O comercio polo miúdo e a austeridade

CC-BY-SA Praza Pública

Un dos sectores mais castigados polas políticas de austeridade é, sen dúbidas, o do comercio polo miúdo. A forte caída do consumo interno, o endurecemento da política credticia polos bancos, a fortisima competencia das grandes areas comerciais, algunhas moi agresivas, e a falta de visión de moitos gobernos municipais, especialmente das grandes e medias vilas, tiveron un enorme impacto negativo sobre o comercio polo miudo. Factores todos derivados tanto da mundialización neoliberal como das políticas chamadas austericidas (axuste fiscal compulsivo, e rebaixa salarial) que gobernos como os de Galicia e España adoptaron coa devoción e a fé dos crentes fanáticos. 

Os informes mais solventes e fiables confirman este dévalo do comercio galego polo miúdo. “En Galicia, segundo o directorio central de empresas, entre 2010 e 2017 perdéronse o 9,2% do total dos locais comerciais destinados ao comercio polo miúdo, o que está afectando a fisonomía das nosas cidades e vilas. Neste curto período de tempo pecháronse un terzo dos establecementos comerciais non especializados e a cuarta parte das tendas que distribuían equipos para as tecnoloxías da información e as comunicacións en establecementos especializados. As perdas de locais que distribúen artigos de uso doméstico en establecementos especializados descenderon case un 13%, mentres que pola contra aumentaron aínda que levemente os locais especializados en produtos de alimentación, bebidas e tabaco, e tamén os comercios especializados en artigos de automoción”. (A Economia Galega. Informe 2017. A fundación). 

Nesta grande crise conflúen varios factores. Uns ligados a grande recesión última, outros a mundialización neoliberal, pero todos moi relacionados entre si por gallo das políticas austericidas. A grande crise do comercio polo miúdo víuse inicialmente provocada por unha forte caída da demanda interna, e mais en concreto do consumo. Con menos e mais precarios empregos, con rebaixas salariais e sen apenas aforros polo forte endebedamento, o consumo das familias se resinte. E si se resinte o consumo caen as vendas, e medran as débedas dunha actividade que depende moito do gasto que realicen as familias pois non acuden, ou fano en moi pequena escala, ao comercio exterior. En segundo lugar o endurecemento da política crediticia por parte duns bancos mais interesados en tapalos seus buratos e en apostar na economía especulativa que en investir na economia produtiva o que tamén afecta a un comercio polo miúdo precisado de liquidez para financiar o seu circulante. Non cabe dúbidas de que a desfeita das caixas galegas de aforros minguou enormemente a oferta de crédito ao comercio polo miúdo e as pemes. As políticas tributarias neoliberais, que poñen o acento nos impostos indirectos –como, por caso, o IVE- afectan as ventas e ao consumo con maior virulencia nos pequenos negocios por razóns obvias. O mesmo sucede coa suba nos prezos de servicios fundamentais (enerxía, luz, teléfono, seguros..) que disparan os custos básicos.

Coa mundialización neoliberal e o empuxe do libre comercio favoreceuse o auxe das grande áreas, que en moitos casos vai xunguido aos crecementos urbanos Uns centros de venda e distribución que practican unhas políticas comerciais moi agresivas e de competencia desleal como por caso coas súas ofertas de grandes rebaixas todo ano e con horarios e xornadas sen limítes. O grande desenrolo das novas tecnoloxías de información e comunicación (NTIC) dispara o crecemento da venta online que practica unha política comercial tamén moi agresiva con uns prezos mais competitivos e prácticas de dumping.

Si se analiza con detalle todos e cada un dos factores citados verase que, como sinalaba, están íntimamente ligados as políticas neoliberais que se veñen aplicando moi especialmente dende que estourara a crise financeira (2008) e que están na raiz da grande recesión última. As políticas laborais, fiscais, monetarias e comerciais neoliberais golpean con dureza ao comercio polo miúdo e Galicia non é, todo o contrario, unha excepción. Carente de políticas públicas de apoio ao comercio polo miudo e con un sector escasamente revindicativo a crise resultaba inevitable. 

Esta crise é tamén unha manifestación mais do abismo que a mundialización neoliberal está creando entre as grandes unidades económicas (bancos, empresas, comercios) e as pequenas e medianas. Un abismo que supón que mentres as pequenas viven cada vez pior, senón desaparecen de seu, as grandes amasan fortunas escandalosas. Un abismo que é impulsado, repito, polas políticas públicas neoliberais que, no caso de Galicia, aplica a Xunta de Galicia con indiscutible entusiasmo.

Unha crise que tamén afecta, como resulta lóxico, aos consumidores especialmente aos de rendas medias e baixas. Afecta na oferta tanto no produto como nos prezos e, en moitos casos, na calidade. Afecta as condicións laborais dos traballadores xa que as grandes áreas comerciais son pioneiras na precarización e a pobreza laboral. E, finalmente, afecta aos hábitos de consumo de moitas familias que se ven arrastradas pola cultura da “grande área comercial”.

O comercio polo miúdo sempre desempeñou un papel moi relevante tanto na economía como na sociedade galegas. Por esta razón a súa crise toma unha dimensión social indiscutible moi especialmente nos núcleos medios e pequenos que son maioría en Galicia e onde a habitabilidade vese afectada pola crise deste sector.

Unha crise cuxo dimensión i extensión esixiría dos poderes públicos actuar decidida e rapidamente antes de sexa demasiado tarde. Algo que non parece moi probable visto o resultado que vaticinan a maioría das enquisas para as eleccións xerais do 28 de abril.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.