razón fundamental desta posible «afectación» aos seus servizos é a dificultade que as maiores restricións de privacidade supoñen para poder personalizar os anuncios online e crear paquetes de datos persoais para comercializar. E esta última é a principal fonte de ingresos de Meta. En concreto a empresa, que ata outubro do ano pasado era Facebook, citou a invalidación por parte da xustiza europea do coñecido como «escudo de protección»: un acordo entre a UE e EEUU para que as empresas poidan transferir os datos dos usuarios entre continentes.

O «escudo de protección» foi invalidado polo TXUE en xullo de 2020 ao considerar que posibilitaba inxerencias nos dereitos fundamentais dos cidadáns europeos. Concretamente en relación a transferencia dos seus datos ao país norteamericano e non outorgar o nivel axeitado de garantías que pretende protexer o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXDP) da Unión Europea. 

Facebook control datos privacidade CC-BY Geralt

Esta cuestión reflicte como funciona o capitalismo da vixilancia do que nos fala a autora Shoshana Zuboff na súa obra “La Era del Capitalismo de la Vigilancia” (2020). Nesta obra desmonta todo ese proceso de transformación dos nosos datos persoais como mercadoría de gran valor e obxecto de comercio fóra do noso control. Son as xigantes tecnolóxicas as axentes fundamentais neste mercado e nesta transformación deses datos en mercadorías que recompilan a través de dispositivos, xogos, utilidades e redes sociais, e pola que obteñen cuantiosos beneficios. 

Toda esta operación está deseñada para non ser percibida e ser indescifrable e queda agochada entre retóricas da “liberdade do Individuo”, “empoderamento do usuario”, “mellora continua dos servizos para ti”, “o mundo na túas mans a un click”

Zuboff fai referencia a toda unha “arquitectura global” que ten como obxecto a recollida masiva de datos para aplicar en procesos da modificación da conduta. Datos que como xa dixemos son recollidos a través das redes sociais, ou de servizos de balde como é o caso dos asociados a GOOGLE, así como outros mecanismos e dispositivos. Xorden novas formas de “economía” e de “produtos”, novos mercados chamados “mercados de futuros de conduta”. Mercados que son o resultado de recoller toda esa información que permite non só coñecer o que facemos no presente tamén permite prever o noso comportamento. Este é o produto de gran valor que venden estas empresas de Silicon Valley: os nosos datos. Comercian con eles sen que estas (segundo declaran na súa política de privacidade) sexan responsables do uso que fagan os compradores dos nosos datos.

Pero o rechamante e verdadeiramente importante é que eses “usuarios”, é dicir os donos deses datos que son obxecto de negocio e compravenda non teñen coñecemento nin outorgaron o permiso para estas operacións. E todo isto trala previa recompilación a través dos xogos (POKEMON GO) ou a través de servizos como o Google Maps, o buscador de google ou dispositivos como Alexia ou redes sociais coma Facebook e Instagram. Todo un mercado que se presenta para nós como un servizo que mellora a nosa vida, que nos ofrece servizos de balde.

O termo de capitalismo da vixilancia non foi un termo escollido ao chou. Toda esta operación está deseñada para non ser percibida e ser indescifrable e queda agochada entre retóricas da “liberdade do Individuo”, “empoderamento do usuario”, “mellora continua dos servizos para ti”, “o mundo na túas mans a un click” ou “o futuro será privado”.....

Nun principio moitas destas xigantes tecnolóxicas din recompilar estes datos para mellorar a nosa experiencia pero tamén ( e iso é o que non contan) empregan estes datos para ser analizados para mellorar o que chaman os “modelos” ou “patróns de comportamento”

O mecanismo é ben sinxelo: ferramentas e instrumentos de balde deseñados en principio para o lecer e o entretemento (as fotos que colgamos nas redes, as buscas que facemos por Internet, os produtos que mercamos, as viaxes que facemos....). Así é como comeza o “Gran Roubo de Datos”. Google coñece as nosas buscas. Facebook, Instagram, coñecen os nosos rostros, os nosos gustos, amizades e todo iso se cruza co “excedente dixital”; a nosa pegada dixital. A pegada da nosa navegación permite coñecer o que gostas de mercar, onde vas, a velocidade a que conduces... Todo iso axuda a facer perfís de consumidores (por colectivos, territorios, zonas, códigos postais, sexo, idade...). Algo que funciona tamén coas “tarxetas agasallo” ou apps das superficies comerciais, que constrúen modelos de consumo dun grande poder de previsión e sen pagar un peso por esa información. 

