O eixo básico dun concepto do territorio pensado dende a sustentabilidade é a transversalidade: atender e integrar os distintos enfoques e necesidades mantendo unha ollada global sobre o conxunto, do amplo ao concreto. A súa finalidade debe ser ordenar, protexer, conservar e recuperar. O territorio é físico, mais tamén ambiental, cultural e sen dúbida afectivo cunha realidade que cumpre non esquecer: o territorio compartímolo con outros seres vivos.
Mais para a administración Feijoniana o territorio semella ser ese elemento que acubilla a artificialidade construída polo ser humano e carece de calquera outra faciana: supón un conxunto de atrancos medidos en toneladas de terra, cemento e asfalto precisos para dobregalos.
Só así podemos entender a voracidade lexislativa-destrutiva desta administración, que en tres anos tenlle metido man a practicamente toda a lexislación do territorio existente. Mais non só iso, senón que esta desfeita tense desenvolvido dun xeito caótico, mesturando plans de ordenación con directrices, planos sectoriais con leis, reformas con luz e taquígrafos con outras agochadas.
O ano da súa toma de posesión é paradigmático do que ven facendo toda a lexislatura. Ao longo dese ano puxo en marcha ou aprobou tres planos sectoriais como son o Plano Galego de Acuicultura (primeira medida: permitir unha macropsicifactoría en Cabo Tourriñán), Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia e Plan Move; un plano de ordenación (Plano de Ordenación do Litoral), unha modificación da lei do solo, puxo en fase de redacción unha nova lei do solo e anunciou unha nova lei de montes. Todo sen ter aínda aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio, fito que non se deu ate o primeiro trimestre de 2011. É dicir, elaboramos proxectos e aprobamos planos con grande incidencia no territorio sen termos fixadas previamente as directrices que deben guiar calquera intervención sobre este.
De aí continuamos, desta vez por camiños máis escuros, na desprotección co intento da Consellería de Agustín Hernández de aproveitar o proxecto de lei de acompañamento aos orzamentos 2011 para eliminar 6 categorías de solo rústico protexido, deixando só dúas e estas coa salvidade de que excepcionalmente, poderían autorizarse "as actuacións precisas para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións". Cando sae á luz pública a nova rectifica, aludindo a un erro de redacción, e deixa a modificación na eliminación dos solos rústicos de protección agropecuaria o forestal para permitir a instalación de industrias.
O seguinte paso é a nova Lei de Montes, actualmente en fase de tramitación, no que entra de cheo no aspecto “produtivo” forestal. Así, temos que posibilita a recualificación de terras agrícolas, ate o de agora protexidas en forestais, afogando aínda máis o acceso a terra cultivábel e reducindo a nosa capacidade de produción agraria, en aras de supostamente potenciar os cultivos agroenerxéticos.
Tamén, como non podía ser menos, hai que botarlle man ao buque insignia da protección como é a Rede natura. Por obrigas legais marcadas por directivas europeas, que non por gusto estou seguro, a Xunta presentou o seu proxecto de ampliación da Rede Natura. Actualmente está en exposición pública, mais xa chama a atención a afirmación do daquela Conselleiro de Medio Rural de que a ampliación “foi coordenada coa Consellaría de Economía”. Será por iso que van aparecendo buracos desprotexidos onde hai solicitudes de proxectos eólicos. Véxase así a Serra da Groba, no que parte do parque eólico proposto ficaría a escasos 500 metros do Lugar de Interese Comunitario que se pretende crear e outra parte fica encaixada entre este futuro LIC Serra de Groba e o de Oia. E por suposto, seguen a recuperarse proxectos mineiros (canteiras na Serra de Enciña da Lastra) e de centrais hidroeléctricas (río Loio).
O seguinte paso é afondar na desfeita por vías indirectas como a nove Lei de Industria que recolle que os proxectos considerados “estratéxicos” quedan exentos de grande parte dos requisitos ambientais e permite a súa instalación en solos rústicos e de especial protección, espazos protexidos e de alto valor paisaxístico. Para ser “estratéxico” cumpre investir 50 millóns de € e crear 250 postos traballo. Que coincidencia! esas son as cifras que anuncia a empresa que pretende construír a nova incineradora no Irixo.
Finalmente, tras modificar o modificable, cumpre legalizar o ilegalizable como son os milleiros de vivendas construídas en Barreiros (Lugo), fora do planeamento, sen as infraestruturas esixidas pola normativa, con licencias impugnadas pola propia Xunta en 2006 e declaradas ilegais segundo sentencias xudiciais. Non hai problema, facemos un convenio sectorial, aportamos 14 millóns de euros de cartos públicos para facer as infraestruturas non acometidas polas construtoras e legalizamos a desfeita.
E como novo convidado a este aquelarre lexislativo entra en escena o novo goberno amigo en Madrid, cuxa primeira medida é a revisión da Lei de Costas coa intención de modificala en profundidade, segundo palabras do ministro Arias Cañete. Sen dúbida, Ence-Elnosa agarda expectante o resultado.
E así, paso a paso imos desmontando a xa de por si escasa protección do territorio e desbaldimos irremediablemente o que fai parte inseparábel da nosa condición de seres vivos, da nosa cultura e da nosa realidade persoal e colectiva: o espazo físico que habitamos.
Ao peche deste artigo, o presidente da Xunta anunciaba en rolda de prensa a presentación de 23 novas leis ante o remate da lexislatura entre as que estarán a Lei de montes, a Lei de vivenda, a Lei da industria marítima e a Lei de acuicultura.
Que sorpresas traerán nos seus artigos?