O caso Filgueira Valverde

Claro que é necesario coñecer a artistas, escritores e eruditos que deu Galiza, saber da nosa intelectualidade e a súa obra é básico para procurar unha sociedade enterada, principio dunha sociedade dinámica. A RAG ten parte diso como misión e cada ano escolle un autor para conmemoralo.

Esta vez o elixido foi Xosé Filgueira Valverde e, independentemente da oportunidade ou non do momento, o certo é que polo seu amplo nivel intelectual, a dicir de quen o estudou, polígrafo, especialista en varios campos do saber, investigador e promotor de iniciativas instrutivas galegas resulta merecedor de ser coñecido polos galegos e galegas. Pero coñecido claro está en toda a súa extensión, porque un é todo non só unha parte e unha separación entre saber e vida pública sería distorsionar a súa personalidade, a súa dimensión humana, sería falsear a súa realidade vital e polo tanto unha burla aos cidadáns receptores do seu coñecemento.

Por iso se se quere ser honesto na explicación da figura de Filgueira debe considerarse no seu conxunto porque cada un é responsable de todo o que fixo na súa vida para o bo e para o malo. Xerar, pois, unha admiración xeralizada a unha persoa unicamente en base a unha das súas facetas esquecendo outras realmente importantes para poder interpretala en toda a súa profundidade, non  explicar os seus contrastes e contradicións, ou tratar de disócialos ou mesmo agochalos, en definitiva non reflectir xunto a súa cultura de obra a súa cultura de vida, sería mentir.

Polo tanto a RAG se escolleu a este home como protagonista das letras galegas para o ano 2015, que sexa para as maduras pero tamén para as duras, noutro caso, sería un engano que soamente fose identificado pola faceta culta ignorando outras actitudes tan importantes como a que o levou a porse no lado do franquismo para apoialo, subxugándose como intelectual a  unha ditadura antiintelectualidade por excelencia, que humillou a este país durante anos reprimíndo a súa fala, a súa cultura identitaria, e as súas liberdades, mentres o seu “movemento nacional” asasinaba a intelectuais galeguistas e republicanos, censuraba artistas e escritores, queimaba libros, dicía morra a intelixencia. Pero se falamos de cultura hai algo máis inculto que isto?

De feito, houbo persoas na historia de grande categoría artística ou literaria á vez que repudiables en canto a súa dignidade humana, aí está o caso do noruego Knut Hamsun un escritor extraordinario merecedor do premio Nobel en 1920 e polo tanto cunha produción literaria digna de admirar pero o que non evita o seu lado abxecto de  apoloxista do nazismo, debería ocultarse isto ás novas xeracións noruegas?.

Segundo isto, e dende o meu punto de vista, o prestixio ou desprestixio da RAG non está en dedicar a Filgueira Valverde o día das letras galegas do 2015 senón no enfoque que lle vaia a dar ao coñecemento de tal personaxe polémico que o pobo ten dereito a coñecer, valorar e xuzgar en relación tanto co campo intelectual como da decencia humana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.