Aplicación móbil de Facebook © María Elena

Nun principio moitas destas xigantes tecnolóxicas din recompilar estes datos para mellorar a nosa experiencia pero tamén ( e iso é o que non contan) empregan estes datos para ser analizados para mellorar o que chaman os “modelos” ou “patróns de comportamento”. Patróns de comportamento que teñen un grande valor para un amplo espectro de empresas que vai permitir facer máis atractivo o seu produto ou para manipular mellor ao consumidor.

O que queda claro é que calquera pode ser obxecto dun experimento ou estudo por parte dos analistas de datos de Facebook (ou de calquera destas outras redes) sen necesidade de aviso

De todas estas cuestións e do carácter non detectable das actividades nas que traballan estas grandes empresas foi exemplo o experimento realizado sobre máis 700.000 “usuarios” de Facebook. Experimento sen consentimento dos usuarios, segundo revelou un estudo publicado na revista da Academia Nacional das Ciencias de Estados Unidos. O obxectivo deste experimento realizado en xaneiro de 2012 era determinar se era posible o “contaxio emocional” entre individuos. Así, Facebook, en cooperación con científicos das Universidades de Cornell e California, concluíron que os estados emocionais pódense comunicar/contaxiar entre individuos sen necesidade da interacción en persoa. Concretamente a compañía mudou en segredo o seu algoritmo de difusión de novas que recibían estes usuarios. A dita alteración permitiu modificar o contido das informacións recibidas por estes “coellos de indias” para coñecer o impacto que as mensaxes recibidas tiñan sobre as súas emocións. O resultado foi que é posible motivar un contaxio emocional masivo a través de redes sociais, e sen que os “usuarios” sexan conscientes. Un experimento de manipulación emocional a gran escala.

O que queda claro é que calquera pode ser obxecto dun experimento ou estudo por parte dos analistas de datos de Facebook (ou de calquera destas outras redes) sen necesidade de aviso. Segundo os seus termos de uso, de xeito explícito, ao ter un perfil damos permiso a acceder para “operacións internas, resolucións de problemas, análise de datos, experimentos, investigación e melloras no servizo”. Unha porta máis para manipulación das masas para acadar os fins que en cada momento sexan determinados coma prioritarios. 

É un erro pensar que o capitalismo da vixilancia só está presente na nosa vida cando estamos en liña e que só se limita á publicidade nunha páxina web ou á cesión nunha pequena porción da nosa información ou intimidade

Cando empregamos dispositivos como o termóstato de Google (que se descubriu que levaba un micro oculto que a empresa dixo non saber que facía aí), o Google Maps ou Google Earth (tecnoloxía desenvolta pola CIA), ou participamos en xogos en liña (con “módulos cebo” para promover o consumo en “Starbucks” ou “McDonalds”) estamos sendo dirixidos a consumir a través dun sistema de castigos e recompensas. Ademais estas aplicacións, para funcionar correctamente, solicitan permisos para acceder as nosas fotos ou a nosa localización ou solicitan acceso ao dispositivo. É dicir, a información persoal coa que pagas os servizos que din prestar de balde.

Tal e como sinala Zuboff, é un erro pensar que o capitalismo da vixilancia só está presente na nosa vida cando estamos en liña e que só se limita á publicidade nunha páxina web ou á cesión nunha pequena porción da nosa información ou intimidade. O espectro é moito máis amplo e chega a toda a nosa vida, a vida real ( deseñando modelos de conduta) a un nivel que non somos capaces de ver. Aí reside o seu perigo para nós, e aí reside a bendición para estas empresas e xigantes tecnolóxicas.

O gran irmán é a concreción con que o partido é presentado ao mundo. A súa función é actuar como punto de mira para todo” (1984, George Orwell)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.