O caso Pintos

O día despois da detención do sindicalista da CIG, Xesus Ánxel López Pintos “Pintos”, o xornal quebrado e salvado pola Xunta de Galicia, con subvencións de 7,2 millóns de euros só na lexislatura de Feijoo, cualificaba os feitos como unha “bronca del naval”. Ese ton de desprezo foi acompañado polas declaracións dos dirixentes do Partido Popular: Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, e Rey Varela, alcalde de Ferrol, fixeron recaer toda a responsabilidade en catro nacionalistas exaltados e violentos da CIG e, por extensión, no BNG, co único obxectivo de contraatacar e eliminar un rival político.

O xornal quebrado e salvado pola Xunta de Galicia, con subvencións de 7,2 millóns de euros só na lexislatura de Feijoo, cualificaba os feitos como unha “bronca del naval”

Teño que dicir que presenciei os actos en primeira persoa, nun día intenso, que comezou pola mañá, na porta do estaleiro de Navantia, de onde saíron tres mil traballadores en manifestación ata o edificio de Facenda, alí produciuse unha queima simbólica dos Presupostos Xerais do Estado. Foi ao final dese acto cando, a través da megafonía, houbo unha convocatoria de todos os sindicatos a través do presidente do Comité de Persoal de Navantia, quen non é precisamente do sindicato ao que se lle atribúe a responsabilidade, para acudir ás once da noite a unha protesta ruidosa e pacífica no acto de pegada de carteis do Partido Popular, dende a Praza do Concello ata o Hotel Almirante. O mesmo sucedeu no Comité de Poligal. En consecuencia, e atendendo a realidade dos feitos, a manifestación non foi espontánea nin tampouco convocada pola CIG por orde do BNG, como así pareceu insinuar o xornal oficialista.

Houbo unha convocatoria de todos os sindicatos a través do presidente do Comité de Persoal de Navantia, quen non é precisamente do sindicato ao que se lle atribúe a responsabilidade, para acudir ás once da noite a unha protesta ruidosa e pacífica

A hora acordada, unhas trescentas persoas, entre operarios de Navantia, representantes sindicais da comarca de CCOO, UGT, CIG e USTG, funcionarios, parados e cidadáns anónimos simplemente indignados coa política de austeridade social, concentrámonos ante as portas do concello para emprender unha protesta ruidosa fronte ao hotel, onde o partido do poder daba arranque a súa campaña electoral. Unha campaña electoral, por certo, tinxida de mala praxe: sete sancións da Xunta Electoral, anuncios rimbombantes de investimentos futuros, enxuizamentos de membros da oposición que, sen entrar a valorar o fondo, cando menos son sospeitosos nas formas, polo don da oportunidade e pola súa desproporción, a maquillaxe das contas públicas recoñecida para ocultar débeda, etc.

É de xustiza recoñecer que uns poucos foron protagonistas de accións concretas que os que estabamos alí non aprobamos e que, ademais, reprobamos no mesmo momento: é inxustificable o lanzamento de pedras e botellas contra o hotel, pero en ningún caso con risco para as persoas. Non vou ser eu o que defenda a actuación dos manifestantes no seu conxunto, pero é necesario analizar todos os factores antes de catalogar a un grupo de persoas cun futuro máis que incerto como  case que terroristas.

A crise do naval en Ferrol está rozando o drama para moitas familias. Tan só nun fatídico mes de xullo 500 operarios das empresas auxiliares víronse na rúa. A cifra de desempregados do sector pode chegar aos dous mil no ano 2013

A crise do naval en Ferrol está rozando o drama para moitas familias. Tan só nun fatídico mes de xullo 500 operarios das empresas auxiliares víronse na rúa. A cifra de desempregados do sector pode chegar aos dous mil no ano 2013. A sombra dun ERE sobre os traballadores fixos do estaleiro planea sobre Ferrol. Non hai carga de traballo. Por vontade política non se constrúe un dique flotante que daría traballo na súa construción e, así mesmo, permitiría a reparación dos grandes gaseiros, coas medidas adaptadas ao novo ancho do Canal de Panamá. Un dique cun custo estimado de cincuenta millóns de euros, unha partida minúscula nos Presupostos Xerais do Estado, nos que ni tan sequera se menciona. O goberno é incapaz de asinar novos contratos e o único que aparentemente conseguiu asinar –o caso Pemex- é un exercicio de ocultismo profesional. Ferrol morre cunha lenta agonía. O naval é a alma da cidade, os comercios están pechando, non hai cartos, baste percorrer o centro na fin de semana: e como visitar una cidade fantasma.

Como vai estar a xente? Que armas teñen para loitar fronte ao poder político? Como superar a manipulación mediática? Estamos a falar dunha cidade que afunde de fame, de desesperación, condenada ao ostracismo político

Como vai estar a xente? Que armas teñen para loitar fronte ao poder político? Como superar a manipulación mediática? Estamos a falar dunha cidade que afunde de fame, de desesperación, condenada ao ostracismo político. O único que nos queda a moitos é a protesta, a carraxe, a impotencia mudada en ira. Dende logo que hai raias que non se deben cruzar, pero ninguén pode impedir o berro da masa asoballada. E iso foi o que ocorreu. Houbo exaltación? Si. Houbo provocación dos militantes do Partido Popular? Tamén. Iso sucedeu. Os militantes do partido popular, dende o primeiro piso, aplaudían con ínfulas de superioridade e desprezo a petición da atención ao Naval, acendendo os ánimos dalgúns, que foi daquela cando mudaron o enfado en violencia en tres ou catro ocasión, provocando a rotura de dúas ventás e unha porta do Hotel Almirante. Danos unicamente materiais, pero danos.

Eu estaba a tres metros. O que presenciei foi unha cacería e xa tiñan a súa presa. Xa podían vender nos medios a barbarie da CIG contraposta o espírito demócrata do Partido Popular, como así sucedeu. Vergoña

A saída do alcalde de Ferrol e do presidente da Deputación, como é sabido, foi baixo protección policial, baixo un mar de apupos e berros. Chegados a Rúa do Carme a escolta policial, composta por membros da policía local, corpo que está baixo as ordes do alcalde, e por axentes da Policía Nacional deu a volta e formou en posición de defensa fronte a un ataque inexistente. Foron increpados, é certo. Non foron agredidos.

Un compañeiro de Poligal perdeu unha perda ortopédica o ser tirado por un axente. Pintos ergueu os brazos: “Tranquilos, joder!”. Acto seguido foi brutalmente reducido, esposado e conducido. Eu estaba a tres metros. O que presenciei foi unha cacería e xa tiñan a súa presa. Xa podían vender nos medios a barbarie da CIG contraposta o espírito demócrata do Partido Popular, como así sucedeu. Vergoña.

Un acto da campaña sucia do PP, unha manobra de confusión que pretende botar unha densa cortina de fume á visión crítica dos cidadáns, convertendo ás vítimas en verdugos. Non o podemos tolerar

Debemos analizar o caso Pintos como o que é: un acto da campaña sucia do PP, unha manobra de confusión que pretende botar unha densa cortina de fume á visión crítica dos cidadáns, convertendo ás vítimas en verdugos. Non o podemos tolerar. Non o merecemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.