O concepto de Reconquista, nin operativo nin inocente

A continuación expoño a miña humilde opinión sobre o uso do termo Reconquista na historiografía española actual, en base á lectura (debida a esixencias académicas) dos seguintes artigos: Ayala Martínez, Carlos de, “La Reconquista: ¿ficción o realidad histórica?”, en Gordo Molina, Ángel y Melo Carrasco, Diego (coords.), La Edad Media peninsular. Aproximaciones y problemas, Gijón, Trea, 2017, pp. 21-38 e García Sanjuán, Alejandro, “Cómo desactivar una bomba historiográfica: la pervivencia actual del paradigma de la Reconquista”, en Ayala Martínez, Carlos de, Fernandes, Isabel y Palacios Ontalva, J.Santiago (eds.), La Reconquista. Ideología y justificación de la guerra santa peninsular, Madrid, 2019, pp. 99-119. No primeiro Carlos de Ayala explica moi claramente o proceso de construción do relato (amparado polo neogoticismo) que vincula ós cristiáns do norte co anterior reino visigodo e polo tanto pretenderá crear a idea de lexitimidade histórica do proceso de expansión cara o sur peninsular dominado polos musulmáns. Pola súa parte o segundo ven a complementar a visión meramente histórica do primeiro, aportando nocións historiográficas, que nos apuntan como o propio termo de “Reconquista” é creado no século XIX polo nacionalismo españolista, sendo recollido como principio básico da obra de Claudio Sánchez-Albornoz e posteriormente volto a revitalizar ca instauración del franquismo. 

Para comezar, gustaríame expor que considero que a pesar de que existan tres posicións historiográficas ó respecto do uso do termo, a segunda (partidaria do uso acoutado do termo) anteponse ca terceira (partidaria de substituír e abandonar o termo) pero deixa a porta aberta á primeira (partidaria do uso do termo como se non pasase nada). Polo tanto a miña posición é a de desterrar do ámbito académico o termo de Reconquista, substituíndo polo de “conquista cristiá” ou algo semellante. Isto non é porque o considere ofensivo ou inoperativo, se non que as connotacións que conleva poden derivar en auténticas monstruosidades interpretativas. Ante aqueles que o consideran necesario, creo que ó que se refiren é a que se trata dun termo operativo (referíndose con claridade á un proceso de creación dun discurso histórico lexitimador), pero esta operatividade contrasta ca ideoloxización do mesmo, o que descarta a súa inocencia e por esta razón creo que debería ser eliminado sen paliativos. Non se trata só do emprego do termo, é todo o que pode derivar do mesmo. Considerando como necesario, operativo e inocente estamos xustificando en certa medida as manipulacións históricas que sobre o mesmo se edificaron. Este non é o único tópico que se debe desterrar da historiografía hispánica... (a tradución literal tan común de Hispania por España como si se tratase da mesma entidade territorial, o mantemento do negacionismo do shock que supuxo a conquista americana, o constante recurso á lenda negra, a sobre dimensión de personaxes como Laín Calvo e Nuño Rasuda, Fernán González ou o Cid, esconder o profundo reaccionarismo que se agochaba tras os que organizaron a resistencia da Guerra de Independencia contra os franceses...). Non debemos esquecer o contexto de orixe do termo, polo que xa naceu impregnado de nacionalismo. Unha das interpretacións do fenómeno nacionalista (a máis acertada ó meu parecer) é a dunha construción burguesa que pretende diluír as diferenzas sociais que mediante recursos sentimentais, traducíndose polo tanto irracionais, pretende crear un ente nacional homoxéneo que acabe cas tensións sociais. No caso concreto de mitos como a Reconquista este dilúe as tremendas diferenzas sociais que caracterizarán a España dende a consolidación do feudalismo ata a actualidade, así como posteriormente o concepto de Cruzada nacional será empregado para borrar da historia ós perdedores dunha guerra civil que aínda seguen esperando xustiza en fosas comúns. Por outro lado para aqueles que seguen unha visión españolista da historia o termo si que lles resultaría válido, co transfondo da lexitimidade dos cristiáns para expulsar ós musulmáns. Dende estas posicións mantense a visión catastrofista da invasión árabe, negando o seu legado cultural. Por non falar da suposta panacea que sería para as mulleres vivir en terras de cristiáns, algo que os documentos parecen non apoiar. Polo tanto o que nos deixa en claro é que de novo o españolismo forxarase sobre valores negativos, como na actualidade. Todo isto déixao magnificamente expresado no seu artigo Alejandro García Sanjián, cuxos argumentos conseguen imporse á boa fe de Carlos de Ayala Martínez. 

