No mes de xuño estiven na casa da Valedora en Compostela invitada pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro, onde mantiven unha interesante xuntanza con toda a equipa. Falamos entre outros temas do COVID, da investigación científica, ou da vida na emigración. Tamén saíu o tema das diferenzas biolóxicas entre as mulleres e os homes, en concreto en resposta ás doenzas neurolóxicas, e como os tratamentos clínicos eran os mesmos cando se deberían de axustar dependendo do xénero. María Xosé en colaboración co Consello da Cultura Galega, está a organizar para mes de setembro unhas xornadas que dan visibilidade ó papel da muller no campo da medicina. Dáselle énfase á necesidade de estudiar ámbolos sexos nas distintas fases experimentais e clínicas da investigación biomédica.
Aínda que en termos xerais non podemos dicir que existan diferenzas xigantescas entre o cerebro feminino e o masculino, xa que a maioría das funcións cognitivas son indistinguibles neste momento, compre facer os estudos por separado para dar con mellores tratamentos
Aínda que en termos xerais non podemos dicir que existan diferenzas xigantescas entre o cerebro feminino e o masculino, xa que a maioría das funcións cognitivas son indistinguibles neste momento, compre facer os estudos por separado para dar con mellores tratamentos. É sabido que maioría dos experimentos con animais de laboratorio, sobre todo roedores, realízanse con machos, baixo a premisa que o corpo masculino e feminino responden de maneira semellante á enfermidade. Son moi poucos os estudos nos que se combinaron ambos sexos, ou nos que se establecese unha análise comparativa. Coma científica tratei de indagar nas razóns disto, e preguntei ós meus colegas porque tiñan preferencia polos machos nos estudos. As respostas non viñan cunha xustificación científica, máis ben pragmática. As femias ocasionan máis variabilidade nos grupos de estudo debido aos cambios no seu ciclo sexual, xa que as hormonas xogan un papel importante nos mecanismos fisiolóxicos, e esta variabilidade non se considera nos machos. Non fai moitos anos comezáronse a publicar estudos científicos que demostran as diferenzas no cerebro masculino e feminino, e preguntámonos cal sería a repercusión no tratamento das enfermidades por non haber incorporado as femias nos estudos experimentais con animais décadas antes. É moi importante na investigación preclínica empregar tanto machos como femias, xa que a resposta é diverxente nos diferentes fases da enfermidade, e isto repercute directamente no deseño dos ensaios clínicos en humanos.
Non foi ata o ano 2015 cando os Institutos Nacionais de Saúde (NIH, iniciais en inglés) dos EE.UU. estableceron as pautas para garantir que ámbolos sexos se inclúan no deseño da investigación científica. O sexo como variable biolóxica ten que terse en conta nos deseños de investigación, análises e informes nos estudos sobre animais e humanos vertebrados
Non foi ata o ano 2015 cando os Institutos Nacionais de Saúde (NIH, iniciais en inglés) dos EE.UU. estableceron as pautas para garantir que ámbolos sexos se inclúan no deseño da investigación científica. O sexo como variable biolóxica ten que terse en conta nos deseños de investigación, análises e informes nos estudos sobre animais e humanos vertebrados. As solicitudes de financiación de investigación que propoñan estudar só un sexo deberán proporcionar unha xustificación sólida da literatura científica, datos preliminares ou outras consideracións relevantes. E así se fai, son testemuña diso xa que levo varios anos participando coma membro permanente nos paneis de revisión de proxectos do NIH, onde excluír as femias das investigacións limita recibir diñeiro público para investigar. Pregúntome se estas políticas científicas se están a implementar en Galicia ou en Europa, ou en todo caso están en proxecto de implementación.
Coma agasallo de defensa da miña tese doutoral no ano 2007, as miñas compañeiras e compañeiros de laboratorio déronme o libro da Dra. Brizendine “O cerebro feminino”, coincidindo co ano da súa publicación. O libro desta afamada neuropsiquiatra explica as bases das diferenzas biolóxicas, estruturais e neurofisiolóxicas do cerebro feminino e masculino, que non son so morfolóxicas e estruturais, senón tamén determinan como a neuroquímica afecta ó comportamento. Sen dúbida tamén estas diferenzas se trasladan ás patoloxías, onde hai un nesgo de xénero importante. Anque o libro tamén foi criticado por ser demasiado populista, racha coas discrepancias socioculturais que poden arrastrar na etapa adulta capacidades, limitacións ou determinadas condutas en función de ser unha muller ou home. Porén todas estas cuestións son capaces de desencadear un debate público que dependendo como se explique, quizais acenda un arrebato reivindicativo sobre a igualade de xénero sen lóxica científica ningunha, máis ben todo o contrario.
