O ciclo triunfal de Feijóo

Feijóo nun mitin desta campaña electoral © PP

Os resultados da cita electoral do pasado 12 de Xullo pódense resumir en poucas palabras: mantemento da maioría absoluta de Feijóo, medre substancial do BNG (acadando o segundo posto do ranking parlamentario), práctica desaparición dos restos do que foi -no ano 2016- En Marea e notábel estancamento do PSdG.

A ratificación da hexemonía absoluta do PPdG require unha explicación que vaia mais alá dos avatares políticos rexistrados na última lexislatura. É necesario contemplar a dinámica dos acontecementos dende o ano 2009, no que Núñez Feijóo consegue de xeito sorprendente -tal e como recoñeceu posteriormente o propio protagonista- derrotar ás forzas que conformaran o goberno bipartito no verán de 2005. A partir dese momento comezou un novo ciclo político caracterizado por dúas realidades paralelas: consolidación dun novo liderado no vello PP (con moi poucas divisións internas, circunscritas á provincia de Ourense, e solventadas sen maiores problemas) e cambios sucesivos no espazo da oposición. Lembremos a secuencia do sucedido: Touriño e Quintana abandonan a dirección do PSdG e do BNG a pesar de que o resultado das eleccións de 2009 non xustificaba un afastamento tan expeditivo e rápido. A división operada na organización nacionalista a partir da Asemblea de Amio (xaneiro de 2012) provocou a aparición da AGE encabezada por X.M. Beiras e a súa posterior conversión en terceira forza na Cámara do Hórreo. Ao mesmo tempo, a prevista chegada de Xosé Blanco como candidato socialista foi substituída por alguén como Pachi Vázquez que posuía unha capacidade competitiva nitidamente inferior. A conclusión foi contundente: na cita electoral do outono de 2012, Feijóo pasou de 38 a 41 deputados a pesar de que estabamos atravesando os momentos mais duros da grave crise económica desatada na zona euro.

O ciclo político triunfal de Feijóo construíuse, nunha grande medida, grazas aos erros, eivas e divisións presentes -en diferentes momentos e intensidades- no PSdG, BNG e En Marea

No ano 2016 houbo novos cambios no ámbito da teórica alternativa a Feijóo. O PSdG -atrapado entre a renuncia de Besteiro por razóns xudiciais e a inestabilidade do cumio dirixente de Ferraz, dividido ante o apoio á continuidade de Rajoy na Moncloa- elixiu en primarias a Fernández Leiceaga para disputar a nova batalla electoral. O BNG tamén optou pola substitución de F. Jorquera por Ana Pontón. Para completar o cadro, configurouse unha nova formación -En Marea- que agrupaba sectores nacionalistas e da nova esquerda estatal nucleada arredor de Unidas Podemos e que presentaba ao xuíz Luís Villares como principal figura referencial. As urnas confirmaron, mais unha vez, a vitoria folgada do máximo dirixente do PP galego e alteraron a relación de forzas na oposición: EM acadou a condición de segunda forza e PSdG e BNG, con 14 e 6 escanos, tocaban fondo na súa historia electoral precedente.

Neste 12 de Xullo, o panorama da oferta opositora mudou novamente. O PSdG substituíu a Leiceaga por Gonzalo Caballero e a Marea de 2016 escenificou -mediante dúas candidaturas- o esfarelamento do capital reputacional que tiña acadado nas institucións representativas. Só o BNG mantivo a súa proposta anterior, combinando unha realidade organizativa moi homoxeneizada -sen a pluralidade interna que o tiña caracterizado entre os anos 1982 e 2012- co liderado dunha figura -Ana Pontón- capaz de transmitir unha imaxe atractiva para moitos dos votantes que deixaran de apoiar á organización nacionalista.

O ciclo político triunfal de Feijóo construíuse, nunha grande medida, grazas aos erros, eivas e divisións presentes -en diferentes momentos e intensidades- no PSdG, BNG e En Marea. Ademais, loxicamente, das coñecidas fortalezas do PPdG: grande cohesión interna, presenza organizada en todo o territorio, apoio continuado dos principais poderes económicos e mediáticos. Para derrotar a unha forza tan poderosa -convén sempre lembrar que nos case 40 anos de andaina autonómica este partido só estivo 6 anos fora do goberno galego- é condición necesaria que os distintos grupos da oposición tivesen maximizado a súa credibilidade diante da cidadanía. Por citar un exemplo da recente campaña: por que PSdG, BNG e GeC non fixeron unha solemne declaración conxunta asegurando a formación dun goberno alternativo se as cifras das urnas resultaban propicias?

Cando haxa estudos postelectorais solventes comprobarase se os principais damnificados pola non asistencia ás urnas estiveron, sobre todo, no territorio da oposición e, singularmente, no espazo potencial do PSdG

A existencia dunha grave e imprevista crise sanitaria podería sementar dúbidas a respecto do efectivo cumprimento dos prognósticos unánimes das enquisas debido ao inevitábel medo xurdido no corpo electoral. Finalmente, comprobouse que a maquinaria organizativa e mediatica de Feijóo foi quen de minimizar o impacto da abstención nos seus votantes mais fieis. Cando haxa estudos postelectorais solventes comprobarase se os principais damnificados pola non asistencia ás urnas estiveron, sobre todo, no territorio da oposición e, singularmente, no espazo potencial do PSdG.

A pandemia creou un clima de forte inquedanza social polas inseguridades que provoca nas condicións de vida do inmediato futuro. Neste contexto, pode operar, nunha parte relevante da cidadanía, aquela vella máxima de Ignacio de Loyola :”en tempos de tribulación, non facer mudanzas”. O aparato propagandístico de Feijoo excitou, con insistencia, semellante pensamento conservador para conseguir manter o poder. O éxito foi indiscutíbel. E os deméritos alleos, acumulados nos últimos 11 anos, tamén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.