A esas persoas que fan historia sen pensar nin nos cambios históricos e nin sequera na totalidade dos propios documentos históricos non chega con marxinalos, hai que ter unha actitude ofensiva ante os mesmos, destruíndo cientificamente as bases do seu discurso. Para isto sobran argumentos, aínda que eles teñan os medios económicos que fan que a autonomía da Academia a veces se resinta. É de sobra coñecido que a cultura crítica redime do fascismo, e de lograr este propósito desmontaríase un dos mitos fundacionais da dereita española. 

Aínda que peque de reducionista, atreveríame a propor que estes mitos históricos se deben combater nas escolas. Tal como expresei é no ámbito académico onde se debe loitar contra a mitoloxía histórica, pero a súa capacidade de divulgación sempre vai ser limitada. Polo tanto considero que a labor de divulgación a ampla escala é esencial, xa que é na adolescencia cando formamos o noso imaxinario histórico, e aínda que de maneira superficial seguimos escoitando termos como “Reconquista”, deixarase a porta aberta a futuras tendencias antisociais con base na frustración ou a marxinación social. Isto sería o que nos explica F. Javier Peña Pérez na súa obra El surgimiento de una nación. Castilla en su historia y sus mitos, dicindo algo así como que o elenco de mitos nacionalistas que fundamentan espiritualmente os estados modernos actuais son un “campo abierto donde el tiempo va dando cuerpo imaginario a los deseos insatisfechos, a los miedos incontrolados y a las frustraciones consumadas, tanto individuales como colectivas”. Por todo isto a labor dos historiadores é fundamental, debendo loitar duramente contra as nosas paixóns nacionalistas cada vez que nos poñamos a elaborar historia. Por outro lado considero que é moi necesario unha labor de revisión crítica de autores como Claudio Sánchez-Albornoz, xa que, a pesar do seu inxente labor histórica e calidade intelectual, trátase dun home preso do seu tempo e das súas conviccións filosóficas e relixiosas, polo que canto menos deixe de sustentarse o medievalismo española na súa obra menos argumentos a favor de posición exotéricas poderán sosterse.

Porén, creo que sería errónea a interpretación do intento de restauración do termo Reconquista como un fenómeno illado e que se produce por xeración espontánea. Non debemos esquecer que sobrevivimos nun país no que un ditador (que, tal como os astures consideraban que os visigodos caerán polos seus numerosos pecados, vía a monarquía reflexada en Afonso XIII como unha institución decadente presa da masonería) legou o seu mando a un rei, cuxo fillo aínda nos rexe. Neste mesmo país non se declaran anticonstitucionais partidos de extrema dereita, nin se ilegalizan partidos que sentencias xudiciais equiparan con organización criminais, e demais actos infames que de sobra todos coñeceredes. Nisto encaixaría o feito de que na Transición debéronse purgar moitas cousas que logo non se purgaron, sendo os restos desa historiografía reaccionaria unha clara mostra disto. 

Finalmente destacar que esta tratase dunha visión moi crítica pero tamén moi subxectiva da historiografía española (quizá algo perturbada polos acontecementos recentes e a situación de enclaustramento), xa que ante a visión do medievo como período formador de “carácteres nacionais” considérome máis a favor das teses iniciadas (continuando a liña dos pioneiros Bloch e Duby) por Abilio Barbero e Marcelo Vigil, con algunhas continuadoras como Reyna Pastor entre outras, que se inclinan máis por ver na historia medieval a consolidación dunha sociedade profundamente desigual, que cada vez cerca máis a un campesiñaado en retroceso que co devir histórico se acabará convertendo no maltratado proletariado urbano, marcado dende entón polo signo da derrota histórica, un derrotado proletariado do cal somo herdeiros, pero ante isto preténdesenos impor ideas de odio racial ou cultural (esencia básica da teoría postmoderna de Samuel Huntington) esquecendo así os nosos orixes e destino común. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.