Desde os xogos na infancia das nenas e nenos, á preferencia por actividades profesionais de orientación social na idade adulta, están en certa medida influenciadas polas hormonas que percorren o noso corpo, pero sen dúbida non son determinantes. Non se pode facer uso destas diferenzas coma xustificación para a profesionalización que protexe o estereotipo masculino outorgándolle superioridade
No ano 2013 asistín a unha conferencia en Washington da neuróloga e best-seller, Helen Fisher, pioneira na neurociencia cognitiva social en función do xénero. A Dra. Fisher explica como certas hormonas poden determinar o comportamento dos homes e das mulleres por separado. Observou mediante imaxes de resonancia magnética de persoas namoradas que os homes tenden a mostrar máis actividade nas rexións do cerebro asociadas á integración de estímulos visuais, mentres que as mulleres mostran máis actividade nas rexións asociadas aos recordos, entre moitas outras investigacións. Desde os xogos na infancia das nenas e nenos, á preferencia por actividades profesionais de orientación social na idade adulta, están en certa medida influenciadas polas hormonas que percorren o noso corpo, pero sen dúbida non son determinantes. Non se pode facer uso destas diferenzas coma xustificación para a profesionalización que protexe o estereotipo masculino outorgándolle superioridade. Trátase de analizar a bioloxía que busca probas de complementariedade entre homes e mulleres pero tentando evadir victimismos. Porén, na actualidade estas afirmacións poden non ser politicamente correctas, a bioloxía non entende de tendencias políticas igualitarias, a ciencia é o que os datos amosan. Deberíamos de poñer en contexto todas estas afirmacións e avalalas con apoio empírico para que non cheguen a interpretarse coma “neurosexismo” empregado na historia do nesgo de xénero que traza superioridades.
Non soamente os cambios hormonais e neuroquímicos poñen en relevo diferenzas consolidadas na conducta, tamén nas patoloxías. O coñecemento das diferenzas no cerebro feminino e masculino pode beneficiarnos no deseño de novos tratamentos dirixidos. Cando traballaba coma profesora de neurociencias na universidade de Georgetown en Washington, fixemos un estudo para caracterizar a resposta inflamatoria despois dun traumatismo en ratos machos e femias. Curiosamente, demostramos que as femias tiñan un sistema de protección máis robusto fronte á inflamación causada polo dano cos machos durante a primeira semana despois dun impacto no cerebro. Isto supón un factor clave á hora de considerar o deseño de fármacos que axuden á recuperación postraumática.
Non podemos pensar na medicina personalizada nun futuro próximo se non incluímos nos experimentos de laboratorio ámbolos sexos e diferentes franxas de idade
Hai diferenzas obvias na resposta ao dano cerebral, e preguntámonos, que as causa? Anque non sabemos as orixes destas diferenzas de xénero no cerebro, sabemos que poden deberse a factores hormonais, á expresión xenética, ás conexións sinápticas, á produción de neurotransmisores, á epixenética, á distintos receptores, ou mesmo á neuroxénese ou outros procesos neuroquímicos que difiren entre as mulleres e os homes. Pero estas diferenzas a nivel bioquímico e celular en diferentes rexións cerebrais non seguen un patrón exclusivo en homes ou mulleres, podemos dicir que é unha combinación de varios compoñentes e existe unha predisposición xenética para que algúns se manifesten en diferente grao en algunhas rexións e noutras non. Hai algunhas rexións do cerebro que están máis feminizadas nunha muller e outras máis masculinizadas nun home, pero as medias nunca predicen o perfil dun individuo. O uso de tratamentos baseados en hormonas neuroprotectoras “femininas”, como os estróxenos ou a proxesterona, asociáronse coa redución da resposta inflamatoria tras unha lesión cerebral ou medular. A pesar de resultados prometedores en datos preclínicos (con animais) para os traumatismos cerebrais, no ano 2014 un ensaio clínico multinacional de fase III da proxesterona administrado a pacientes con lesión cerebral traumática aguda grave non mostrou ningún beneficio clínico. Demostrouse que a proxesterona ten amplas propiedades neuroprotectoras en múltiples especies animais e nunha variedade de modelos de lesións neurolóxicas, pero a maior parte dos experimentos con animais non incluían femias. O desatino coa proxesterona foi moi decepciónante e os resultados clínicos negativos explicáronse polos complexos procesos das lesións cerebrais, que moitos dos cales non responden á monoterapia. Tiráronse ó lixo millóns de dólares de financiamento público e privado, ademais de anos de investigación.
Non podemos pensar na medicina personalizada nun futuro próximo se non incluímos nos experimentos de laboratorio ámbolos sexos e diferentes franxas de idade. A xente que traballa no meu laboratorio en Houston, sabe ben que os estudos que deseñamos teñen que incluír tanto os machos como as femias, anque isto lles supoña traballar o dobre, pero ó final atopamos diferenzas ata na microbiota! A pesar dalgunhas diferenzas entre os humanos e os modelos animais, o traballo científico apoia o feito de que as persoas sofren un proceso hormonal de diferenciación sexual do cerebro do mesmo xeito que os animais, polo que as respostas neuropatolóxicas deben considerarse similares. Porén, non son soamente as hormonas, xa o estábamos a ver cando traballaba en París con neonatos que aínda non producen hormonas. Observamos diferenzas entre os sexos nos mecanismos de protección no cerebro relacionadas con vías celulares específicas, polo que atopámonos nos machos e nas femias distintos resultados anque lles administramos o mesmo fármaco e á mesma dose.
O xénero xoga un papel na prevalencia e o curso natural de varias enfermidades, tamén nos trastornos xenéticos non ligados ao sexo
O xénero xoga un papel na prevalencia e o curso natural de varias enfermidades, tamén nos trastornos xenéticos non ligados ao sexo. En enfermidades neurolóxicas, coma trastornos neuropsiquiátricos ou enfermidades neurodexenerativas, tamén existe unha inclinación predominante en homes ou mulleres segundo a enfermidade da que falemos. É evidente en enfermidades neurodexenerativas como a enfermidade de Parkinson máis frecuente nos homes, a enfermidade de Alzheimer máis frecuente nas mulleres ou a demencia por corpos de Lewy máis frecuente nos homes. Secasí, en poucas ocasións, e recentemente con máis frecuencia, nas enfermidades autosómicas condicionadas, estanse identificando diferenzas de xénero. Cómpre salientar que tamén o nesgo de xénero xoga un papel importante no COVID, e concretamente nas distintas etapas da enfermidade. Demostrouse que afecta máis ós homes na fase aguda, mentres afecta máis ás mulleres nos efectos da enfermidade a longo prazo. Os trastornos como a depresión provocada por alteracións no eixo do estrés hormonal-neurolóxico diagnostícanse o dobre de frecuencia nas mulleres que nos homes. Outro exemplo claro é a anorexia nerviosa ou a bulimia nerviosa, que son enfermidades nas que as mulleres novas teñen entre 3 e 10 veces máis probabilidades de padecer este trastorno. Pola contra, o autismo ou o trastorno por déficit de atención e hiperactividade é de 4 a 5 veces máis frecuente nos nenos que nas nenas.
Os nosos intentos de comprender a bioloxía humana non poden avanzar ata que expliquemos as cousas como son e sen prexuízos, non como nos gustaría que fosen
Nas enfermidades nas que se identificaron diferenzas de xénero, o modelado, deseño e interpretación de estudos observacionais e ensaios clínicos deberían realizarse con respecto ao xénero dos participantes. Os deseños experimentais e as liñas de investigación terán que investigar a causa biolóxica da predisposición sexual a padecer unha ou outra enfermidade, e así poder planificar un tratamento dirixido e individualizado. Os fármacos ou vacinas, especialmente para os trastornos neurolóxicos, terían que ter unha investigación de base elaborada tanto en machos como en femias. En resumo, deberían de considerarse as características individuais de cada paciente, coma o sexo, a idade, a raza, ou mesmo a composición da microbiota intestinal. Todos estes informes personalizados integraríanse en plataformas de intelixencia artificial de aprendizaxe automática para que os datos falen, e recomenden tratamentos e doses axeitadas a cada individuo, porque cada quen é distinto.
Os nosos intentos de comprender a bioloxía humana non poden avanzar ata que expliquemos as cousas como son e sen prexuízos, non como nos gustaría que fosen. A investigación científica sempre estivo en marcha e nunca parada, tratando de dar resposta ás cuestións máis preocupantes, mantendo o rigor científico e sen deixarse levar por conspiracións sen evidencias, pero tamén hai que entender que a ciencia precisa revisarse constantemente, e nesas seguimos.